DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2025 Páx. 27734

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 14 de maio de 2025 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías (código de procedemento PE113G).

BDNS: (Identif.): 832652.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/832652

Primeiro. Entidades colaboradoras

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.

– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.

A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, e entregará e distribuirá os fondos públicos aos comercios adheridos ao programa.

Segundo. Obxecto

O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.

Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Consellería do Mar, segundo o modelo que figura como anexo I da orde.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras para a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en Peixerías publicaranse conxuntamente coa convocatoria do programa.

Cuarto. Compensación económica

A compensación económica a favor da entidade colaboradora polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do Programa bonos Peixe en peixarías é de 80.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.723B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo máximo de presentación de solicitudes será de cinco días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar