Á vista da solicitude formulada pola Deputación Provincial de Lugo, relativa á modificación da denominación e da forma de provisión do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN) de secretario-interventor asesor a concellos da Deputación Provincial de Lugo, emítese resolución con base nos seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Mediante a Resolución do 11 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Administración local da daquela denominada Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 59, do 27 de marzo, procedeuse á creación e clasificación dun posto de traballo reservado a PFHN na Deputación Provincial de Lugo conforme as seguintes características:
Entidade local: Deputación Provincial de Lugo.
Posto: secretario-interventor asesor a concellos.
Subescala: Secretaría-Intervención.
Forma de provisión: libre designación.
Segundo. A Deputación Provincial de Lugo presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/797000) a solicitude relativa á modificación do sistema de provisión do citado posto de traballo reservado a PFHN, que pasa de libre designación a concurso de méritos. Xúntaselle a esta solicitude a seguinte documentación:
– Memoria xurídica e económica xustificativa da modificación do sistema de provisión do posto de traballo reservado.
– Certificación relativa aos recursos do orzamento da Deputación Provincial de Lugo para o exercicio económico 2025 polo importe de 126.000.806,49 euros.
– Certificación da Secretaría Provincial, relativa ao Acordo plenario do 25 de novembro de 2014 sobre a aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo da Deputación Provincial de Lugo na cal se inclúe o cambio do sistema de provisión do citado posto reservado de libre designación a concurso de méritos e na cal se indica que, non se tendo presentado ningunha reclamación e logo de se ter emendado un erro material mediante a Resolución da Presidencia do 15 de xaneiro de 2015, a citada modificación se considerou aprobada definitivamente e se publicou no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 36, do 13 de febreiro.
Terceiro. Logo de requirimento efectuado por este centro directivo, a Deputación Provincial de Lugo presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/1030138) a aclaración do cambio de denominación do referido posto de traballo reservado e informa de que na sesión do Pleno provincial que tivo lugar o 21 de decembro de 2017 se aprobou inicialmente unha nova modificación da súa relación de postos de traballo pola que se produce un cambio na denominación do sinalado posto reservado, que pasa a denominarse «Secretario-interventor xefe do Servizo de Asistencia Xurídica, Técnica e Económica aos concellos». Este acordo inicial publicouse no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 292, do 22 de decembro, aprobouse definitivamente na sesión plenaria provincial do 29 de maio de 2018, tras a resolución das alegacións e recursos presentados; e esta aprobación definitiva publicouse no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 190, do 20 de agosto.
Polo que se pode considerar completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 92.bis, número 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos reservados a PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.
As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).
Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a PFHN os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, e a contabilidade, tesourería e recadación. A relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local debe ser onde queden reflectidas a denominación e as características esenciais dos citados postos de traballo reservados.
Terceiro. A creación e a clasificación dos postos de traballo reservados de asistencia nas deputacións provinciais veñen xustificadas polo preceptuado no artigo 36.1.b) da LRBRL, que consagra como unha das competencias propias destas entidades a asistencia e a cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión. Deberase garantir en todo caso, nos municipios de menos de mil habitantes, a prestación dos servizos de Secretaría e Intervención.
Ademais, o artigo 16 do Real decreto 128/2018 regula os servizos de asistencia e indica que as funcións reservadas a PFHN en entidades locais exentas serán exercidas -entre outras formas- polas deputacións provinciais, que incluirán nas súas relacións de postos de traballo os postos reservados a PFHN necesarios para garantir o cumprimento de tales funcións, e finaliza indicando que lle corresponde á Comunidade Autónoma efectuar a clasificación dos citados postos, por proposta das entidades respectivas, e que a súa provisión se axustará ao establecido regulamentariamente.
Cuarto. Segundo o disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 128/2018, as modificacións na clasificación ou forma de provisión dos postos de traballo reservados non afectarán o destino do PFHN que os estea desempeñando con carácter definitivo.
Quinto. O Real decreto 128/2018 atribúelles ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN, e o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados ao PFHN. Igualmente, corresponderalles ás comunidades autónomas a competencia para modificar a denominación e a forma de provisión dos postos reservados ao PFHN.
Sexto. O expediente tramitado pola entidade provincial é conforme o disposto no artigo 10 do Decreto 49/2009, dado que a Deputación Provincial de Lugo xustifica que mediante unha modificación da súa relación de postos de traballo, publicada no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 36, do 13 de febreiro, procedeu a modificar a forma de provisión do posto do servizo de asistencia de secretario-interventor asesor a concellos, que pasa de libre designación a concurso de méritos.
Na memoria indícase que esta modificación se motiva no feito de que a cobertura de postos reservados mediante concurso de méritos constitúe o sistema normal de provisión, tal e como establece o artigo 27 do Real decreto 128/2018.
Por outra banda, a citada entidade local comunica que na súa sesión plenaria que tivo lugar o 29 de maio de 2018 se aprobou unha nova modificación da relación de postos de traballo pola que se produce un cambio na denominación do sinalado posto reservado, que pasa denominarse «Secretario-interventor xefe do Servizo de Asistencia Xurídica, Técnica e Económica aos concellos» e que a aprobación definitiva se publicou no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 190, do 20 de agosto.
A Dirección Xeral de Administración local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a denominación e o sistema de provisión do posto de traballo reservado a PFHN de secretario-interventor asesor a concellos da Deputación Provincial de Lugo, previsto na Resolución do 11 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Administración local da daquela denominada Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se crea e clasifica, que pasa a quedar configurado conforme as seguintes características:
Entidade local: Deputación Provincial de Lugo.
Posto: secretario-interventor xefe do Servizo de Asistencia Xurídica, Técnica e Económica aos concellos.
Subescala: Secretaría-Intervención.
Forma de provisión: concurso de méritos.
Nivel de complemento de destino: 28.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
