DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 12 de maio de 2025 Páx. 26785

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se emendan os erros materiais advertidos na Resolución do 4 de abril de 2025 pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Sobrado dos Monxes (expediente IN407A 2023/282-1), a cal se substitúe para todos os efectos.

Expediente: IN407A 2023/282-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Proxecto: Nova LAMT, LSMT, CT e conexión RBT en Muradelo.

Concello: Sobrado dos Monxes.

Advertidos erros na Resolución do 4 de abril de 2025, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Sobrado dos Monxes (expediente IN407A 2023/282-1), cómpre facer as emendas do punto 5 das consideracións legais e técnicas e do anexo, relación de bens e dereitos afectados, ao abeiro do establecido no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, polo que a continuación se recollese a resolución íntegra corrixida:

«Feitos:

1. O día 2.6.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada. Co obxecto de mellorar a subministración eléctrica no lugar de Muradelo, parroquia de Codesoso (San Miguel), concello de Sobrado, por mor das incidencias por baixadas de tensión, proxéctase a instalación dun novo centro de transformación en envolvente prefabricada de 100 kVA de potencia, a súa conexión coa liña de distribución de media tensión LMT MEL705 Toques 5 (IN407A 2016/2363-1), procedente da subestación Melide, por medio dunha liña de media tensión cun tramo aéreo e outro soterrado, e a conexión do dito centro de transformación coa rede de baixa tensión existente.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Nova LAMT, LSMT, CT e conexión RBT en Muradelo, asinado o día 12.3.2023 por Tito Arias Santo, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado LE-1010, e a relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

• Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

• DOG: 19.9.2023.

• BOP: 1.9.2023.

• Xornal La Voz de Galicia: 21.9.2023.

• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 10.11.2023.

3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública, Jesús Fragío Vidal achegou alegacións. Estas trasladáronselle á empresa promotora, que respondeu na defensa dos seus intereses.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Sobrado, AXI, Patrimonio Cultural, Augas de Galicia e Telefónica.

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto (AXI e Telefónica).

No día desta resolución, non consta no expediente resposta do Concello de Sobrado, Patrimonio Cultural e Augas de Galicia á solicitude de informe.

5. O día 25.3.2025 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG número 101, do 27 de maio).

2. Lexislación de aplicación.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE número 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE número 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE número 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE número 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE número 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE número 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE número 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE número 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Muradelo, parroquia de Codesoso (San Miguel), concello de Sobrado, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Regulado tramo LMTA (actuación 1) a 15 kV, de 331 m, condutor tipo LA-110 Al, con orixe no apoio número B46IQ6JQ//146 existente da LMT MEL705 Toques 5 (IN407A 2016/2363-1), procedente da subestación Melide, e remate no apoio número B3XCRTNX//147 existente. Novo apoio número B46IQ6JQ//146B1 tipo C-2000/18, e número B46IQ6JQ//146B2, tipo C-2000/16.

– LMTA (actuación 2) a 15 kV, de 386 m, condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio número 146B2 proxectado e remate no apoio número N4 proxectado.

– LMTS a 15 kV, de 141 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1x150 mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio número N4 proxectado e remate no CTC proxectado. A nova liña proxectada discorrerá canalizada no interior de tubo de polipropileno de 160 mm de diámetro en gabia de dimensións de 0,40 metros de ancho e de entre 1,00 e 1,20 metros de profundidade, e instalaranse entre dous e catro tubos de idénticas características.

– CT no lugar de Muradelo, compacto prefabricado tipo rural de manobra exterior, cunha potencia de 100 kVA.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume que sinala o artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. Respecto da alegación formulada por Jesús Fragío Vidal (predio número 1 e predio número 11) mediante escrito recibido o 16.11.2023, solicita a nulidade do acordo de información pública, e alega en síntese o seguinte:

– Non se produciu a notificación e información correspondente tendo en conta que o proxecto afecta predios da súa propiedade.

– O centro de transformación situaríase a escasos 6 metros da súa vivenda.

Polo que respecta ao primeiro punto da alegación referido á falta de notificación individual de tramitación do expediente, faise referencia ao artigo 20 do Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño). Débese sinalar que esta normativa non é de aplicación no trámite de información pública do expediente de autorización administrativa.

Este artigo sinala o seguinte:

«O acordo de necesidade de ocupación, que será publicado e notificado aos expropiados, inicia o expediente expropiatorio».

Este acordo a que se fai mención a través desta normativa é a presente resolución, que lle é notificada individualmente e na cal se acorda declarar a utilidade pública para os efectos da ocupación dos bens e adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, segundo o establecido no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O artigo 144, Información pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establece:

«A solicitude de recoñecemento, en concreto, de utilidade pública, xunto co documento técnico citado no artigo anterior, someterase ao trámite de información pública durante o prazo de trinta días.

Para estes efectos, inserirase anuncio, coa relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados polo procedemento de expropiación forzosa do pleno dominio ou para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, no Boletín Oficial del Estado e no Boletín Oficial das provincias afectadas. O anuncio publicarase tamén nun dos diarios de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.

Así mesmo, esta información comunicaráselles aos concellos en cuxo termo municipal radiquen os bens ou dereitos afectados pola instalación, para a súa exposición ao público, por igual período de tempo».

Así mesmo, o artigo 47, Instrución do procedemento, da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, establece:

«1. A unidade responsable da tramitación someterá a información pública, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria e, de ser o caso, o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellaría competente en materia de enerxía.

No caso de que se solicite a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.

Durante o prazo indicado, calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións considere oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou a parte dela que se acorde. Das alegacións presentadas darase traslado á persoa solicitante, para que esta formule a contestación ao contido daquelas e llo comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días (…)»

Durante o trámite de declaración de utilidade pública do proxecto cumpriuse o establecido no citado artigo 144 do Real decreto 1955/2000 e 47 da Lei 9/2021, ao someterse o acordo do 28.8.2023 ao preceptivo trámite de información pública, con inserción no Boletín Oficial da provincia da Coruña, no Diario Oficial de Galicia, no xornal La Voz de Galicia, no taboleiro de anuncios do Concello de Sobrado e no portal de transparencia e Goberno aberto desta consellería.

Polo tanto, a alegación do interesado debe de ser desestimada.

Polo que respecta ao segundo punto da alegación referido á localización do centro de transformación a escasos 6 metros da vivenda, deuse traslado a UFD Distribución Electricidad, S.A., que dá resposta do seguinte xeito:

– Xustifica a adecuada instrución do expediente.

– Indica que a vivenda do alegante se situaría a máis de 7 metros do centro de transformación proxectado.

– Respecto das distancias de seguridade, proteccións contra sobretensións e sobreintensidades, radiacións electromagnéticas e condicións acústicas, UFD xustifica que o centro de transformación proxectado cumpre coas exixencias regulamentarias.

Por outra banda, o 25 de marzo de 2025 os servizos técnicos deste departamento territorial emiten informe en que, en relación coas manifestacións sobre a localización do centro de transformación, se expón o seguinte:

«(...)

Do visto na inspección realizada o 28.2.2024 non se atopa ningunha limitación das indicadas no artigo 161.1 do Real decreto 1955/200 para impor servidumes de paso e a ocupación en pleno dominio.

Non obstante, o día da inspección unha persoa, que se deduce que era a alegante, comunica o seu desacordo coa localización elixida por UFD do centro de transformación, dado que lle impediría facer uso da parte que quedaría en fronte do acceso ao centro de transformación.

De acordo con todo o indicado,

Informo:

Que desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública, en concreto das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas

(...)»

Polo tanto, a alegación do interesado tamén debe de ser desestimada.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se deroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e o ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 25 de abril de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados

Expediente: IN407A 2023/282-1.

Denominación: Nova LAMT, LSMT, CT e conexión RBT en Muradelo.

Termo municipal: Sobrado dos Monxes.

Referencia catastral

Lugar

Cultivo

Nome

Afección pleno dominio

(LMT, CT e/ou apoios)

LMT aérea-voo

(servidume de paso de

enerxía eléctrica)

CT/nº do apoio

Superf. (m2)

Lonx. (m)

Superf. (m2)

1

15081A03100133

Chousa Nova

Labor ou labradío de secaño

Jesús Fragío Vidal

Novo apoio

nº 146-B1

2

4

15081A03101139

Xesteira

Matogueira

David Lobeiro Quintela

48,1

685,74

5

15081A03100136

Chousa

Xestes

Matogueira

David Lobeiro Quintela

83,82

9

15081A03100135

Chousa de Atrás

Prados ou pradarías

Descoñecido

52

10

15081A03100090

Fondelo

Prados ou pradarías

Mariano Seoane Rodríguez

98,49

714,21

11

15081A03100095

Agro Baixo

Prados ou pradarías

Jesús Fragío Vidal

Novo apoio N3

2

68,34

1.291,75

12

15081A03100096

Fondal

Prados ou pradarías

María Ángeles Lorenzo Conde

Novo apoio N4

2

51,98

708,8

13

15081A03100107

Pozo Prado Vello

Improdutivo

Enedina López Ramos

CT

19,75