DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2025 Páx. 25306

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Galicia Investiga Igualdade para o apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (código de procedemento SI455A).

A Constitución española, no seu artigo 14, proclama o dereito á igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo, e no artigo 9.2 formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias, apróbase a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. O artigo 49 establece que a Administración autonómica fomentará a docencia, o estudo e a investigación das cuestións de xénero e as relativas á igualdade entre mulleres e homes no ámbito da educación superior e, para estes efectos, promoveranse, entre outras posibles accións, apoiar a realización de proxectos de estudo e investigación sobre cuestións de xénero e as relativas á igualdade entre mulleres e homes, así como garantir que se teña en conta a perspectiva de xénero nos proxectos de investigación e de transferencia do coñecemento dos cales se poidan extraer resultados para as persoas.

Así mesmo, no VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, como parte da fundamentación do ámbito 2 «As mulleres na ciencia e na investigación», recóllese a importancia de seguir incidindo na necesidade de introducir a perspectiva de xénero na investigación, o que axudará a esclarecer luz sobre as diferenzas entre mulleres e homes sobre as distintas realidades de estudo. Ante esta necesidade establécese, concretamente, a liña de acción 2.4 «Sistematizar a investigación con perspectiva de xénero e o coñecemento da situación das mulleres no ámbito da ciencia, da tecnoloxía e a da innovación».

Anteriormente, en virtude do Decreto 33/2007, do 1 de marzo, polo que se crea a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, modificado polo Decreto 97/2010, do 10 de xuño, creouse este órgano colexiado de asesoramento, propostas e colaboración, a través do cal se promove a eliminación dos desequilibrios que poidan existir durante a formación científica das mulleres, no campo da investigación e da innovación e na xestión da I+D+i, así como pór nun primeiro plano a perspectiva de xénero nos estudos e nas actividades científicas.

Por outra banda, o 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galegas. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, ao redor dos cales articula os instrumentos e as actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades da RIS3. O obxectivo estratéxico 4 aposta polas persoas como activo principal para abordar as prioridades de especialización de Galicia, xerando, retendo e atraendo talento en igualdade. Esta convocatoria potenciará as traxectorias de investigación vinculadas aos retos e ás prioridades definidos na estratexia.

En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 respondendo aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico desenvolver o talento das persoas (obxectivo estratéxico 4) e intégrase, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

Así o exposto, a Consellería de Política Social e Igualdade é o órgano ao cal, entre outras competencias, lle corresponde promover e adoptar medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, segundo dispón o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica. Concretamente, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, correspóndenlle, entre outras, a función de propor medidas, programas e normas dirixidos á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

Neste marco de actuación, a Consellería de Política Social e Igualdade pon en marcha o programa Galicia Investiga Igualdade, a través do cal pretende fomentar a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutoramento e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación en igualdade, mellorar o coñecemento da situación, condicións e posición diferencial de mulleres e homes e nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida, afondar nas causas que xeran estas desigualdades, así como dar a coñecer resultados da investigación que poidan constituír boas prácticas de políticas de igualdade.

Segundo o programa de apoio á etapa predoutoral, a contratación de persoal nas súas etapas iniciais constitúe a base para que, mediante procesos formativos estables, se adquiran as habilidades propias do persoal investigador e, ademais, permite lograr que o sistema acade unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos.

Nesta convocatoria o período que se vai subvencionar comprende catro anos de duración segundo o establecido como tempo máximo do contrato predoutoral no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e no Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación. Así mesmo, no marco do contrato predoutoral poderase desenvolver un período de orientación posdoutoral, por un máximo de doce meses e unha vez obtido o título de doutor/a, orientado ao perfeccionamento e á especialización profesional do persoal investigador, todo iso conforme a nova redacción dada ao artigo 21.a) da dita Lei 14/2011, do 1 de xuño, como resultado da súa reforma a través da Lei 17/2022, do 5 de setembro.

A convocatoria presta especial atención a que as persoas participantes neste programa conten co maior apoio posible para completar a súa formación, polo que se inclúe o financiamento dunha estadía de tres meses de duración no estranxeiro, que lles permitiría acadar a mención de doutora ou doutor internacional sempre que cumpran todos os requisitos establecidos no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

De acordo coa modificación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, inclúese unha axuda que permite cubrir o custo da indemnización por expiración do tempo convido do contrato laboral que asinen coas entidades beneficiarias as persoas contratadas ao abeiro desta convocatoria.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025 das axudas para a posta en marcha do programa Galicia Investiga Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. O obxecto deste programa é apoiar a etapa predoutoral e outorgarlles axudas ás universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG) que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación nos seus centros como doutoras e doutores en calquera das áreas de coñecemento e que leven a cabo proxectos de investigación en materia de igualdade e xénero (código de procedemento SI455A).

2. Este programa ten como obxectivos:

a) Fomentar a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutoramento e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación en igualdade e xénero dentro dun programa de doutoramento.

b) Mellorar o coñecemento da situación, condicións e posición diferencial de mulleres e homes e nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida, así como as causas que xeran estas desigualdades.

c) Dar a coñecer os resultados da investigación que poidan constituír boas prácticas de políticas de igualdade.

3. Os proxectos de doutoramento deben enmarcarse nalgunha das áreas temáticas relacionadas no anexo I.

4. Co obxecto de que as persoas investigadoras destinatarias destas axudas poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as universidades públicas do SUG que asinen coas persoas seleccionadas neste programa un contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal estas persoas quedarán vinculadas á universidade onde desenvolvan a súa actividade e ambas as partes asumirán as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

2. A duración do contrato que asinen as universidades coas persoas seleccionadas non poderá ser inferior a un ano nin exceder os catro, de conformidade co artigo 21.c) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Se se concerta un contrato de duración inferior a catro anos, poderá prorrogarse sucesivamente sen que, en ningún caso, as prórrogas poidan ter unha duración inferior a un ano. Sen prexuízo do anterior, no suposto de que a persoa investigadora xa estivese contratada baixo esta modalidade e o tempo que reste ata o máximo de catro anos sexa inferior a un ano, poderá concertarse o contrato ou a súa prórroga polo tempo que reste ata os catro anos.

A actividade desenvolvida será avaliada anualmente pola Comisión Académica do programa de doutoramento durante o tempo da súa permanencia no programa, e o contrato poderá resolverse no caso de non superarse favorablemente esta avaliación.

3. No caso de que a persoa contratada obteña o título de doutoramento, poderá acceder, dentro do contrato predoutoral, a un período de orientación posdoutoral por un período máximo de doce (12) meses, conforme o establecido no artigo 21.a) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e sempre que a obtención deste título se produza durante o período de execución desta axuda.

4. Poderán acceder a estas axudas as universidades públicas do SUG que presenten como candidatas a ser destinatarias delas as persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda, aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se lles concederán a persoas non comunitarias é o que se indica no artigo 4.2 desta orde.

b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2024/25. Esta matrícula terá que estar formalizada necesariamente a tempo completo antes da sinatura do contrato.

c) Acreditar que no momento da presentación da solicitude está en posesión do título oficial de mestrado. A data de expedición do título de mestrado debe ser posterior á data de expedición do título de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo europeo de educación superior (EEES), que cumpra co requisito da letra d) deste artigo.

d) Que a data de finalización dos estudos que deron acceso ao programa de doutoramento indicado no anexo V −grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo europeo de educación superior (EEES)− sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2021. Enténdese como data de finalización destes estudos a da superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2018 nos seguintes casos:

1º. As persoas que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial dalgunha das especialidades recollidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.

2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se encontraban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2020.

3º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

4º. As persoas que acrediten de forma fidedigna que interromperon os estudos a causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

e) Contar no expediente académico cunha nota media mínima igual ou superior a 7,5, ou a 7 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 6.1.c).

No caso das persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, a nota media mínima do expediente académico será de 6,5.

f) Que o proxecto de investigación que van realizar para obter o grao de doutoramento se encadre nalgunha das áreas temáticas relacionadas no anexo I.

5. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas as persoas que estean en posesión do título de doutoramento nin as persoas que foron contratadas noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial, agás os programas predoutorais propios das entidades solicitantes. Inclúense nesta incompatibilidade as axudas predoutorais e as de doutoramento industrial da Xunta de Galicia.

No caso das persoas candidatas que foron seleccionadas noutros programas de axudas predoutorais e que non asinaron o contrato, deberán entregar unha xustificación da non aceptación da axuda e/ou renuncia ante o organismo correspondente, na cal figure a data en que se produciu.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

Estas axudas inclúen os seguintes conceptos:

1. O financiamento dun contrato predoutoral por un máximo de catro anos de duración. O contrato terá por obxecto a realización de tarefas de investigación. Así mesmo, o contrato terá por obxecto a orientación posdoutoral por un período máximo de doce meses, tal e como recolle o artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e nos termos establecidos no artigo 13.1 desta orde. A duración do contrato non poderá ser superior a catro anos.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.

3. As indemnizacións de fin de contrato.

4. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro, nos termos establecidos no artigo 13.2, para que as persoas contratadas acaden a mención de doutora ou doutor internacional de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro.

Artigo 4. Duración, número e importe das axudas

1. As axudas terán unha duración máxima de catro anos e comezarán a desenvolverse desde o día 1 de setembro de 2025, incluído.

No caso de que, con anterioridade á formalización do contrato predoutoral, a persoa candidata desfrutase dalgunha axuda, pública ou privada, dirixida á súa formación predoutoral ou no marco do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, a duración da axuda desta convocatoria reducirase no tempo equivalente. A resolución de minoración corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade. Para tal efecto, as persoas candidatas propostas deberán comunicarlle ao órgano instrutor correspondente, antes da sinatura do contrato, a través da entidade solicitante, a percepción doutras axudas, así como proporcionarlle calquera outra información que lles sexa requirida neste sentido. En ningún caso a axuda que se conceda poderá ter unha duración inferior a 24 meses, contados desde a data prevista de incorporación, é dicir, de inicio do contrato.

2. O número máximo das axudas concedidas será de 10.

Do número total de axudas que se convocan resérvase 1 para a contratación de persoas investigadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %. De existiren axudas non cubertas neste grupo de reserva, acumularanse ao grupo xeral.

Así mesmo, só poderá obter esta axuda unha persoa non comunitaria.

As axudas presentadas distribuiranse entre as cinco ramas de coñecemento: Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura, de maneira que se garanta a concesión dun mínimo dunha axuda para cada rama, sempre que o número de solicitudes o permita.

3. O importe máximo da axuda ao financiamento do contrato e dos custos sociais da primeira e segunda anualidade para cada axuda é de 24.600 € anuais; para o terceiro ano é de 25.200 €, e de 30.600 € durante o cuarto ano. Durante o período de orientación posdoutoral, o importe máximo é de 31.500 €/ano. Estes importes só poderán ir destinados ao financiamento dos contratos das persoas seleccionadas, incluíndo os seus custos sociais.

4. As estadías no estranxeiro, de tres meses de duración, terán un importe máximo de 6.000 € (complemento estadías), en función do destino desta, de acordo coa seguinte desagregación:

a) Zona 1: 2.000 €, se a estadía se realiza en Portugal ou Andorra.

b) Zona 2: 4.000 €, se a estadía se realiza en Europa (agás Portugal e Andorra), África ou América, agás os Estados Unidos de América e Canadá.

c) Zona 3: 6.000 €, se a estadía se realiza nos Estados Unidos de América, Canadá, Asia ou Oceanía.

Unicamente por circunstancias excepcionais sobrevidas, correctamente xustificadas, poderán modificarse a zona da estadía concedida e as datas de desenvolvemento desta dentro do período regulado no artigo 3.5 desta orde, agás polos motivos sinalados no artigo 20, sempre que non supoña incremento do orzamento asignado, logo da solicitude e do informe favorable da universidade en que a persoa está contratada, e coa autorización expresa da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Durante o período de estadía, a universidade terá que subscribir para cada persoa investigadora un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

5. Establécese un complemento de 1.000 € anuais para as entidades beneficiarias por axuda para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía.

No caso de que, por causa dunha renuncia antes do día establecido no artigo 20.2, se produza unha nova adxudicación procedente das listas de espera, este complemento pasará a formar parte do orzamento concedido á entidade beneficiaria da nova axuda.

6. En aplicación do artigo 21, letra e), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, ao remate do contrato por expiración do tempo convido a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato, incluirase unha axuda total de 3.500 euros.

7. Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada, deberá achegar a diferenza.

8. Non lle serán exixibles á Consellería de Política Social e Igualdade en ningún caso máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

9. Para que estes contratos sexan financiables, será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

10. Os importes das axudas anuais indicadas anteriormente, cando así proceda, modificaranse proporcionalmente en función do número de meses de contrato.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo para a presentación de solicitudes

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados dos documentos que deban asinar as persoas representantes das entidades solicitantes e as persoas candidatas propostas.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha entidade, sempre e cando cumpra os requisitos exixidos. De se presentar máis dunha solicitude da mesma entidade coa mesma persoa candidata, terase en conta a última solicitude presentada e consideraranse as outras solicitudes como desistidas.

4. Se opta á axuda para estadías de tres meses no estranxeiro, deberá indicar este aspecto e a zona a que pertence o país de destino da estadía no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo II). Se non se indica a zona, considerarase que a persoa candidata non solicita a axuda para este concepto.

5. Como se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirán melloras da solicitude referidas a novos méritos transcorrido o prazo de presentación destas. A valoración e priorización das solicitudes levaranse a cabo exclusivamente en relación coa información e documentación achegada nestas, nas melloras realizadas en prazo e en resposta aos requirimentos oportunos ou ás situacións ou méritos non acreditados suficientemente, indicados nas listas de solicitudes admitidas e excluídas.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración asinada pola persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo III), na cal conste:

– Que presenta a súa candidatura a través dunha única entidade solicitante.

– Que non foi contratada noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial. Inclúense nesta incompatibilidade as axudas predoutorais e as de doutoramento industrial da Xunta de Galicia. Non se inclúen nas incompatibilidades os programas predoutorais propios das entidades solicitantes. No caso das persoas seleccionadas pero non contratadas noutros programas de axudas predoutorais, deberán entregar unha xustificación da non aceptación da axuda e/ou renuncia ante o organismo correspondente, na cal figure a data en que se produciu.

– Que non ten o título de doutoramento.

– Que se compromete a manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, de ser o caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda, con fins estatísticos ou estudos para a avaliación do impacto deste programa de axudas.

b) Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese (anexo IV).

c) Certificación da universidade en que está matriculada a persoa candidata, asinada pola persoa titular do vicerreitorado competente en materia de investigación ou persoa en quen delegue (anexo V), na cal se fagan constar os seguintes aspectos:

1º. Programa de doutoramento en que está matriculada a persoa candidata no curso 2024/25.

2º. Título de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo europeo de educación superior (EEES) empregado para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade e campus onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.

3º. Título oficial de mestrado da persoa candidata.

4º. Nota media, aproximada a catro decimais, coa cal se concorre a esta convocatoria, calculada de acordo cos seguintes criterios:

– No caso de ensinanzas conducentes á obtención do título universitario oficial español de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou graduado/a nun grao de polo menos 300 créditos, valorarase a totalidade dos créditos ou materias superadas.

– No caso de ensinanzas conducentes á obtención do título de graduada ou graduado de menos de 300 créditos, diplomada ou diplomado, enxeñeira técnica ou enxeñeiro técnico, arquitecta técnica ou arquitecto técnico e mestra ou mestre, a nota media realizarase tendo en conta estes estudos máis a totalidade dos créditos superados no mestrado ou equivalente. Débense ter completado, polo menos, 300 créditos no conxunto dos estudos universitarios de grao ou primeiro ciclo e de mestrado ou equivalente. O cálculo realizarase de acordo coa seguinte fórmula:

(X*C1+M*C2) / (C1+C2)

Onde:

X: nota media obtida no grao ou no primeiro ciclo.

M: nota media obtida no mestrado ou equivalente.

C1: créditos superados no grao ou no primeiro ciclo.

C2: créditos superados no mestrado ou equivalente.

– A nota media do expediente académico para títulos obtidos en sistemas universitarios estranxeiros debe calcularse de acordo co disposto na Resolución do 18 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se actualiza a relación de escalas de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao Sistema de cualificación das universidades españolas, publicadas polas resolucións do 21 de marzo de 2016 e do 20 de xuño de 2016. A información pode consultarse na seguinte ligazón:

https://www.universidades.gob.es/equivalencia-de-notas-medias-de-estudios-universitarios-realizados-en-centros-extranjeros/

A persoa candidata terá que tramitar a declaración de equivalencia da nota media de acordo con este procedemento e achegarlla á universidade en que está matriculada no programa de doutoramento, para o cálculo da nota coa cal se concorre á convocatoria. A verificación da declaración de equivalencia correspóndelle á universidade, que deberá revisar que os datos consignados nela coinciden cos do certificado presentado para lle dar validez a esta, polo que só será válida se está acompañada do certificado académico oficial orixinal, ou fotocopia compulsada e, se é o caso, da tradución correspondente.

En todos os casos a nota coa cal se concorre á convocatoria ten que estar adecuada ao Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, e tendo en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Educación, Ciencia, universidades e Formación Profesional e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos.

Se a nota media certificada non ten os catro decimais, considerarase que os díxitos que faltan son ceros ata completar os catro díxitos decimais.

d) Aprobación do proxecto de tese pola Comisión Académica do programa de doutoramento da universidade do SUG na cal a persoa candidata está matriculada. Deberá constar o título da tese de doutoramento.

e) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2 sobre as datas de finalización dos estudos, se é o caso.

f) Se non está expedido pola Xunta de Galicia, certificado que acredite o grao de discapacidade da persoa candidata.

g) Proxecto de traballo de investigación que se vai realizar para a obtención do grao de doutor/a, cunha extensión máxima de 4.000 palabras, asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada para dirixir a tese, no cal consten especificamente, polo menos, un índice e epígrafes específicas cos seguintes aspectos:

– Contidos básicos do traballo e a súa vinculación coas áreas temáticas relacionadas no anexo I.

– Xustificación da aplicación da perspectiva de xénero na tese doutamento.

– Obxectivos e metodoloxía.

– Planificación temporal.

– Transferencia de coñecementos: aplicabilidade dos resultados da investigación e a súa contribución á consecución real e efectiva da igualdade de oportunidades.

A omisión no proxecto dalgún dos aspectos citados implicará que se requirirá a súa emenda.

O proxecto de traballo deberá estar redactado en galego ou castelán. Se o documento orixinal está redactado noutro idioma distinto, deberá xuntarse unha tradución deste.

2. Ademais, para acreditar os méritos que se aleguen dos recollidos no artigo 10, polo que se regulan os criterios de selección das solicitudes, haberá que achegar a seguinte documentación, segundo o caso:

a) Currículo (CV) da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese no modelo normalizado (CVN) da páxina web https://cvn.fecyt.es/

No CVN deben facerse constar exclusivamente as contribucións referidas a materias de xénero ou relacionadas coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, diversidade afectivo-sexual ou calquera outra vencellada ás áreas temáticas relacionadas no anexo I. Avaliaranse ata un máximo de dez contribucións en cada un das seguintes catro epígrafes do CVN:

– Dirección ou codirección de teses de doutoramento.

– Participación en proxectos de investigación financiados en convocatorias competitivas de administracións ou entidades públicas e privadas.

– Publicacións, documentos científicos e técnicos.

– Participación en congresos nas modalidades de conferencia invitada e/ou presentación oral.

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CVN na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

Durante calquera momento do procedemento, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade poderá solicitarlles ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.

b) Acreditación da formación da persoa candidata en materia de xénero e igualdade.

Só serán aceptados os títulos, diplomas ou certificados expedidos por un organismo público.

c) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, no cal figure expresamente o nivel acadado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas. Só serán aceptados os títulos ou diplomas recoñecidos segundo a Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos, ou normativa que a modifique.

d) Acreditación de ter concedida unha bolsa de colaboración nun departamento universitario do Ministerio de Educación e Formación Profesional e Deportes.

Para os efectos de control, a entidade convocante poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria para o desenvolvemento das axudas.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todas as sinaturas deben ser electrónicas, con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados, salvo causas correctamente xustificadas, para as cales se aceptarán sinaturas manuscritas.

7. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe a solicitude da axuda ou que conste nunha declaración responsable comportará a inadmisión da solicitude da axuda e será causa de resolución da axuda se se ten constancia despois da súa concesión.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á AEAT da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma da entidade solicitante.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata, expedido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Obrigatoriamente faranse a través do procedemento SI455A e por cada expediente.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento previsto nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

2. O órgano instrutor comprobará que todas as solicitudes estean debidamente cubertas e que se achegue a documentación exixida, e exporá a lista das solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na internet no enderezo https://igualdade.xunta.gal/

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución dos procedementos.

3. Esta lista estará exposta por un período de dez (10) días hábiles, e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendaren erros ou falta de documentos das persoas interesadas, ante a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, para o cal presentarán a documentación oportuna. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade ditará unha resolución pola cal se aproba a lista definitiva das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo https://igualdade.xunta.gal/

Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor un recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos establecidos nela, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada serán causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que se poida acordar outro tipo de actuacións.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Os criterios e o baremo que rexerán no proceso de avaliación e selección serán os seguintes:

a) Expediente académico da persoa candidata: nota media segundo os criterios sinalados no artigo 6.1.c). Esta nota media do expediente académico, aproximada a catro decimais, multiplicarase por 6,5. Puntuación máxima 65 puntos.

b) Acreditación da formación da persoa candidata en materia de xénero e igualdade, máximo 5 puntos de acordo coa seguinte escala:

– de 20 ata 50 horas: 1 punto;

– máis de 50 e ata 150 horas: 3 puntos;

– máis de 150 horas: 5 puntos.

c) Experiencia da persoa designada para dirixir ou codirixir a teses en estudos de xénero, ou relacionadas coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, diversidade afectivo-sexual ou calquera outra vencellada ás áreas temáticas relacionadas no anexo I. Puntuación máxima 20 puntos, distribuídos nos seguintes epígrafes do CVN:

– Dirección ou codirección de teses de doutoramento: máximo 5 puntos.

– Participación en proxectos de investigación financiados en convocatorias competitivas de administracións ou entidades públicas e privadas: máximo 5 puntos.

– Publicacións, documentos científicos e técnicos: máximo 5 puntos.

– Participación en congresos nas modalidades de conferencia invitada e/ou presentación oral: máximo 5 puntos.

En cada epígrafe avaliarase un máximo de 10 contribucións, cunha puntuación de 0,5 puntos por cada unha delas.

d) Nivel de coñecemento da persoa candidata dalgunha lingua estranxeira segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas (non se considerará lingua estranxeira a do país de orixe ou de nacionalidade nin ningunha lingua oficial ou cooficial do Estado español):

– B2 ou equivalente: 2 puntos.

– C1 ou equivalente: 4 puntos.

– C2 ou equivalente: 7 puntos.

Poderán sumarse as puntuacións correspondentes a varios certificados de linguas diferentes, pero non se acumularán as puntuacións de diferente nivel dunha mesma lingua. A puntuación máxima desta epígrafe será de 7 puntos.

e) Acreditación de ter concedida unha bolsa de colaboración nun departamento universitario do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes: 3 puntos.

2. A puntuación final das persoas candidatas obterase coa suma das puntuacións obtidas en cada epígrafe.

A puntuación final, xunto cos seus valores desagregados, farase chegar á Comisión de Selección, que elaborará un informe para o órgano instrutor de acordo coas bases da convocatoria e a dispoñibilidade de recursos.

Artigo 11. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará constituída por catro membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta ou presidente da Comisión.

Serán vogais da Comisión:

– Unha directora ou un director de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa que a substitúa.

– Unha persoa experta membro da Unidade de Muller e Ciencia, designada pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, que exercerá a Secretaría da Comisión.

2. As solicitudes ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e adxudicaranse comezando pola mellor puntuación de cada rama de coñecemento, e as axudas restantes adxudicaranse por orde decrecente de puntuación final sen ter en conta a rama a que pertencen, respectando, en todo caso, o establecido no artigo 4.2.

3. O título de referencia para a adscrición a unha rama de coñecemento é o de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica ou diplomatura ou equivalente, empregado para formalizar a matrícula no programa de doutoramento. Esta adscrición recóllese no Rexistro de universidades, Centros e Títulos (RUCT) e pode consultarse na páxina www.educacion.gob.es/ruct

4. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente se produza unha igualdade de puntuación, utilizaranse os seguintes criterios de desempate:

1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º. A solicitude da persoa candidata que concorre a esta convocatoria con maior nota media, calculada de acordo co punto 4º do artigo 6.1.c) e certificada pola universidade no anexo V.

3º. A solicitude con maior valoración da puntuación acadada pola persoa designada para dirixir ou codirixir a tese de acordo co artigo 10.1.b).

5. Tendo en conta os números anteriores, a Comisión de Selección elaborará un informe para o órgano instrutor, no cal fará constar a súa proposta coa relación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas, distribuídas por entidades beneficiarias e especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no artigo 10.

6. Complementariamente, e sempre que o número de solicitudes avaliadas positivamente o permita, a Comisión de Selección incluirá no informe unha lista de espera, na cal figurarán por orde decrecente de puntuación final as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda, pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola Comisión de Selección. Para a elaboración desta lista non se terá en conta ningunha das limitacións recollidas no artigo 4 desta convocatoria, relativas á distribución polas ramas de coñecemento e ao número máximo de persoas non comunitarias.

7. A proposta de concesión formulada polo órgano instrutor a partir do informe da Comisión, así como, de ser o caso, a lista de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, na epígrafe de axudas https://igualdade.xunta.gal/. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 12. Resolución de concesión das axudas

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, logo da proposta do órgano instrutor e, no caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención, tras a súa fiscalización pola Intervención delegada.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no portal web de Igualdade (https://igualdade.xunta.gal/), pola cal se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse un recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

A resolución publicarase no prazo máximo de cinco (5) meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Período de orientación posdoutoral e estadías no estranxeiro

1. Se a persoa contratada obtén o título de doutoramento antes do inicio do cuarto ano de contrato, poderá acceder a un período de orientación posdoutoral nos seguintes termos:

a) Este contrato ou modificación do contrato existente terá unha duración máxima de doce (12) meses e deberá ser a tempo completo.

b) A entidade beneficiaria deberá formalizar o correspondente contrato ou modificación do contrato existente a partir do día seguinte ao do acto de defensa e aprobación da tese de doutoramento e achegarllo á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa sinatura, xunto co programa de actividades de investigación que levará a cabo a persoa investigadora durante ese ano.

2. As estadías de tres meses de duración no estranxeiro deberán axustarse aos seguintes termos:

a) Asegurarán un grao de mobilidade e de internacionalización ao cal non se puidese acceder por formación académica anterior ou por outros factores tales como residencia, país de orixe ou nacionalidade, e en ningún caso poderán ocasionar un atraso na finalización dos estudos de doutoramento.

b) Serán continuadas e terán que realizarse entre o 1 de outubro de 2026 e o 30 de setembro de 2027. O cómputo será por meses completos, que necesariamente terán que comezar o primeiro día do mes e finalizar o último día do mes correspondente.

c) A entidade beneficiaria deberá remitirlle á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, antes do 15 de maio de 2026 ou no prazo dun mes desde a data de comezo dos contratos no caso das persoas que acceden a través da lista de espera, a seguinte documentación:

– Plan de traballo asinado pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora da tese.

– Carta de aceptación do centro de destino, asinada pola persoa directora do centro ou figura equivalente. O centro de destino deberá estar situado nun país incluído na zona que se indicou na solicitude e pola cal se concedeu a axuda.

– Autorización de ausencia da entidade beneficiaria.

Antes do inicio do período de estadía, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade publicará na súa páxina web (https://igualdade.xunta.gal/) a relación das persoas que desfrutarán de estadía, con indicación da entidade contratante, do país e da zona de destino.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste(n) na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación da axuda

1. As universidades beneficiarias deberán remitirlle á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, un escrito de aceptación da axuda, no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, e vincularán as persoas seleccionadas e as entidades beneficiarias mediante a formalización do correspondente contrato.

2. Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ás axudas do programa Galicia Investiga Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade para o apoio á etapa predoutoral.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación do servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

3. A data de comezo dos contratos, que vincularán as persoas seleccionadas ás entidades beneficiarias, será o 1 de setembro de 2025, agás para as persoas non comunitarias, que poderá ser ata o 1 de decembro de 2025.

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

4. Calquera modificación dos termos polos cales a axuda foi concedida terá que ser comunicada e autorizada pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, segundo a entidade beneficiaria.

Artigo 16. Libramento da subvención

1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

2. Poderán realizarse pagamentos á conta das subvencións recollidas nesta resolución, que non superarán o 80 % da axuda concedida, de acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As entidades beneficiarias destas axudas están exoneradas de achegar garantías segundo o artigo 65.4 do Decreto 11/2029, do 8 de xaneiro.

3. Na anualidade de 2025 realizarase o libramento do mes de setembro de 2025, do complemento de 1.000 € por persoa contratada para cubrir os gastos asociados á contratación correspondente ao primeiro ano de contrato, tras a presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de libramento xunto coa seguinte documentación:

a) Contratos das persoas seleccionadas e declaracións/certificacións da asignación efectiva da persoa directora ou codirectora da tese pola cal a persoa investigadora foi avaliada.

b) Informe favorable da Comisión Académica do programa de doutoramento (CAPD), no cal deberán constar o título da tese de doutoramento e unha copia da vida laboral de cada persoa contratada (no caso de que a persoa candidata non autorice a súa consulta).

c) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Adicionalmente, deberá entregarse unha folla de cálculo coa relación de pagamentos por cada un dos expedientes.

d) No suposto de que a entidade solicitante se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso para autorizar o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

e) Declaración responsable do órgano de control da entidade de que a persoa investigadora ten dedicación exclusiva ao programa e á actividade.

4. Para proceder ao libramento das anualidades 2026, 2027, 2028 e 2029 da axuda correspondente aos contratos e os seus custos sociais, será preciso que a universidade correspondente remita, de ser o caso, a copia dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura e a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:

a) Memoria de seguimento asinada pola persoa doutoranda e pola persoa directora ou codirectora da tese.

b) Informe favorable da Comisión Académica do programa de doutoramento (CAPD), no cal deberán constar o título da tese de doutoramento e unha copia da vida laboral de cada persoa contratada (no caso de que a persoa candidata non autorice a súa consulta).

c) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro. Adicionalmente, deberá entregarse unha folla de cálculo coa relación de pagamentos por cada un dos expedientes.

d) No suposto de que a entidade solicitante se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso para autorizar o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

e) Declaración responsable do órgano de control da entidade de que a persoa investigadora ten dedicación exclusiva ao programa e á actividade.

f) No caso daquelas persoas contratadas ás cales se lles concedese a axuda para estadías desta convocatoria, deberán xustificalas do seguinte xeito:

– Certificación do pagamento das estadías realizadas.

– Memoria asinada pola persoa contratada co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese.

– Certificado do centro receptor.

g) De ser o caso, actualización dos datos de contacto das persoas contratadas.

5. A documentación indicada achegarase consonte a seguinte periodización:

Período xustificación

Documentación

Data límite presentación

1ª xustificación: mensualidade de setembro de 2025 (incluída)

A documentación indicada no punto 3 deste artigo.

15 de novembro de 2025

Con esta xustificación librarase:

– Mensualidade de setembro de 2025 da axuda por salario máis custos sociais.

– O complemento por cada persoa contratada, correspondente ao primeiro ano de contrato e aos contratos que efectivamente se enviasen con anterioridade a esta data.

2ª xustificación: de outubro de 2025 a setembro de 2026, ambos os dous meses incluídos

A documentación indicada no punto 4 deste artigo, agás o sinalado na alínea f).

15 de novembro de 2026

Co pagamento desta xustificación libraranse:

– Mensualidades de outubro de 2025 a setembro de 2026 da axuda por salario máis custos sociais.

– Complemento por persoa contratada correspondente ao segundo ano de contrato.

3ª xustificación: de outubro de 2026 a setembro de 2027, ambos os dous meses incluídos

A documentación indicada no punto 4 deste artigo.

15 de novembro de 2027

Co pagamento desta xustificación libraranse:

– Mensualidades de outubro de 2026 a setembro de 2027 da axuda por salario máis custos sociais.

– Complemento por persoa contratada correspondente ao terceiro ano de contrato.

– Complemento estadías.

4ª xustificación: de outubro de 2027 a setembro de 2028, ambos os dous meses incluídos

A documentación indicada no punto 4 deste artigo, agás o sinalado na alínea f).

15 de novembro de 2028

Co pagamento desta xustificación libraranse:

– Mensualidades de outubro de 2027 a setembro de 2028 da axuda por salario máis custos sociais.

– Complemento por persoa contratada correspondente ao cuarto ano de contrato.

5ª xustificación: de outubro de 2028 a agosto 2029, ambos os dous meses incluídos

A documentación indicada no punto 4 deste artigo, agás o sinalado na alínea f) e a documentación indicada no punto 6 deste artigo.

15 de novembro de 2029

Coa última xustificación libraranse:

– Mensualidades de outubro de 2028 a agosto de 2029 da axuda por salario máis custos sociais.

– Os fondos correspondentes á indemnización por finalización do contrato por persoa contratada, destinados a cada unha das entidades beneficiarias.

Cando os contratos subvencionados vaian máis aló da 5ª xustificación, por mor das suspensións e prórrogas recollidas no artigo 20 destas bases, os gastos correspondentes ás nóminas, á Seguridade Social e ás indemnizacións por fin de contrato xustificaranse coa data límite do 15 de novembro da correspondente anualidade que se xustifique. Nestes casos, a anualidade que se xustifique comprenderá o período que vai desde o mes de outubro do ano anterior ata o mes de setembro da anualidade corrente.

6. Xunto coa última xustificación, a entidade beneficiaria presentará:

a) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, correspondente á propia entidade beneficiaria.

b) Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa (no caso de que a persoa candidata non autorice a súa consulta).

c) Memoria final do traballo realizado, asinada pola persoa contratada, co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, que recolla os puntos indicados no artigo 22.3.

d) Unha folla de cálculo coas persoas contratadas ao abeiro desta convocatoria que lesen a súa tese.

7. No caso de que a persoa contratada renuncie antes do remate do período da axuda, a copia da vida laboral e a memoria final do traballo realizado presentaranse dentro do prazo dun mes desde a súa renuncia.

8. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

9. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

10. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

11. Nos proxectos plurianuais, enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 17. Réxime de compatibilidade

1. As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

2. Os contratos que se formalicen con cargo a estas axudas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade e, en xeral, coa percepción de calquera contía que teña natureza salarial. Non obstante, a persoa contratada poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vaia realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

3. Períodos de ausencia temporal do centro de adscrición:

3.1. No caso de ausencias temporais de ata sete (7) días da persoa contratada, será necesaria a autorización da entidade contratante, pero non é necesaria a comunicación á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

3.2. As ausencias temporais de máis de sete (7) días non financiadas nesta convocatoria, conten ou non con algún tipo de financiamento, deberán ser comunicadas pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. Nestes casos, será preciso que a entidade beneficiaria presente xunto coa comunicación unha breve memoria descritiva dos traballos, asinada pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, con indicación expresa de que son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

Os períodos de ausencia temporal da entidade de adscrición, entre os cales se inclúe a estadía de tres meses financiada segundo o artigo 4.4, en ningún caso poderán superar os seis (6) meses ao longo dos catro anos de contrato nin se poderán superpor cos últimos seis (6) meses de contrato, salvo circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.

4. De acordo co artigo 4 do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, as persoas contratadas con cargo a estas axudas poderán colaborar en tarefas docentes ata un máximo de 180 horas mentres dure o contrato predoutoral, sen que en ningún caso se poidan superar as 60 horas anuais.

5. No momento en que algunha das persoas contratadas realice a lectura da súa tese de doutoramento, a entidade beneficiaria deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, indicando, no caso de ter desfrutado da axuda por estadía, se obtivo a mención de doutora ou doutor internacional, no prazo dos quince (15) días seguintes. A obtención do grao de doutoramento supón a extinción da axuda predoutoral, agás nos casos de acceso ao período de orientación posdoutoral, previsto no artigo 13.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Artigo 19. Resolución, incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión dará lugar á obriga da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. En particular, acordarase a perda do dereito á axuda e o seu posible reintegro total ou parcial cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Obtención da axuda sen reunir as condicións e os requisitos solicitados ou con alteración destes.

b) A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe a solicitude, as declaracións responsables e a documentación ou xustificacións achegadas segundo regula a orde.

c) Que a avaliación regulada no artigo 22.2 sexa negativa.

2. Os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará, no marco do artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán os seguintes:

a) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

c) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

d) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Renuncia das axudas e interrupcións

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria deberá comunicala, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, dentro do prazo máximo de quince (15) días desde que se produza. Deberase achegar cun informe da entidade beneficiaria no cal se indique se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

2. Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre e cando a renuncia se produza antes do 10 de outubro de 2025. Para cubrir estas renuncias, seguirase a prelación da lista de espera definida no artigo 11.6.

A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións e polo tempo restante do aproveitamento da axuda.

A competencia para adxudicar unha nova axuda correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

3. No caso de que a persoa seleccionada perda a condición de contratada unha vez percibidas as axudas pola entidade correspondente, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007.

4. As entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo da suspensión dos contratos financiados, cando estas suspensións se produzan polas seguintes causas:

a) Nacemento.

b) Adopción.

c) Garda con fins de adopción ou acollemento.

d) Risco durante o embarazo.

e) Risco durante a lactación natural de menores de nove meses.

f) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el.

g) Incapacidade temporal por causas distintas ás do punto anterior, por un período mínimo dun mes.

h) As situacións previstas no artigo 45.1.n) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, como medida de protección das mulleres vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual.

i) Nos demais casos recollidos no artigo 21.c), parágrafos catro e cinco, da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

5. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de dez días hábiles desde que esa baixa se produza. No momento de reincorporación da persoa investigadora á actividade laboral, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe onde se expresen o nome da persoa afectada, o seu número de expediente, as causas da suspensión, as datas da suspensión e as datas da prórroga do contrato.

6. O órgano concedente poderá solicitar os informes e a información que considere. A entidade beneficiaria correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

7. Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación nos cales poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo da interrupción, polo que non se deben incluír nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción, para os efectos recollidos nesta convocatoria.

Esta autorización en ningún caso supón un aumento da contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da Seguridade Social como consecuencia do período prolongado será por conta da entidade beneficiaria.

Artigo 21. Dereitos e obrigas

1. Son obrigas xerais da entidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes, durante un período de tres anos.

c) Formalizar un contrato predoutoral, de duración determinada con dedicación a tempo completo, coa persoa candidata seleccionada.

d) No suposto previsto no artigo 2.3, deberá formalizar o contrato ou modificar o contrato existente, correspondente ao período de orientación posdoutoral, a partir do día seguinte ao do acto de defensa e aprobación da tese de doutoramento, e enviarlle unha copia ao órgano instrutor no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa formalización, xunto coa memoria de actividades para ese período.

e) Proporcionarlles ás persoas candidatas seleccionadas o apoio necesario e facilitarlles a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

f) Permitirlles ás persoas candidatas seleccionadas a súa integración naqueles departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e as prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría, co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

g) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

h) Cumprir coas obrigas en materia de igualdade de xénero establecidas no marco normativo en vigor que lles sexa de aplicación e, moi especialmente, aquelas incluídas na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e na Lei 14/2011, do 1 de xuño.

i) Comprobar se a persoa candidata seleccionada xa desfrutou dun contrato predoutoral previo e a súa duración.

j) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco do seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (ex post), as entidades beneficiarias deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

2. As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución na cal desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e ás normas de prevención de riscos laborais.

c) Presentar a memoria final do traballo realizado a que se fai referencia no artigo 22.3.

d) Ademais dos dereitos de carácter xeral que se sinalan no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e no artigo 12 do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, as persoas contratadas mediante estas axudas teñen dereito a beneficiarse dos dereitos de carácter laboral, así como dos relativos á Seguridade Social, que deriven do contrato que formalicen coa entidade de adscrición.

e) Manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, de ser o caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda, con fins estatísticos ou estudos para a avaliación do impacto deste programa de axudas.

f) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para o desenvolvemento do programa.

3. Son obrigas específicas de publicidade, tanto para as entidades beneficiarias como para as persoas contratadas, as seguintes:

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao abeiro destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do programa «Galicia Investiga Igualdade» da Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade), acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Política Social e Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións reguladas nesta orde.

2. Antes do remate de cada ano de contrato, cada entidade remitirá o informe favorable da CAPD, no cal deberá constar o título da tese de doutoramento xunto coa proposta de renovación e a prórroga do contrato, de ser o caso. Xunto co informe da CAPD deberá achegarse o informe de actividades das persoas doutorandas que se achega á CAPD.

3. Cando a persoa contratada abandone o programa, ben por renuncia ou por ter rematado o período de permanencia nel, a entidade beneficiaria remitirá unha memoria asinada pola persoa contratada e pola persoa directora ou codirectora da tese, segundo o indicado nos números 6 e 7 do artigo 16, na cal consten os seguintes aspectos:

a) Data da lectura da tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non a ter lido.

b) Indicación de se acadou a mención de doutor/a internacional ou non, no caso de ter desfrutado da axuda para estadía.

c) Breve resumo dos principais obxectivos de investigación acadados durante o contrato predoutoral.

d) Estadías ou ausencias temporais realizadas.

e) Melloras do currículo durante a etapa en que desfrutou da axuda.

4. A Consellería de Política Social e Igualdade poderá solicitarlles un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e, en particular, sobre as persoas contratadas, a lectura da súa tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non a ter lido, e a situación actual da persoa contratada. Este informe poderá ser solicitado durante os dous anos seguintes á data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

5. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

Artigo 23. Dotación orzamentaria

1. As subvencións obxecto desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 08.07.313B.444.0, proxecto de gasto 2025 00056 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe total dun millón cento noventa e catro mil euros (1.194.000,00 euros), coa seguinte distribución por anos:

2025

2026

2027

2028

2029

Total

30.500,00

256.000,00

316.500,00

267.250,00

323.750,00

1.194.000,00

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que iso implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 26. Información ás entidades interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta orde, que ten o código SI455A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Consellería de Política Social e Igualdade https://igualdade.xunta.gal/, e no teléfono da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade 981 54 53 56.

Disposición adicional primeira. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante un recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, a denegación, a modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Igualdade.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

ANEXO I

Áreas temáticas

1. Xénero en Ciencias Sociais.

1.1. Xénero e políticas públicas: impacto de xénero das políticas públicas. Orzamentos con perspectiva de xénero. Estratexias para fomentar o liderado feminino. Estratexias para mellorar a posición das mulleres en ámbitos sociais, políticos, económicos e, de xeito especial, naqueles que teñen que ver coa ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

1.2. Xénero e educación: cambio de valores. Transformación social cara á igualdade, de xeito especial na infancia e na mocidade. O xénero en interacción con outros índices de discriminación (condición migrante, ruralidade, raza, clase social, nivel de formación, idade, funcionalidades alternativas e discapacidade). Divulgación dos valores vinculados á igualdade como indicadores de benestar e cohesión social. Programas educativos para prevención do sexismo.

1.3. Violencia de xénero: sensibilización. Detección. Prevención. Intervención. Estratexias de erradicación.

1.4. Xénero e economía. Desigualdades de xénero no mercado laboral. Valor económico do traballo non remunerado. Indicadores de benestar social. Feminismos e economía social. Achegas da economía feminista.

1.5. Igualdade no marco xurídico. Nesgos de xénero na lexislación ou na aplicación do dereito. Lexislar e xulgar con perspectiva de xénero. Erradicar estereotipos na actividade da Administración de xustiza. Os riscos dos novos sistemas de IA na Administración de xustiza.

1.6. Igualdade e medios de comunicación.

2. Xénero en Ciencias da Saúde.

2.1. Aspectos biolóxicos e saúde segundo xénero.

2.2. Sintomatoloxía, tratamentos médicos, farmacolóxicos ou terapéuticos en función do xénero.

2.3. Medicina preventiva e xénero.

2.4. Saúde reprodutiva: violencia obstétrica. Depresión no embarazo e depresión posparto. Maternidade e saúde.

2.5. Saúde mental e xénero.

3. Xénero en Ciencias Naturais e Formais, Tecnoloxía e Enxeñarías.

3.1. Incorporación da perspectiva de xénero nas CTEM.

3.2. Arquitectura, urbanismo e paisaxismo con perspectiva de xénero.

3.3. Estereotipos e desviacións de xénero en intelixencia artificial: desviacións no adestramento dos sistemas, nas etiquetas e no deseño. Discriminación de xénero en sistemas algorítmicos. Discriminación de xénero en equipos de programación.

3.4. Impacto do xénero no proceso de testar produtos tecnolóxicos.

3.5. A tradición de xénero na historia das ciencias naturais, das tecnoloxías ou das enxeñarías.

4. Xénero en Humanidades:

4.1. Modelos de pensamento con perspectiva de xénero.

4.2. Estudos artísticos (artes visuais, artes escénicas, literatura, música) con perspectiva de xénero, especialmente orientados a entender os problemas do noso tempo.

4.3. Linguaxe e xénero: linguaxe inclusiva. Xénero e conversa. Xenerolectos. A transmisión da lingua en relación co xénero. Procesamento da linguaxe natural e perspectiva de xénero.

4.4. Antropoloxía do xénero. Etnografía con perspectiva de xénero.

4.5. A tradición de xénero na historia en disciplinas humanísticas.

5. Xénero como factor transversal para o cambio.

5.1. Epistemoloxía do xénero. O xénero no conxunto do coñecemento. Xénero ao servizo do desenvolvemento integral das sociedades e dos ecosistemas: debates sociais, metodolóxicos e éticos.

5.2. Ecofeminismo: sustentabilidade ecolóxica e transición cara ao respecto para a vida.

5.3. Cultura dos coidados, conciliación e corresponsabilidade no uso do tempo.

5.4. Deporte e igualdade. Deporte e mulleres. Do modelo da competición a modelos alternativos na práctica competitiva. O xénero e o xogo físico.

5.5. Dereito á diversidade afectivo-sexual. A condición LGBTI e a erradicación das fobias.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file