BDNS (Identif.): 830864.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/830864
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e cos criterios que se establecen, poderán ser beneficiarias das axudas convocadas pola presente orde as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran cos seguintes requisitos:
a) Ter asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025.
b) Estar dadas de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicitan a subvención.
c) Estar inscritas como profesionais dos asistentes á feira ou mercado.
d) Acreditar a relación dos asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas ou entidades solicitantes en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas ás galerías de arte que desenvolvan a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega, para facilitar a súa participación en feiras e eventos do sector que teñan lugar entre decembro de 2024 e novembro do ano 2025, fóra da comunidade (código de procedemento CT215C).
2. Para os efectos das presentes bases, enténdense como galerías de arte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como actividade principal a exposición aberta ao público de obras de arte cunha finalidade comercial. A Dirección Xeral de Cultura poderá solicitar a acreditación desta circunstancia de consideralo necesario.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT215C).
Cuarto. Importe
As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432B.770.0 (CP 2015 00374) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe de oitenta mil (80.000) euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde as 9.00 horas do día 21 de maio de 2025 ata as 23.59 horas do día 23 de xuño de 2025.
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG nº 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
