DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2025 Páx. 27707

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 14 de maio de 2025 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías (código de procedemento PE113G).

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma, no seu artigo 28, a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado no ámbito da ordenación do sector pesqueiro. Neste sentido, o artigo 3.4 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, inclúe dentro das materias correspondentes á competencia da Comunidade Autónoma as relativas á ordenación do sector pesqueiro galego, á ordenación das estruturas, aos mercados, á comercialización, á manipulación, á transformación e á conservación dos produtos pesqueiros e a promoción das estruturas de comercialización mediante o apoio aos sectores produtivos na distribución dos produtos do mar.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, modificado polo Decreto 210/2022, do 1 de decembro, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica, a través da Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, promover todas aquelas accións encamiñadas a incrementar a competitividade das empresas da pesca, o marisqueo e a acuicultura nun contexto globalizado, mediante o reforzamento das súas capacidades de innovación e adaptación ás demandas do mercado e, especialmente, no ámbito da regulación dos mercados pesqueiros, na mellora das canles de comercialización, na adopción de novos mecanismos de comercialización e na promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Para poder acadar estes obxectivos, salienta a importancia de que a Administración galega identifique determinadas situacións puntuais que poidan comprometer o rendemento e incluso a viabilidade das empresas da cadea mar-industria galega e colabore cos actores precisos para paliar os efectos nocivos destas situacións.

A demanda de produtos pesqueiros presenta na actualidade unha situación alarmante, cunha forte contracción da demanda, onde os fogares, a pesar de gastar máis ca nunca en peixe e marisco, veñen reducindo de xeito ininterrompido o peso do produto na súa cesta da compra, cunha caída no volume consumido por persoa e ano de máis dun terzo nos últimos dez anos. Esta tendencia continúa afastando os hábitos nutricionais das recomendacións do Ministerio de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Española de Seguridade Alimentaria.

Así, nos últimos anos véñense apreciando tensións inflacionistas no mercado de alimentación, cun incremento xeneralizado dos prezos, que se está a traducir en alteracións na demanda, a que deu lugar a un cambio dos patróns de comportamento tradicionais dos/das consumidores/as e a un forte descenso do consumo de peixe e marisco, isto afecta de xeito moi significativo a actividade do sector produtivo e extractivo e o comercio retallista, que están a acusar de xeito directo as consecuencias desta contracción no consumo dos produtos da pesca e acuicultura frescos, o que ameaza a supervivencia de moitos produtores, e tamén de pequenos e medianos establecementos de distribución, esenciais para asegurar a dispoñibilidade e a accesibilidade do produto nas localidades de menor tamaño.

Por todo o exposto, a Consellería do Mar convoca o Programa bonos Peixe en peixarías, dada a repercusión positiva que tiveron programas similares na reactivación das vendas no comercio de proximidade galego, e procúrase ao mesmo tempo, a través da súa implementación ao longo de varios meses, unha reactivación da demanda que asegure un efecto prolongado no tempo máis alá da propia duración do bono.

A finalidade deste Programa de bonos Peixe en peixarías é estimular a demanda dos produtos da pesca e a acuicultura frescos entre as persoas consumidoras, a través dunha campaña que promoverá o consumo mediante o recurso á técnica do desconto comercial, para apoiar a reactivación económica da pesca e acuicultura galegas e asegurar a actividade do comercio retallista destes produtos, promover a súa compra regular, corrixir o impacto do factor prezo como elemento disruptor da demanda e paliar ao mesmo tempo o impacto negativo na calidade alimentaria da cesta da compra da cidadanía derivado da alteración nos patróns de consumo.

Os bonos Peixe en peixarías poderán utilizalos as persoas físicas maiores de idade nos establecementos comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adhiran ao programa, parte activa e fundamental para levar a cabo esta campaña de dinamización e reactivación do consumo de peixes e mariscos frescos a través do comercio de proximidade.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prevé a posibilidade de contar con entidades colaboradoras no procedemento de xestión e pagamento de axudas públicas. Neste sentido, o seu artigo 9 establece que será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregue e distribúa os fondos públicos ás persoas beneficiarias cando así se estableza nunhas bases reguladoras ou colabore na xestión da subvención.

Así mesmo, o artigo 13.4 da mesma lei dispón que, cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, se seleccionarán previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación e a colaboración formalizarase mediante convenio, salvo que polo obxecto da colaboración resulte de aplicación plena a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Mar en materia de promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase o procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas económicas que se farán efectivas a través dos bonos Peixe en peixarías de acordo coa orde da Consellería do Mar pola que se estableza o procedemento de concesión destes (código de procedemento PE113G).

Artigo 2. Obxecto da colaboración

O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.

Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Consellería do Mar, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde.

Artigo 3. Requisitos e condicións de solvencia

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.

– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.

A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, e entregará e distribuírá os fondos públicos aos comercios adheridos ao programa.

Artigo 4. Prazo de duración

O prazo de duración da colaboración estenderase desde o momento da sinatura do correspondente convenio ata o 31 de decembro de 2025.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Obrigas e compromisos da entidade colaboradora

Son obrigas da entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e a Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

2. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Consellería do Mar.

4. Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, entregando e distribuíndo as axudas do programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.

5. Conservar a documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a sinatura do convenio de colaboración.

6. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e as demais disposicións vixentes sobre a materia.

7. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios de selección da entidade colaboradora

Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:

• Memoria técnica que describa coa amplitude e detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada: ata 70 puntos.

• Experiencia na entrega e distribución de axudas aos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia no marco de programas de incentivo do consumo de ámbito autonómico: ata 30 puntos.

Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requerida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).

O prazo máximo de presentación das solicitudes será de cinco días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Escritura de constitución/modificación.

– Poder acreditativo da representación da persoa que asina a solicitude de participación.

– Memoria técnica e toda a documentación que, a xuízo da entidade solicitante, lle permita á Administración valorar a solicitude conforme os criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De xeito excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitud deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

1. NIF da entidade solicitante.

1. DNI/NIE da persoa representante.

2. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

3. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

4. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

• Presidente/a: o subdirector xeral de Valorización dos Produtos do Mar da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

• Vogais:

Un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, que fará as funcións de secretario/a.

3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 11. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirálles ás entidades interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica será o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución, e corresponderalle á persoa titular da Consellería do Mar ditar a resolución correspondente, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

ANEXO I

Convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e xxxx para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2025

REUNIDOS

Dunha parte:

Alfonso Villares Bermúdez, conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, que actúa en nome e representación da Consellería do Mar, en virtude das facultades recoñecidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia.

Doutra parte:

..., con DNI ..., que actúa en nome e representación de ..., na súa condición de ..., en virtude das facultades emanadas de ....

Ambas as dúas partes interveñen no nome e representación das súas respectivas institucións no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas, e recoñecense mutua e reciprocamente capacidade para obrigarse mediante o presente convenio nos termos que nel se conteñen e, para o efecto,

MANIFESTAN:

Primeiro. A Consellería do Mar convoca o Programa bonos Peixe en peixarías coa finalidade de estimular a demanda das persoas consumidoras e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do consumo de peixe e marisco frescos no comercio de proximidade galego.

A concesión destas axudas económicas farase efectiva a través dos bonos Peixe en peixarías, que poderán utilizar as persoas físicas maiores de idade nos establecementos comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adhiran ao programa.

Segundo. A entidade xxxxxx, conforme a Orde da Consellería do Mar do xx de xxxx de 2025, resultou seleccionada como entidade financeira colaboradora na entrega e distribución dos fondos do programa de dinamización e incentivo do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.

Terceiro. Ambas as partes, por razóns de eficacia na xestión, en prol do desenvolvemento das diversas accións de promoción do sector e mellora da comercialización, en tanto que esta actividade redundará nunha mellora do desempeño do sector pesqueiro e na realización dos obxectivos perseguidos, e co fin de conseguir unha mellor prestación dos servizos ás persoas beneficiarias das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto da colaboración

Constitúe o obxecto do presente convenio establecer o marco da colaboración entre as partes asinantes para a xestión e distribución dos fondos das axudas económicas que van ser convocadas no marco do Programa bonos Peixe en peixarías para fortalecer o sector comercial retallista de Galicia, estimulando a demanda das persoas consumidoras.

Segunda. Entidade colaboradora

xxxxxx é unha entidade colaboradora que cumpre cos artigos 3 e 6 da Orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.

Terceira. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido na Orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade financeira colaboradora para a xestión do programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías, obrígase ao seguinte:

1. Entregar e distribuír as axudas do programa mediante a habilitación dunha plataforma tecnolóxica específica e das aplicacións informáticas máis adecuadas para a posta en marcha, a eficaz execución e o seguimento do programa, de tal forma que permita ter un seguimento, control e rastrexabilidade da emisión dos bonos o seu troco nos comercios adheridos e pagamento destes, de acordo coas previsións establecidas na cláusula quinta.

2. Ter operativas a plataforma e/ou aplicacións informáticas, habilitando o procedemento operativo antes da entrada en vigor da orde de convocatoria do programa.

3. Utilizar a imaxe do programa definida pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica en todos os soportes físicos e dixitais.

4. Por á disposición da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica os seguintes informes:

– Persoas usuarias dadas de alta no programa.

– Comercios dados de alta no programa.

– Número de bonos descargados (localidade, provincia).

5. Ser a depositaria dos fondos transferidos e entregar e distribuír os fondos públicos aos comercios adheridos ao programa, sen ningún custo ou requisito adicional dos previstos no programa e con independencia de que sexan clientes/as da entidade, cunha periodicidade semanal.

Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do seu patrimonio.

6. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, de ser o caso, coas instrucións específicas dadas pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

7. Informar do saldo dispoñible dos bonos unha vez alcanzada a súa data de caducidade ou o fin do programa coa finalidade de realizar o reembolso dese saldo, se é o caso, á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

8. Comunicarlle á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a través do correspondente ficheiro, as operacións de liquidacións e transferencias de abonamento realizadas, cunha periodicidade semanal.

9. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidos para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e as demais disposicións vixentes sobre a materia.

Deberase manter a xestión das bases de datos do programa á marxe das bases de datos da clientela da entidade financeira, e non a poderán utilizar para ningún fin distinto da propia administración e xestión dos bonos.

11. Dispor de libros e rexistros contables para facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.

12. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

13. Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, particularmente, nos seus artigos 10 e 12, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

14. Facer constar a participación da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) nas exhibicións publicitarias que teñan lugar no marco deste convenio.

Cuarta. Obrigas da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica comprométese a:

1. Librar o crédito necesario para realizar o pagamento dos bonos trocados dentro do período subvencionable establecido na correspondente orde de convocatoria do programa.

2. Definir a imaxe do programa en todos os soportes físicos e dixitais.

3. Facilitar o contido das declaracións das altas dos comercios e das persoas usuarias, así como das autorizacións expresas en materia de protección de datos nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e neste convenio.

4. Autorizar as liquidacións con carácter previo á súa transferencia.

5. Compensar os gastos en que incorra a entidade colaboradora ao abeiro do artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Operativa da xestión das axudas

A entidade colaboradora habilitará as aplicacións informáticas tecnicamente máis adecuadas para dar de alta as persoas usuarias dos bonos Peixe en peixarías, e identificará respecto de cada unha delas a información que se estableza na orde de convocatoria do programa e, en todo caso, a seguinte:

• Nome e apelidos.

• Maioría de idade.

• DNI/NIE.

• Localidade de residencia (código postal).

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

– Habilitación da solución técnica para a descarga dixital dos bonos por parte das persoas usuarias.

Cada persoa usuaria disporá dos bonos que se establezan na orde de convocatoria do programa, que poderán ser usados nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa. A súa aplicación será efectuada polos propios establecementos, e habilitará para tal efecto a entidade colaboradora os mecanismos e canles necesarios.

Cada bono terá o valor determinado na orde de convocatoria do programa. O dito importe irase reducindo en función do valor da compra de acordo cos criterios establecidos na citada orde.

A orde de convocatoria poderá dispor liberacións parciais do crédito dispoñible en intervalos temporais e limitar pola súa vez o importe máximo do bono, que poderá ser usado polas persoas usuarias dentro de cada un deses intervalos. Os importes non usados polas persoas usuarias dentro de cada intervalo poderán acumularse para o seu uso en períodos posteriores, así como o crédito dispoñible non gastado en cada intervalo temporal, que tamén se poderá acumular co dispoñible para os seguintes períodos.

O período de validez dos bonos será o establecido na orde de convocatoria do programa.

O uso da aplicación e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informadas convenientemente.

Para estes efectos, por medio dunha declaración responsable, as persoas usuarias deberán manifestar, baixo a súa responsabilidade, que cumpren cos requisitos establecidos na orde correspondente e que os datos indicados son certos. Así mesmo, deberán constar as autorizacións correspondentes en materia de protección de datos persoais nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e neste convenio.

– A Consellería do Mar, mediante convocatoria pública, establecerá o prazo para que os comercios retallistas interesados en adherirse ao Programa bonos Peixe en peixarías se dean de alta na aplicación tecnolóxica habilitada para tal efecto pola entidade colaboradora.

Na alta dos comercios deberá quedar constancia da información que se estableza na orde de convocatoria do programa e, en todo caso, a seguinte:

• Nome e apelidos/razón social.

• Domicilio fiscal en Galicia.

• NIF/CIF.

• Nome, apelidos e DNI/NIE da persoa representante.

• Nome comercial.

• Enderezo do establecemento comercial.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• IAE principal.

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento comercial (de ser o caso).

No caso dos retallistas comprendidos dentro do código IAE 663.1-Venda ambulante de peixe e marisco. CNAE 4723 Comercio ao por menor de peixe e mariscos (venda retallista fóra de local), os datos referentes ao establecemento comercial poderán ser substituídos polo número de matrícula do vehículo utilizado para a actividade comercial.

A alta e o uso da aplicación por parte das persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións e obrigas do programa e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informadas convenientemente.

Para estes efectos, as persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente unha declaración responsable en que manifesten o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados.

O importe máximo de bonos que poderán trocarse por cada empresa establecerase, de ser o caso, na orde de convocatoria do programa.

A entidade colaboradora habilitará o sistema de funcionamento e troco dos bonos de tal forma que quede rexistrado o importe e o concepto da compra, a identificación do bono e o importe descontado.

A entidade colaboradora deberá entregar e distribuír aos comercios, na conta bancaria indicada para tal efecto, o importe dos bonos trocados.

Sexta. Depósito dos fondos públicos

Para dar cumprimento ao disposto no número 1 da cláusula cuarta, a Consellería do Mar depositará os fondos públicos destinados ao Programa bonos Peixe en peixarías na seguinte conta bancaria da entidade financeira colaboradora: xxxxxx. O depósito farase co concepto do «pagamento Programa bonos Peixe en peixarías».

Sétima. Compensación económica e constitución de garantías

A compensación económica a favor de xxxx polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do Programa bonos Peixe en peixarías é de 80.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.723B 480.0, código de proxecto 2023 00197 N, da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

O pagamento da compensación económica farase á entidade financeira colaboradora, unha vez finalizado o Programa bonos Peixe en peixarías, na seguinte conta bancaria: xxxxxx.

En atención ás características da colaboración e á solvencia da entidade, a entidade colaboradora está exenta de constituír as garantías previstas no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitava. Protección de datos

As partes asinantes virán obrigadas en materia de protección de datos a cumprir co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.

As partes deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lle sexan confiados para a formalización do programa ou que sexan elaborados con ocasión da execución deste, salvo que a comunicación derive dunha obriga legal ou mandato xudicial.

A entidade colaboradora, como encargada do tratamento dos datos, ten encomendado o labor de recollida, rexistro e almacenamento dos datos persoais necesarios para a tramitar os bonos Peixe en peixarías segundo as directrices establecidas pola Consellería do Mar, e garantirá expresamente respecto dos datos de carácter persoal que se traten durante a xestión dos devanditos bonos:

a) Que adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a súa conservación e seguridade e evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.

b) Que non llelos comunicará a terceiras persoas.

c) Que gardará o segredo profesional respecto destes.

d) Que os utilizará única e exclusivamente para os efectos previstos neste convenio.

As obrigas anteriormente citadas non exclúen nin contraveñen as obrigas que se citarán como condición de encargado do tratamento.

Novena. Encargado do tratamento

A Consellería do Mar posúe a condición de responsable do tratamento de datos persoais e a entidade colaboradora posúe a condición de encargada do tratamento, comprométese a entidade colaboradora, ás seguintes condicións:

1. Tratar por conta da Consellería do Mar os datos de carácter persoal necesarios para a xestión dos bonos Peixe en peixarías. A tipoloxía de datos tratados e as categorías de interesados serán unicamente os recollidos nesta orde. O tratamento poderá consistir na recollida, rexistro, conservación, consulta, supresión e destrución da información.

2. Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto deste encargo. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios, e será considerado neste suposto como responsable do tratamento.

3. Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos informará inmediatamente o responsable.

4. Levar por escrito, cando proceda segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento efectuadas por conta do responsable, que inclúa o contido previsto no referido artigo.

5. Non comunicarlles os datos a terceiras persoas, salvo que conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicarlles os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.

6. Manter o deber de segredo respecto dos datos persoais aos cales tivese acceso en virtude do presente contrato, mesmo despois de que finalice o seu obxecto.

7. Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das cales lles informase convenientemente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obriga.

8. Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

9. Asistir o responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que este poida cumprir coa súa obriga de responder as devanditas solicitudes dos interesados nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitaralle ao responsable, por requirimento deste, e na maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para este efecto. No caso de que os afectados solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraos a través de calquera medio fidedigno de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

10. No caso de que o obxecto da contratación prevexa a recollida de datos directamente polo adxudicatario, este facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se van realizar no momento de obter os datos. A redacción e o formato en que se facilitará a información deberase acordar co responsable e dará cumprimento en todo caso ás exixencias previstas no RXPD e na LOPDGDD.

11. Notificarlle ao responsable do tratamento, de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das cales teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia, de ser o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.

12. Dar apoio ao responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas a protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando cumpra.

13. Implantar, nos casos en que se aplique, as previsións recollidas no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS). En todo caso, implantaranse as medidas de seguridade necesarias para:

13.1. Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.

13.2. Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidencia física ou técnica.

13.3.Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.

13.4. Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se for necesario.

14. Pór á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, en caso de non existir, facilitar a realización das auditorías ou as inspeccións que realice o responsable ou outro auditor autorizado.

15. Designar un delegado de protección de datos, se correspondese segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicarlle a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

Para estes efectos, faise constar que a entidade financeira colaboradora conta cun/cunha delegado/a de protección de datos formalmente designado/a, xxxxxxxx, e co cal o responsable do tratamento pode pórse en contacto mediante o seguinte enderezo electrónico: xxxxxxxx.

16. Devolverlle ao responsable, unha vez cumpridas as prestacións obxecto da presente contratación, os datos persoais e, de ser o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se poidan derivar responsabilidades da execución da prestación.

17. Non subcontratar ningunha das prestacións que formen parte do obxecto deste convenio que comporten o tratamento de datos persoais, fóra daqueles servizos auxiliares que resulten necesarios para o normal funcionamento dos servizos do encargado ou aqueles que resulten precisos para alcanzar o bo fin do presente convenio. Neste caso, as entidades subcontratistas terán tamén a condición de encargado do tratamento e deberán cumprir igualmente as obrigas establecidas neste convenio para esta figura e as instrucións que dite o responsable do tratamento. Á entidade bancaria colaboradora corresponderalle regular a nova relación de forma que o novo encargado quede suxeito ás mesmas condicións (instrucións, obrigas, medidas de seguridade…), ao mesmo réxime de responsabilidade e cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial, no referente ao adecuado tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas.

Décima. Prazo de duración

Este convenio de colaboración entrará en vigor o día da súa sinatura e os seus efectos estenderanse ata o 31 de decembro de 2025.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Décimo primeira. Interpretación do convenio

As cuestións xurdidas acerca da interpretación, modificación ou efectos do convenio resolveraas a Consellería do Mar, e os seus acordos porán fin á vía administrativa.

Contra estes acordos cabe interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou poderá interporse directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se o dito acto for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o/a solicitante e outros/as posibles interesados/as, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo segunda. Resolución do convenio

Son causas de resolución deste convenio:

1. O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen que se acordase a súa prórroga.

2. O acordo unánime das partes asinantes.

3. O incumprimento total ou parcial das estipulacións contidas nas cláusulas ou no articulado da Orde pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes de axudas en curso.

4. Calquera outra causa distinta das anteriores prevista na lexislación vixente.

Para os efectos do reintegro das subvencións, observarase o disposto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo terceira. Xustificación e inspección

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa subvencionable.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica poderá cancelar a adhesión destes ao Programa bonos Peixe en peixarías, e comunicaralle a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e pagamento dos bonos.

Os comercios retallistas adheridos están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e os restantes órganos de control no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Décimo cuarta. Natureza administrativa

Este convenio de colaboración ten natureza administrativa, polo que queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que puider presentar.

O convenio rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo.

As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo quinta. Réxime xurídico

Para todo o non previsto neste convenio de colaboración observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, así como nas restantes normas xerais de dereito administrativo.

E en proba da conformidade cos termos deste convenio de colaboración, as partes asínano e rubrícano no lugar e data indicados na cabeceira.

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file