O 18 de setembro de 2024 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 892/2024, do 10 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de vehículos históricos, en vigor desde o 1 de outubro de 2024.
Este real decreto derrogou o Real decreto 1247/1995, do 14 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de vehículos históricos, que contiña as disposicións de carácter xeral en materia de vehículos históricos. Entre os requisitos exixibles para que un vehículo tivese a consideración de histórico, a mencionada norma facía referencia á inspección previa nun laboratorio oficial de vehículos históricos acreditado polo órgano competente da comunidade autónoma.
Coa entrada en vigor do Real decreto 892/2024, a figura do laboratorio oficial de vehículos históricos desaparece. No seu lugar, define a figura dos servizos técnicos de vehículos históricos, que pasan a desempeñar, esencialmente, o labor que lles correspondía aos laboratorios oficiais.
Segundo a disposición transitoria segunda do novo regulamento, os laboratorios oficiais que viñan desenvolvendo a súa actividade conforme o Regulamento de vehículos históricos, aprobado polo Real decreto 1247/1995, do 14 de xullo, disporán dun prazo máximo dun ano, desde a data de entrada en vigor do Real decreto 892/2024, para adaptarse ao cumprimento das novas exixencias regulamentarias e habilitarse mediante a presentación dunha declaración responsable ante o órgano competente da comunidade autónoma onde estean radicados.
De acordo co artigo 22 do Real decreto 892/2024, a persoa física ou xurídica que, cumprindo os requisitos dispostos no artigo 21 do real decreto desexe exercer a súa actividade como servizo técnico de vehículos históricos, deberá dirixir previamente ao órgano competente da comunidade autónoma onde estea radicada, unha declaración responsable na que manifeste que cumpre todos os requisitos do regulamento necesarios para exercer a actividade como servizo técnico de vehículos históricos. Así mesmo, establece que a declaración responsable se axustará ao modelo actualizado publicado na sede electrónica do devandito órgano competente.
Esta declaración responsable, desde o momento da súa presentación, habilita o servizo técnico de vehículos históricos para actuar en todo o ámbito do Estado e por tempo indefinido, sen que poidan impoñerse requisitos ou condicións adicionais.
Por todo o anterior, é preciso regular o procedemento para a habilitación como servizo técnico de vehículos históricos e establecer o modelo normalizado de declaración responsable ao abeiro do disposto no artigo 22 do Real decreto 892/2024, do 10 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de vehículos históricos.
Con base no exposto, e no exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, segundo o disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio),
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para a habilitación como servizo técnico de vehículos históricos e establecer o modelo normalizado de declaración responsable ao abeiro do disposto no artigo 22 do Real decreto 892/2024, do 10 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de vehículos históricos.
Para isto, habilítase un formulario na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, co seguinte código: IN630C–Declaración responsable para a habilitación como servizo técnico de vehículos históricos.
Segundo. Especificidades do procedemento IN630C
Este procedemento permite ás persoas físicas ou xurídicas presentar a declaración responsable exixida na disposición transitoria segunda e no artigo 22 do Real decreto 892/2024. Coa súa presentación, o declarante manifesta que cumpre todos os requisitos establecidos no Real decreto 892/2024, para o exercicio da actividade como servizo técnico de vehículos históricos, en particular, o disposto no artigo 21 do antedito real decreto.
Esta declaración responsable, desde o momento da súa presentación, habilita a persoa declarante como servizo técnico de vehículos históricos para actuar en todo o ámbito do Estado e por tempo indefinido, sen que se poidan impoñer requisitos ou condicións adicionais. Todo isto, sen prexuízo das facultades posteriores de verificación e control que desde o órgano competente da comunidade autónoma se poidan realizar.
Terceiro. Prazo de presentación
O procedemento IN630C é un procedemento de prazo aberto.
Os laboratorios oficiais que viñan desenvolvendo a súa actividade consonte o Regulamento de vehículos históricos, aprobado polo Real decreto 1247/1995, do 14 de xullo, disporán dun prazo máximo dun ano, desde a entrada en vigor do Real decreto 892/2024, do 10 de setembro, para habilitarse mediante a presentación da citada declaración responsable, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do novo regulamento.
Cuarto. Forma e lugar de presentación
O procedemento IN630C para levar a cabo o cumprimento do trámite establecido farase mediante a presentación dunha declaración responsable onde se declare o cumprimento do disposto na disposición transitoria segunda do Real decreto 892/2024 (válido durante un ano desde a entrada en vigor do Real decreto 892/2024), a alta como servizo técnico de vehículos históricos en aplicación do disposto no artigo 22 do Real decreto 892/2024, a modificación dunha declaración anterior ou o cesamento da actividade. A dita declaración irá dirixida polos interesados ao órgano competente da comunidade autónoma, que será a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
A declaración responsable presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Quinto. Taxa
No caso de que o obxecto da solicitude sexa a alta como servizo técnico de vehículos históricos en aplicación do disposto no artigo 22 do Real decreto 892/2024, o procedemento terá vinculada unha taxa (código 32.73.00) que se liquidará de xeito telemático no momento de presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sexto. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
• DNI ou NIE da persoa declarante.
• DNI ou NIE da persoa representante.
• NIF da persoa declarante.
• NIF da persoa representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Sétimo. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Oitavo. Trámites administrativos posteriores á presentación da declaración responsable
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da declaración responsable deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Noveno. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación deste procedemento regulado nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Decimo. Eficacia
Esta resolución será eficaz o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do disposto nesta resolución, así como as que resulten precisas no ámbito de aplicación do Real decreto 892/2024, do 10 de setembro.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
