DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2025 Páx. 27736

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2025 pola que se convocan cinco edicións do curso básico de auxiliares de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2025 no Plan de formación aprobado polo seu Consello Reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e de acordo co indicado no artigo 49 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria de cinco edicións do curso básico de auxiliares de policía local, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: básico de auxiliares de policía local.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 24.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Proporcionar ás persoas auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que as/os capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais dos corpos de policía local.

Contidos:

– Intervención policial.

– Tráfico e seguridade viaria.

– Policía administrativa.

– Primeiros auxilios.

– Aplicacións policiais básicas do dereito penal e procesual-penal.

– Relacións coa cidadanía.

– Protocolo e saúdo.

2. Persoal destinatario.

2.1. Persoal seleccionado dentro do proceso selectivo unitario que desenvolve a Agasp dentro dos convenios asinados cos concellos e non teña realizado o dito curso nos últimos catro anos.

2.2. Persoal integrante da lista de contratación creada ao abeiro dos procesos selectivos unitarios dos anos precedentes e que o curso realizado fose anterior ao ano 2022 (é dicir, os cursos realizados desde o ano 2022 ata o ano 2024 están en vigor).

2.3. Persoal seleccionado e proposto polos concellos, que puidese prestar servizo como auxiliar de policía local de forma temporal, de acordo co previsto nos artigos 46 a 48 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

Para estes efectos, como se recolle no artigo 49.2 do citado decreto, non terán a obrigación de facer o curso as persoas que o superasen nos últimos 4 anos, é dicir, a partir do ano 2022.

3. Número de prazas por edición.

60 prazas por edición.

4. Prazo de inscrición.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O alumnado procedente do proceso selectivo unitario e da lista de colaboración será inscrito automaticamente pola Agasp e publicadas as listaxes de admisión na súa páxina web.

Os concellos que se atopen na situación expresada no punto 2.3 desta resolución, deberán remitir un oficio asinado pola persoa que ocupa a alcaldía dirixido á Academia Galega de Seguridade Pública, no que figure a listaxe de persoas seleccionadas segundo o artigo 47 do Decreto 243/2008, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso, seranlle comunicadas as datas nas que se matriculen as persoas para as que efectúe a reserva.

5. Listaxe de solicitudes seleccionadas.

Antes do comezo de cada edición do curso básico, publicarase no sitio web http://agasp.xunta.gal o persoal admitido para a súa realización.

6. Desenvolvemento da actividade.

Presentación: as persoas admitidas a este curso deberán presentarse ás 10.00 horas do día que comece o curso.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario lectivo: das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 20.30 horas.

Datas:

1ª edición: 26, 27 e 28 de maio de 2025.

2ª edición: 28, 29 e 30 de maio de 2025.

3ª edición: 2, 3 e 4 de xuño de 2025.

4ª edición: 4, 5 e 6 de xuño de 2025.

5ª edición: 11, 12 e 13 de xuño (unicamente se realizará se hai solicitudes).

Certificado de superación do curso:

Ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nesta e superen as probas que se determinen, se é o caso.

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de maio de 2025

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública