DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2025 Páx. 26911

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se lle dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional denominado secretario/a xeral do Pleno do Concello de Ourense.

O Concello de Ourense aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado secretario/a xeral do Pleno do Concello de Ourense, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Darlles publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Ourense.

Posto: secretario/a xeral do Pleno do Concello de Ourense.

Subescala: Secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 56.261,44 euros.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases reitoras para a provisión definitiva, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario/a xeral do Pleno do Concello de Ourense

Primeira. Obxecto. Identificación do posto

É obxecto destas bases a regulación da provisión, polo procedemento de libre designación, do posto de traballo número 10 da vixente relación de postos de traballo do Concello de Ourense, denominado secretario/a xeral do Pleno, persoal directivo do Concello de Ourense.

Segundo a ficha vixente da relación de postos de traballo do Concello de Ourense número 10, o posto identifícase do seguinte xeito:

Denominación: secretario/a xeral do Pleno.

Grupo: A1.

Escala, subescala e categoría: persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de Secretaría, categoría superior.

Outros requisitos: dispoñibilidade e dedicación para o exercicio das funcións fóra da súa xornada habitual.

Complemento de destino: nivel 30.

Complemento específico: 40,98 puntos. 56.261,44 € brutos anuais.

A persoa que desempeñe o posto de secretario/a xeral do Pleno poderá ser cesada con carácter discrecional, polo mesmo órgano que a nomeou; deberá incluírse no acordo de cesamento a súa correspondente motivación referida ao seu desempeño profesional.

O réxime de incompatibilidades aplicable será o previsto na disposición adicional décimo quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. A persoa que desempeñe o posto de secretario/a xeral do Pleno estará igualmente sometida ás obrigas de declaración de intereses, bens e actividades previstas na dita disposición.

As condicións de traballo serán establecidas pola Alcaldía, ou concelleiro en quen delegue, e non estarán suxeitas á negociación colectiva.

Segunda. Requisitos para o desempeño do posto

Para poderen ser admitidas ao procedemento convocado, as persoas aspirantes deberán reunir as seguintes condicións ou requirimentos específicos na data límite para a presentación de instancias:

– Pertencer á escala de persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de Secretaría, categoría superior.

– Acreditar o coñecemento da lingua propia da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a documentación que acredite estar en posesión do Celga 4 ou equivalente. En caso de que as persoas aspirantes non acrediten a dita cuestión, será necesario realizar unha proba de carácter eliminatorio de acreditación do coñecemento do idioma galego.

– Dispoñibilidade e dedicación para o desempeño das funcións do posto fóra da súa xornada habitual.

Terceira. Prohibicións de participación

De conformidade co previsto no artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, non poderán participar neste proceso selectivo:

a) As persoas funcionarias inhabilitadas e as suspensas en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorre o tempo sinalado nelas de suspensión.

b) As persoas funcionarias destituídas, a postos da Corporación onde se produciu a sanción, se non transcorrese o prazo establecido nela.

c) As persoas funcionarias nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 89.1.a) e b) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o pase a estas.

Cuarta. Normas para a presentación de solicitudes

As solicitudes dirixiranse ao alcalde presidente do Concello de Ourense. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días (15) hábiles, a partir da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Previamente, publicaranse as bases e a convocatoria de conformidade co disposto no artigo 46 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional por parte da Dirección Xeral de Administración Local.

As instancias poderán presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As modalidades de presentación serán as seguintes:

a) De forma presencial, mediante a presentación en papel da solicitude e da documentación anexa na oficina de Rexistro Xeral do Concello de Ourense; rúa da Barreira, núm. 2, 32005 Ourense, ou na oficina de Rexistro, sita na avenida das Caldas, número 18, baixo, Alameda da Ponte, 32001 Ourense, ou en calquera dos lugares determinados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) De forma telemática, a través do Rexistro Electrónico Xeral da sede electrónica do Concello de Ourense, na ligazón https://sede.ourense.gob.es, así como nos rexistros electrónicos establecidos no artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ás solicitudes xuntaráselles a seguinte documentación:

Currículo, no cal se incluirán os títulos académicos, os anos de servizo, os posto de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e impartidos e as publicacións realizadas. Acreditarase o coñecemento da lingua galega.

Deberanse xustificar mediante certificación ou copia autenticada os méritos que se aleguen e non se terán en conta os méritos non xustificados.

Non será necesario achegar a documentación acreditativa dos méritos cando se trate de documentación que xa conste en poder do Concello de Ourense ou se trate de documentos emitidos por outras administracións públicas. Nestes casos, o Concello obterá estes documentos por medios electrónicos, a través das plataformas de intermediación de datos coas administracións competentes ou mediante outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, sempre que non conste a oposición expresa da persoa interesada.

Para estes efectos, teñen a consideración de documentos elaborados por outras administracións públicas os seguintes:

1. Titulacións académicas.

2. Certificacións de cursos de formación promovidos por administracións públicas.

3. Certificación de servizos prestados noutras administracións públicas.

De conformidade co establecido no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, presumirase que as persoas solicitantes autorizan o Concello de Ourense para que este consulte ou obteña os documentos elaborados por outras administracións públicas a que se refiren os puntos anteriores, agás que manifesten expresamente o contrario nas súas solicitudes. Neste caso, as persoas interesadas deberán achegar copia auténtica dos documentos correspondentes.

No caso de que a persoa interesada pretenda achegar documentos xa entregados ante outras administracións públicas, deberá indicar na solicitude en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, para efectos de que o Concello poida obtelos mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto. Presumirase que esta consulta é autorizada pola persoa interesada, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa, suposto en que a documentación deberá ser achegada por esta. Excepcionalmente, se o Concello non pode obter os documentos conforme o previsto nos puntos anteriores, poderalle solicitar á persoa interesada que os achegue, para a cal outorga un prazo de quince (15) días naturais.

No caso da existencia de deficiencias formais corrixibles nas solicitudes, a Alcaldía requirirá a persoa interesada, para a súa corrección, para a cal lle outorgará un prazo de dez (10) días hábiles. En ningún caso se poderá utilizar este trámite para a mellora da solicitude.

Para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas poderán contactar co Servizo de Persoal e Recursos Humanos no teléfono 988 39 30 42, de luns a venres, das 9.00 a 14.00 horas.

Quinta. Protección de datos

1. O tratamento por parte Concello de Ourense dos datos persoais que achega a persoa solicitante coa súa solicitude baséase no disposto nas alíneas c) e e) do artigo 6 do Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, así como no artigo 8.2 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, ao ser a achega dos datos e informacións exixidas nestas bases, necesaria para o cumprimento do disposto na lexislación de emprego do sector público, así como para a valoración das solicitudes. En consecuencia, a negativa a facilitarlle estes datos ao Concello de Ourense determinará a exclusión da persoa solicitante do procedemento.

2. En cumprimento do establecido no artigo 13 do Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, as persoas interesadas serán informadas do seguinte:

a) O responsable do tratamento de datos é o Concello de Ourense, cuxo representante legal é o seu alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, con domicilio para os efectos de notificación, na praza Maior, 1, 32005 Ourense e no teléfono 988 38 81 00.

b) A delegada de protección de datos do Concello de Ourense é a empresa Audidat 3.0, S.L.U., con CIF B024825245, e pode contactarse no enderezo de correo electrónico kikogarcia@audidat.com. Ante esta empresa (ou directamente ante o responsable do tratamento) poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade, así como opoñerse á toma de decisións individuais automatizadas.

c) Os datos subministrados coa solicitude destinaranse unicamente a garantir o cumprimento do establecido na lexislación de emprego público, a comprobar que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos para a súa admisión e a valoración da súa solicitude. Publicaranse na sede electrónica do Concello de Ourense as listas provisionais e definitivas de persoas admitidas e excluídas, as actas dos tribunais cualificadores e a resolución de nomeamento. As publicacións referidas manteranse durante o período de tempo estritamente necesario para a finalidade que se persegue e, como máximo, durante un prazo de cinco (5) anos desde a realización da publicación; poderá, a partir dese prazo, ser suprimida a publicación de oficio polo Concello de Ourense ou ben, por solicitude das persoas interesadas, dirixida ao responsable do tratamento ou ao delegado de protección de datos do Concello de Ourense, a través do enderezo electrónico kikogarcia@audidat.com

d) A base xurídica do tratamento dos datos achegados coa solicitude é a necesidade de coñecer eses datos para o cumprimento das obrigas legais que impón a lexislación de emprego público ao Concello (artigo 6.1.c) do Regulamento (UE) nº 2016/679). No caso dos datos necesarios para acreditar o cumprimento dos requisitos específicos da convocatoria e a valoración de solicitudes, a necesidade de coñecer eses datos é para satisfacer a finalidade de interese público (organización e xestión de emprego público) perseguida coa convocatoria ao abeiro do artigo 6.1.e) do Regulamento (UE) nº 2016/679).

e) Os datos subministrados ao Concello serán tratados exclusivamente polo persoal autorizado do Concello de Ourense para tramitar a solicitude, suxeitos a deber de reserva. Estes datos poderán serlles cedidos a terceiras persoas nos seguintes casos:

– Ao resto de persoas solicitantes ou aos seus representantes legais cando así o reclamen para a formulación de reclamacións ou interposición de recursos.

– Aos xulgados e tribunais, para os efectos da resolución dos recursos administrativos e xudiciais que se poidan interpoñer contra os actos e resolucións susceptibles de recurso, así como os membros de tribunais cualificadores, Ministerio Fiscal, Valedor do Pobo, Defensor do Pobo, Tribunal de Contas e Consello de Contas, na medida en que sexa necesario para o exercicio das funcións dos tribunais e das ditas autoridades públicas.

– Ás/aos concelleiras/os municipais, cando o reclamen, para o exercicio do seu dereito á información.

f) Non se transferirán en ningún caso os datos persoais a un terceiro país nin a unha organización internacional.

g) Os datos subministrados conservaranse nos arquivos do Concello de Ourense de forma indefinida, para os únicos efectos da súa conservación conforme o disposto na lexislación sobre arquivos do sector público e na lexislación sobre patrimonio documental cultural.

h) En todo momento, as persoas interesadas poderán solicitarlle á Alcaldía o acceso aos seus datos, así como a súa rectificación, de ser o caso. Poderá solicitarse a limitación do tratamento dos datos, referida á súa publicación, unha vez finalizado o procedemento, sempre que conste a firmeza do acto administrativo que lle poña fin e que transcorrese o prazo sinalado na alínea c) anterior desta base. Poderá formularse, igualmente, a oposición ao tratamento dos datos, motivada pola situación particular da persoa interesada, nos termos establecidos no artigo 21 do Regulamento (UE) nº 2016/679. Os dereitos sinalados neste punto poderán exercerse mediante un escrito dirixido á Alcaldía. De conformidade co disposto no artigo 20.3 do Regulamento (UE) nº 2016/679, non será de aplicación o dereito á portabilidade dos datos subministrados ao Concello neste procedemento.

i) En todo caso, a persoa interesada poderá formular as reclamacións que considere oportunas, en relación co tratamento dos seus datos persoais, ante a Axencia Española de Protección de datos.

j) Non se adoptarán en ningún caso decisións automatizadas nin se elaborarán perfís persoais cos datos subministrados, que non serán obxecto de tratamento diferente aos expresamente establecidos nesta base.

Sexta. Proposta de resolución

Para este efecto remitiranse as solicitudes ao Servizo de Recursos Humanos para o seu estudo e formulación dun informe de idoneidade con proposta baseada en criterios de competencia profesional, experiencia e idoneidade para o posto.

O alcalde poderá solicitar informe doutros funcionarios e basearase no informe de idoneidade do Servizo de Recursos Humanos ou no informe de avaliación solicitado a outro funcionario.

A proposta de resolución deberá estar correcta e suficientemente motivada, en que se indiquen os criterios de valoración empregados para valorar o perfil de cada aspirante e se razoe o resultado obtido. En todo caso, a proposta deberá conter unha ponderación relativa dos méritos dos aspirantes.

Sétima. Resolución

Formulada a proposta de resolución, o presidente da Corporación, logo de constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, e á vista da traxectoria profesional e dos méritos acreditados polos aspirantes, ditará a resolución motivada correspondente e dará conta ao Pleno da Corporación.

Como un dos fundamentos da resolución pola que adxudique o posto de traballo reservado farase referencia á observancia do procedemento debido.

O prazo para ditar a resolución da Alcaldía será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de instancias.

A resolución trasladarase a Dirección Xeral de Administración Local e ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Oitava. Toma de posesión

O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres días hábiles cando se trate de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes se se trata do primeiro destino ou de postos de traballo en distinta localidade.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte o do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Boletín Oficial del Estado.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

Novena. Réxime de recursos

Estas bases poderán ser obxecto do recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ou alternativamente do recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses. Non poderán interpoñer simultaneamente ambos os recursos. Os prazos indicados contaranse de data a data a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán interpoñer calquera outro recurso ou acción xudicial ou administrativa que consideren procedente.

Os actos administrativos de execución do proceso selectivo poderán ser impugnados polas persoas interesadas nos casos e nos termos que recolle a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e demais normativa de aplicación. As publicacións e, de ser o caso, as notificacións dos ditos actos, indicarán os recursos procedentes.

Décima. Cuestións atinentes á validez do proceso selectivo

Serán aplicables ás bases da convocatoria e aos seus actos de execución os límites á extensión da nulidade ou anulabilidade dos actos e o principio de conservación de actos de trámite recollidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para velar pola maior seguridade xurídica e eficacia dos procesos selectivos. En particular, por razóns de protección da seguridade xurídica e de confianza lexítima, no caso de nulidade ou anulabilidade dos actos do proceso selectivo procurarase, na medida do posible, a máxima protección dos dereitos das persoas aspirantes de boa fe que non sexan responsables das irregularidades ou vicios acaecidos, para o cal se valorarán especialmente o tempo transcorrido e a existencia de situacións xurídicas consolidadas.