DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2025 Páx. 27868

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 6 de maio de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2025), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG622A).

BDNS (Identif.): 832629.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/832629

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/832627 (minimis agrícola)

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/832628 (minimis pesca)

Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas, incluídos os autónomos, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran coa definición de peme segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conten no devandito centro con polo menos un traballador por conta allea, na data de publicación no DOG destas bases de axudas. Este último requisito non é aplicable a startups con certificación de Enisa en vigor e aquelas empresas constituídas con menos de 42 meses de antigüidade na data de publicación das bases de axudas.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. No caso de non estaren inscritas, deberán solicitar a alta a través do procedemento IG192 antes da data de presentación da solicitude.

d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

e) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto facilitar a internacionalización das empresas galegas que aínda non exportan ou que contan cunha baixa presenza exterior, así como apoiar as que xa están internacionalizadas para que non só manteñan a súa presenza nos mercados exteriores, senón que a amplíen. Para iso ofrécense axudas que lles permitan aumentar a súa presenza internacional, expandíndose a novos países e diversificando os sectores en que operan. Ademais, considérase adecuado apoiar as pemes galegas que, operando en Galicia, buscan captar clientes estranxeiros, incluíndo tamén como posibles beneficiarias as empresas que estean inmersas en procesos de internacionalización inversa.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de maio de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2025), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG622A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 8.000.000 de € con cargo ao ano 2025 e 300.000 € con cargo ao ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computar transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2025, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica