DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 19 de maio de 2025 Páx. 27985

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2025, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se determinan as federacións deportivas que deberán presentar informe de auditoría das contas anuais de 2024 e auditorías operativas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica ten atribuída a competencia de realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas ás federacións deportivas galegas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o Plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica ao inicio de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo o establecido no artigo 4 da Orde do 16 de xaneiro de 2025 pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2025-2028, correspondente ás anualidades 2024 a 2027, e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B) (publicada no Diario Oficial de Galicia número 20, do 30 de xaneiro de 2025), concrétanse nesta resolución cales son as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas correspondentes ao exercicio 2024, así como as auditorías operativas ou de xestión.

Na súa virtude, en uso das facultades previstas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia; no Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia e a delegación de competencias prevista na disposición derradeira primeira da Orde do 16 de xaneiro de 2025,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é determinar as federacións deportivas galegas que deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2024, así como operativas ou de xestión, nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Orde do 16 de xaneiro de 2025 pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2025-2028, correspondente ás anualidades 2024 a 2027, e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B).

Artigo 2. Auditorías das contas anuais

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2024 as seguintes federacións deportivas galegas:

Federación Galega de Actividades Subacuáticas.

Federación Galega de Aeronáutica.

Federación Galega de Automobilismo.

Real Federación Galega de Atletismo.

Federación Galega de Bádminton.

Federación Galega de Baile Deportivo.

Federación Galega de Baloncesto.

Federación Galega de Balonmán.

Federación Galega de Béisbol e Sófbol.

Federación Galega de Billar.

Federación Galega de Boxeo.

Federación Galega de Ciclismo.

Federación Galega de Deporte Adaptado.

Federación Galega de Deporte Autóctono.

Federación Galega de Esgrima.

Federación Galega de Espeleoloxía.

Federación Galega de Esquí Náutico.

Real Federación Galega de Fútbol.

Federación Galega de Halterofilia.

Federación Galega de Hóckey.

Federación Galega de Judo e D.A.

Federación Galega de Kickboxing e Muaythai.

Federación Galega de Kung-Fu.

Federación Galega de Loita e D.A.

Federación Galega de Montañismo.

Federación Galega de Motociclismo.

Real Federación Galega de Motonáutica.

Federación Galega de Natación.

Federación Galega de Pádel.

Federación Galega de Pelota.

Federación Galega de Piragüismo.

Federación Galega de Remo.

Federación Galega de Rugby.

Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia.

Federación Galega de Squash.

Federación Galega de Surf.

Federación Galega de Taekwondo.

Federación Galega de Tenis.

Federación Galega de Tenis de Mesa.

Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno.

Real Federación Galega de Vela.

Federación Galega de Voleibol.

Artigo 3. Das contas que se van auditar

1. Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio 2024.

2. A auditoría efectuarase conforme a Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, e o Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro, polo que se aproba o regulamento que desenvolve o texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, en todo o que non se opoña á Lei 22/2015.

3. Segundo a disposición adicional segunda do Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos non serán de aplicación ás federacións deportivas españolas e federacións territoriais de ámbito autonómico integradas nelas nin aos clubs profesionais e asociacións deportivas declarados de utilidade pública que, atendendo aos termos da disposición transitoria quinta do Real decreto 1514/2007, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, se rexerán pola Orde do Ministerio de Economía e Facenda do 2 de febreiro de 1994 para o caso das federacións deportivas, e pola Orde do Ministerio de Economía do 27 de xuño de 2000 no caso de clubs profesionais e asociacións deportivas, sen prexuízo de que nas contas anuais se inclúa a información que, cando teñan o carácter de utilidade pública, se require na adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos. En concreto, incluirán na memoria das contas anuais información relativa:

a) Á actividade da entidade.

b) De ser o caso, as bases de presentación e a información da liquidación do orzamento.

c) Excedente do exercicio.

d) Ingresos e gastos.

e) Aplicación de elementos patrimoniais a fins propios.

f) Cambios no órgano de goberno, dirección e representación.

g) Información sobre autorizacións outorgadas pola autoridade administrativa correspondente que sexan necesarias para determinadas actuacións.

h) Calquera outra información que sexa significativa.

Artigo 4. Auditorías operativas

1. Someteranse a unha auditoría operativa as federacións deportivas galegas de karate e D.A. e piragüismo.

2. O obxectivo das auditorías operativas é analizar a organización interna e a eficiencia da federación na administración dos seus recursos.

As auditorías operativas conterán a análise das distintas áreas económico-financeiras da federación, con especial referencia á súa xestión de recursos, fontes de financiamento e tesouraría; analizarán a racionalidade dos procedementos empregados e o sistema de control interno utilizado, detectarán os posibles puntos débiles e proporán as recomendacións necesarias para a súa mellora, e así obter unha utilización óptima dos recursos. Nas auditorías operativas tomarase coma referencia a norma ISO 19011/2018, directrices para a auditoría dos sistemas de xestión.

Artigo 5. Lugar, procedemento e prazo de presentación

1. A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, con código PR947B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o disposto na Orde do 16 de xaneiro de 2025 pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2025-2028, correspondente ás anualidades 2024 a 2027, e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B)

2. O prazo de presentación dos informes de auditoría, nos termos establecidos nesta resolución, abrirase a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e terá como data límite para a súa presentación o 30 de setembro de 2025 para as auditorías das contas anuais de 2024, e un prazo de seis meses a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG para as auditorías operativas.

Disposición adicional primeira. Empresa auditora

Para realizar os informes de auditoría a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ten contratado un Acordo marco dos servizos de auditoría das contas anuais e operativas das federacións deportivas galegas dos anos 2024-2025-2026-2027. A empresa auditora contratada contactará coas federacións relacionadas no artigo 2 e 4 para a análise e informe das contas anuais de 2024, así como realizar as auditorías operativas, e deberá tamén emitir recomendacións referentes a aspectos detectados no sistema de control para establecer as medidas que se consideren necesarias para mellorar, corrixir ou eliminar as deficiencias atopadas. As federacións deportivas galegas deberán colaborar coa empresa ou persoa auditora facilitando o seu labor e achegando a documentación que lles sexa requirida.

Disposición adicional segunda. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte