DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 2025 Páx. 28607

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, pola que se acorda o arquivamento do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Teresa Blas Verísimo.

Mediante a Resolución do 29 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio (publicada no DOG núm. 115, do 14 de xuño; no BOE suplemento de notificacións núm. 147, do 18 de xuño, e no taboleiro de anuncios dos concellos de Xunqueira de Espadanedo, Ourense e Barbadás), acordouse a incoación do procedemento para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Teresa Blas Verísimo (ABI/2018/0007).

Realizadas durante a instrución do procedemento as actuacións necesarias para a determinación do patrimonio da causante, como único ben da súa herdanza detectouse unha conta bancaria na entidade Banco Santander, S.A., cun saldo de 58,39 euros.

Con data do 5 de maio de 2025 o Servizo de Protección e Defensa Patrimonial da Subdirección Xeral do Patrimonio emite informe en que, sen prexuízo da repudiación da herdanza, propón o arquivamento do procedemento de declaración de herdeiros, por considerar que os custos de tramitación, administración e liquidacións dos bens que se poidan adquirir coa declaración de herdeiros, excederán o valor do haber hereditario.

Dispón o artigo 155.2 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que se acordará o arquivamento do procedemento, entre outros supostos, cando se considere propoñer a repudiación da herdanza. Pola súa parte, o artigo 156 da mesma norma, que regula a repudiación da herdanza pola Administración autonómica, establece entre outras causas de renuncia aos dereitos hereditarios, que se estime que os custos previsibles de tramitación da sucesión e da administración, conservación e liquidación do haber hereditario se xulgue que poidan chegar a exceder ou ser equivalentes ao seu valor.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio no artigo 4 da Lei 6/2023, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no seu título III, así como nos artigos 14 e 16 do Decreto 141/2024, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

RESOLVO:

Primeiro. Arquivar o procedemento incoado o 29 de maio de 2024 para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Teresa Blas Verísimo, con DNI 34607253G.

Segundo. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, Área Temática de Patrimonio, Anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a trinta días naturais, no taboleiro de anuncios dos concellos de Xunqueira de Espadanedo, Ourense e Barbadás.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade co artigo 112 e seguintes da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025

José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio