En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación dos ámbitos deixados en suspenso na Orde do 18 de setembro de 2018 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Foz (Lugo), mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 10 de abril de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2F detalleProxecto%3Fid%3D45&_aaeKeyword_WAR_aae_id=45
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva dos ámbitos deixados en suspenso na Orde do 18 de setembro de 2018 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Foz (Lugo). Expediente PTU-LU-06/003
O 12.7.2024 tivo entrada solicitude do Concello de Foz de aprobación definitiva dos ámbitos deixados en suspenso no punto 2 do resolvo da Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, do 18.9.2018, de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), de acordo co artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). O 21.11.2024 e o 13.3.2025 completouse a documentación, en resposta aos requirimentos formulados pola Dirección Xeral de Urbanismo.
Analizada a documentación referida, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo (DXU), resulta:
I. Antecedentes.
1. O PXOM do concello de Foz conta coa aprobación definitiva parcial condicionada resolta pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, do 18.9.2018.
2. O texto refundido que cubre as condicións formuladas foi inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia o 22.11.2018.
3. Os ámbitos deixados en suspenso correspóndense cun solo urbano estremeiro co ferrocarril, os solos urbanizables industriais SUND-1 e SUND-2, e o solo de núcleo rural da parroquia de Cordido.
4. Ao abeiro da disposición transitoria segunda.1 da LSG, o presente documento pode continuar a súa tramitación a teor das normas procesuais e determinacións dispostas na LOUG.
5. Ao abeiro da disposición transitoria primeira da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 10.10.2019, de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP), élle de aplicación unicamente o disposto no seu título III, e deberanse achegar os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado.
I.1. Tramitación municipal.
De cara á emenda das deficiencias formuladas, o Concello remite a seguinte documentación:
1. Resolución de Augas de Galicia, do 8.11.2023, clave DH.A27.62840, que outorga a modificación da concesión de augas para ampliar o caudal de auga do río Ouro.
2. Resolución de Augas de Galicia, do 19.2.2024, clave DH.A27.62860, que outorga a concesión de augas do río das fontes de Moucide, Cordido, para abastecemento e uso gandeiro.
3. Documento técnico en formatos PDF e editable, redactado pola consultora Oficina de Planeamento, S.A., asinado o 14.5.2024.
4. Informe favorable do arquitecto municipal do 24.5.2024.
5. Acordo do Pleno do Concello de Foz, do 24.6.2024, de aprobación provisional do documento de emenda da Orde da CMAOT, do 18.9.2018, de aprobación definitiva parcial do PXOM.
6. Requirimento de emenda documental da Dirección Xeral de Urbanismo do 2.8.2024.
7. Documento técnico en formatos PDF e editable, elaborado pola Oficina de Planeamento, S.A., asinado o 18.9.2024.
8. Informes municipais favorables do arquitecto do 3.10.2024 e da Secretaria do 15.10.2024.
9. Acordo do Pleno do Concello, do 31.10.2024, onde se aproba provisionalmente, por segunda vez, o documento de emenda conforme a Orde da CMAOT, do 18.9.2018.
10. Segundo requirimento da Dirección Xeral de Urbanismo do 18.12.2024, sobre cuestións relativas ao expediente administrativo e á constancia da subvención autonómica.
11. Documento técnico redactado pola Oficina de Planeamento, S.A., asinado o 19.2.2025, que segundo a dilixencia da Secretaría municipal se corresponde co aprobado provisionalmente o 31.10.2024 coas correccións interesadas no requirimento da DXU do 18.12.2024.
II. Análise e consideracións.
Analizada a documentación remitida modifica 23 follas da serie 3 dos planos de ordenación urbanística, a E 1:2 000, do documento refundido do PXOM, así como 13 páxinas dos documentos escritos do PXOM (memoria xustificativa, normativa e ISA), obsérvase non ser necesario un documento refundido, e cómpre sinalar:
II.1. Consideración II.2.3: solo urbano.
1. No solo urbano consolidado sinálase unha nova aliñación a unha distancia inferior a 20 metros na contorna da liña do ferrocarril, en zonas onde o documento refundido a establecía a 20 metros, e tamén se sinala unha aliñación entre a estrada nacional N-642 e o ferrocarril nas zonas afectadas pola suspensión.
2. Ao respecto, modifícanse as follas 2, 5, 8, 9, 12, 16, 21, 31, 36, 48 e 49 da serie 3 dos planos de ordenación urbanística, a E 1:2 000, do documento refundido do PXOM, que se corresponden coas páxinas 1, 2, 3, 4, 5, 6, 9, 14, 17, 22 e 23 do PDF do tomo I do documento de emenda.
3. Canto á rede de FFCC, figura unha liña a trazos de cor laranxa identificada como liña límite da edificación do artigo 15.2 da Lei 38/2015. Esta liña de afección, nos ámbitos en suspenso, era coincidente coa aliñación proposta, tal e como figura expresamente no informe da Dirección Xeral de Ferrocarrís do 30.10.2013. Á vista do anterior, resulta correcta a súa representación.
II.2. Consideración II.3.2 da Orde: solos urbanizables industriais SUND-1 e SUND-2.
1. A Resolución de Augas de Galicia, do 13.11.2023, de modificación da concesión de auga na captación do río Ouro para ampliación do caudal da concesión recolle, expresamente, no punto Usos industriais, os lugares que abastece, nomeadamente os SUND-1, SUND-2, parque empresarial (pe) existente, ampliación pe existente (fase II) cunha superficie de 40,84 has e unha dotación de 0,25 l/s ha.
2. Ao respecto, o documento técnico modifica as follas 39, 42, 43 e 44 da serie 3 dos planos de ordenación urbanística, a E 1:2 000, do documento refundido do PXOM, que se corresponde coas páxinas 18, 19, 20 e 21 do PDF do tomo I do documento de emenda.
II.3. Consideración II.4.2: solos de núcleo rural da parroquia de Cordido.
1. Segundo o punto II.4.2 da Orde de AD parcial do PXOM, o informe de Augas de Galicia do 23.7.2018 indica que a parroquia de Cordido se abastece mediante unha captación para a cal actualmente se está a tramitar a súa concesión (exp. DH.A27.62860, iniciado o 17.4.2018).
2. Mediante a Resolución de Augas de Galicia, do 19.2.2024, foi outorgada a concesión en Cordido con destino a uso para abastecemento e gandeiro. No punto Usos de abastecemento de poboación, figuran os 8 lugares que abastece: Eixo, O Barral, Sa, O Sisto, As Moás, A Granda, O Calvario e A Fabega, correspondentes aos deixados en suspenso.
3. Ao respecto, o documento técnico modifica as follas 18, 19, 22, 23, 27, 28, 32 e 33 da serie 3 dos planos de ordenación urbanística, a E 1:2 000, do documento refundido do PXOM que se corresponde coas páxinas 7, 8, 10, 11, 12, 13, 15 e 16 do PDF do tomo I do documento.
4. No punto 32 dos particulares da concesión figura o outorgamento dun prazo de 24 meses, para rematar as obras. Avalíanse estes gastos en 10.000 € que son recollidos no estudo económico, na estratexia de actuación e no informe de sostibilidade económica (ISE), na actuación AB-5 Melloras da captación, tratamento e distribución do abastecemento da parroquia de Cordido. A participación municipal no investimento total do PXOM ascende a 4.548.710 € o que supón un investimento medio anual de 568 589 € (segundo os datos da memoria do novo documento remitido o 13.3.2025, páxina 312 da memoria do PXOM). O incremento derivado da concesión do 19.2.2024 supón un aumento aproximado do 2,25 % no total do investimento municipal, e do 2,20 % no investimento municipal medio anual.
II.4. Corrección nos textos do documento.
As emendas dos puntos II.1, II.2 e II.3 anteriores van acompañadas das correccións de 13 páxinas correspondentes nos documentos escritos do texto refundido. Nomeadamente:
1. Elimínanse da memoria xustificativa as chamadas incluídas no documento refundido sobre os ámbitos en suspenso (punto C.5, número 7, páxina 261).
2. Na estratexia de actuación e estudo económico, e na Memoria de sostibilidade económica (ambos documentos dentro da memoria xustificativa, puntos: D.1 –páx. 276 e 277–, D.2 –páx. 287 e 300–, D.3 –páx. 303, 305, 306, 309 e 312– e E páx. 332–) engádese a actuación de mellora, tratamento e distribución do abastecemento da parroquia de Cordido (actuación AB-5) que será soportada integramente polo Concello.
3. Na normativa elimínase a referencia aos ámbitos suspendidos no artigo 60, páxina 53.
4. No informe de sostibilidade ambiental (ISA), punto 4.2, elimínanse as referencias aos ámbitos suspendidos na táboa da páxina 97.
II.5. Erros.
1. No plano 3 05 (páxina 2 do PDF do tomo I), a liña vermella no medio dun viario na contorna da parcela catastral 4322107PJ3342S0001GO é un erro de grafía, non unha aliñación.
2. No plano 3 12 (páxina 5 do PDF do tomo I), a liña vermella sobre un camiño propiedade de ADIF, que cruza sobre a rede do ferrocarril ao carón da parcela RC: 5312001PJ3351S0001RL, adaptarase á aliñación do cruce sobre a rede do ferrocarril.
3. No plano 3 16 (páxina 6 do PDF do tomo I), a liña vermella sobre a parcela municipal 27019A036095540000TH, xunto á parcela 002205300PJ33B0001OF, respectará a aliñación no camiño público de acceso á parcela 27019A03600650.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva aos ámbitos deixados en suspenso na Orde do 18.9.2018 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Foz, con suxeición ás consideracións do punto II.5 anterior.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
