Expediente: IN407A 2024/226-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: substitución dos apoios AJNTU4M7//23-7 e AJO3CJ8J//23-8 da LMTA PAI810.
Concello: Vila de Cruces.
Feitos:
1. O 7.6.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública, da instalación eléctrica denominada Substitución dos apoios AJNTU4M7//23-7 e AJO3CJ8J//23-8 da LMTA PAI810.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, no cal figura un orzamento total de 7.320,13 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a regulamentación na liña de media tensión PAI810 Portodemouros, 10, no lugar de Albín, na parroquia de Camanzo, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra). Para isto están previstas as seguintes actuacións:
– Substitución dos apoios AJNTU4M7//23-7 e AJO3CJ8J//23-8 por apoios de celosía de tipo C-2000/16 e C-1000/14, respectivamente.
– Substitución de aproximadamente 92 metros do tramo de liña entre os apoios proxectados en condutor LA-56.
– Retensado dos vans contiguos aos apoios proxectados.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vila de Cruces e o Servizo de Infraestruturas Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo de Infraestruturas Agrarias.
O Concello de Vila de Cruces non emitiu o condicionado técnico, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 27.6.2024, publicada nos seguintes medios:
– Diario Oficial de Galicia (DOG): 19.7.2024.
– Xornal Faro de Vigo: 27.7.2024.
– Taboleiro de anuncios do Concello de Vila de Cruces, desde o 5.7.2024 ata o 22.8.2024, segundo o certificado emitido polo propio Concello.
– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
Durante este trámite non se recibiron alegacións.
4. O 28.11.2024, este departamento territorial, de acordo co artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, informou a única persoa titular da parcela afectada pola declaración, en concreto, de utilidade pública de que dispuña dun período de 15 días hábiles para presentar alegacións e os documentos e xustificacións pertinentes.
Durante este trámite non se recibiron alegacións.
5. O 21.1.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. comunicou que chegou a un acordo co titular da única parcela afectada na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora e, polo tanto, xa non é necesaria a declaración, en concreto, de utilidade pública, das instalacións obxecto do proxecto. Coa solicitude, UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou unha copia do acordo acadado.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG número 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que se describen a seguir:
– Substitución dos apoios AJNTU4M7//23-7 e AJO3CJ8J//23-8 da LMTA PAI810 por un apoio C-2000/16 e un C-1000/14.
– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 92 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/16 e final no apoio proxectado C-1000/14.
– Retensado dos vans contiguos aos apoios proxectados.
– A instalación está situada en Albín, na parroquia de Camanzo, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución dos apoios AJNTU4M7//23-7 e AJO3CJ8J//23-8 da LMTA PAI810, expediente IN407A 2024/226-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor un recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 14 de abril de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
