Mediante a Resolución reitoral do 25 de abril de 2023 (DOG do 9 de maio) convocáronse probas selectivas para cubrir oito prazas da categoría profesional de técnico superior de tecnoloxías da información e das comunicacións, grupo I, pola quenda de promoción interna, do cadro de persoal laboral.
Mediante a Resolución reitoral do 2 de xuño de 2023 (DOG do 14 de xuño) aprobouse a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas nas mencionadas probas selectivas, e fixouse un prazo para emendar os defectos que motivasen a exclusión ou omisión.
Unha vez rematado o dito prazo e consonte o establecido na base 4.4 da convocatoria,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar aprobadas e facer públicas a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas nas citadas probas e a relación de persoas que teñen que realizar o primeiro exercicio da fase de oposición (proba de galego).
Segundo. Indicar que as citadas listaxe definitiva e relación de persoas que teñen que realizar o primeiro exercicio da fase de oposición están expostas no taboleiro electrónico da USC e na web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
Terceiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas que non están exentas deste exercicio para realizar o primeiro exercicio da fase de oposición (proba de lingua galega) o día 13 de xuño de 2025, ás 10.00 horas, na sala de reunións da Área TIC, Pavillón de Servizos, rúa Xosé María Suárez Núñez, s/n, Campus Vida, Santiago de Compostela.
A publicación dos anuncios de realización dos vindeiros exercicios efectuaraa o tribunal no taboleiro electrónico da Universidade e na páxina web mencionada no punto segundo, así como en calquera outro lugar que considere oportuno.
Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que ditou a resolución. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite unha resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
