DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2025 Páx. 25356

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Galicia Investiga Igualdade para o apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (código de procedemento SI455A).

BDNS (Identif.): 829875.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/829875

Primeiro. Entidades beneficiarias

As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG) que asinen coas persoas seleccionadas neste programa un contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal estas persoas quedarán vinculadas á universidade onde desenvolvan a súa actividade e ambas as partes asumirán as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é outorgarlles axudas ás universidades públicas do SUG que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación nos seus centros como doutoras e doutores en calquera das áreas de coñecemento e que leven a cabo proxectos de investigación en materia de igualdade e xénero, e segundo as áreas temáticas relacionadas no anexo I da Orde de convocatoria.

Este programa ten como obxectivos:

a) Fomentar a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutoramento e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación en igualdade e xénero dentro dun programa de doutoramento.

b) Mellorar o coñecemento da situación, condicións e posición diferencial de mulleres e homes e nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida, así como as causas que xeran estas desigualdades.

c) Dar a coñecer os resultados da investigación que poidan constituír boas prácticas de políticas de igualdade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Galicia Investiga Igualdade para o apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (código de procedemento SI455A).

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 1.194.000,00 euros, coa seguinte distribución por anos:

2025

2026

2027

2028

2029

Total

30.500,00

256.000,00

316.500,00

267.250,00

323.750,00

1.194.000,00

Convócanse dez (10) axudas dun máximo de catro anos de duración. O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:

1. Durante a primeira e a segunda anualidade, cada axuda é de 24.600 € anuais; para o terceiro ano é de 25.200 €, e de 30.600 € durante o cuarto ano. Durante o período de orientación posdoutoral, o importe máximo é de 31.500 €/ano.

2. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro, de ata 6.000 € en función do destino desta.

3. Un complemento anual por axuda de 1.000 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.

4. En aplicación do artigo 21, letra e), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, ao remate do contrato por expiración do tempo convido a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao final do contrato, incluirase unha axuda total de 3.500 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade