A Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 establece o período autorizado para a extracción dos recursos xerais e as cotas de captura para as diferentes especies nas zonas de libre marisqueo non sometidos a plan específico.
Como novidade, nesa orde engádese unha cota máxima de captura para a ostra rizada (Magallana gigas) nas zonas de libre marisqueo para contribuír a que esta especie se manteña no ámbito actual de distribución, permitindo ao mesmo tempo obter un beneficio económico coa súa explotación como recurso marisqueiro.
A Confraría de Pescadores de Pontedeume presentou unha solicitude para prorrogar durante os meses de abril, maio e xuño o período autorizado durante o ano 2025 para a extracción da ostra rizada (Magallana gigas) en zonas de libre marisqueo non sometidas a plan de xestión na ría de Ares e Sada (Betanzos) na modalidade de marisqueo a pé. A dita solicitude foi valorada positivamente polo resto das confrarías con mariscadores a pé da zona VII e conta cos informes favorables do persoal técnico da Consellería do Mar respecto á modificación do período autorizado durante o ano 2025.
A orde respecta os principios de boa regulación establecidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Así, de acordo cos principios de necesidade, proporcionalidade e eficacia, esta norma explica os fins perseguidos coa súa aprobación, contén a regulación imprescindible para atender a súa finalidade e non impón cargas administrativas á cidadanía. Igualmente, en virtude do principio de seguridade xurídica, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico e, en cumprimento do principio de transparencia, identifícanse con claridade nela os obxectivos que se pretenden acadar e foron consultadas as confrarías afectadas. Así mesmo, na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
En consecuencia, en virtude das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 (códigos de procedemento PE403A, PE403C, PE403D e PE403E).
A letra b) do número 2 do artigo 4 da Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2024-2026 (códigos de procedemento PE403A, PE403C, PE403D e PE403E), queda redactada como segue:
«b) Resto das zonas:
I. Ano 2024:
Na ría de Ares e Sada, pertencente á zona marisqueira marítimo-terrestre VII A Coruña-Ferrol, no caso do marisqueo a pé e para, única e exclusivamente, a ostra rizada (Magallana gigas), do 2 de xaneiro ao 28 de xuño e do 1 de outubro ao 31 de decembro.
Para o resto: do 2 de xaneiro ao 27 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro.
II. Ano 2025:
Na ría de Ares e Sada, pertencente á zona marisqueira marítimo-terrestre VII A Coruña-Ferrol, no caso do marisqueo a pé e para, única e exclusivamente, a ostra rizada (Magallana gigas), do 2 de xaneiro ao 30 de xuño e do 1 de outubro ao 31 de decembro.
Para o resto: do 2 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro.
III. Ano 2026: do 2 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro».
Disposición derradeira única. Publicación e entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025
Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar
