DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 2025 Páx. 29038

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 12 maio de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dispón o depósito e a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, do acordo de mellora das condicións de traballo para o persoal que presta servizos de axuda no fogar adscritos aos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Porto do Son, que nestes momentos é adxudicataria ou contrata a empresa Servicios Sociais Ulla Sar, S.L.

Feitos:

Primeiro. O día 10 de abril de 2025 tivo entrada nesta unidade a solicitude para a inscrición no Rexistro de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do acordo de mellora das condicións de traballo para o persoal que presta servizos de axuda no fogar adscritos aos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Porto do Son que nestes momentos é adxudicataria ou contrata a empresa Servicios Sociais Ulla Sar, S.L.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, as competencias que como autoridade laboral lle corresponden á consellería de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Segundo. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (Deose), de convenios colectivos (Regcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

Terceiro. O artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, regula o procedemento de inscrición de solicitudes de rexistro e convenios e acordos colectivos de traballo e establece que a autoridade laboral competente procederá a ditar resolución e ordenar o seu rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.

Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, esta Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de autoridade laboral,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o depósito e a inscrición no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo e plans de igualdade do acordo de mellora das condicións de traballo para o persoal que presta servizos de axuda no fogar adscritos aos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Porto do Son, que nestes momentos é adxudicataria ou contrata a empresa Servicios Sociais Ulla Sar, S.L.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

ANEXO

Acordo de mellora das condicións de traballo para o persoal que presta servizos de axuda no fogar adscritos aos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Porto do Son, que nestes momentos é adxudicataria ou contrata a empresa Servicios Sociais Ulla Sar, S.L.

Dunha parte, e en representación da mercantil Servicios Sociais ULLA SAR, S.L. comparecen:

– Roberto Casal Ferreira (apoderado).

– Nerea Rozados Fernández (xefa de servizo de Galicia).

– Catuxa Casal Vilar (supervisora).

Doutra parte e en representación das/dos traballadoras/es, os membros do Comité de Empresa, así como o asesor sindical do mencionado servizo:

– Rosana Míguez Rodríguez.

– Raquel Lorenzo Gómez.

– María Dolores Cerquides Otero.

– Juan Carlos Garrido Martínez.

– Ricardo Óscar Santos Reiriz (secretario de Finanzas e Comunicación de CC.OO. do Hábitat de CC.OO. Galicia).

Tendo ambas as partes a capacidade legal necesaria para contratar e obrigarse, e a suficiente para o que é obxecto este acto, nas respectivas calidades nas que actúan,

MANIFESTAN:

Primeiro. Que este acordo ten por obxecto mellorar as condicións laborais do persoal do servizo de axuda ao fogar dos concellos de Padrón, Pontecesures, Dodro, Rois e Porto do Son.

Segundo. Que con este obxecto se pretenden regularizar e homoxeneizar as relacións laborais do persoal pertencente ou que presta servizos nos diferentes concellos.

Con base en todo anteriormente dito, e co obxecto de dar cumprimento ao legalmente establecido, ambas as partes

ACORDAN:

Primeiro. Ámbito persoal e funcional

Que este acordo afecta a todos/as os/as traballadores/as que no presente ou no futuro presten os seus servizos na empresa Servicios Sociais Ulla Sar, S.L. no servizo de axuda no fogar dos concellos de Padrón, Dodro, Pontecesures, Porto do Son e Rois, así como os futuros traballadores/as e as futuras empresas adxudicatarias deste servizo de axuda no fogar nos concellos anteriormente mencionados.

Segundo. Vixencia e duración

Este acordo establécese cunha duración de carácter indefinido. Entrará en vigor en cada un dos concellos por separado, desde a data da sinatura da adxudicación dunha nova licitación de cada un deles.

Terceiro. Prelación de normas

No aquí non regulado haberá que aterse ao disposto no Convenio colectivo para a actividade de axuda no fogar da Comunidade Autónoma de Galicia e demais lexislación vixente.

Cuarto. Cláusula de revisión salarial

Todos os conceptos económicos serán incrementados nunha contía mínima do 1,5 % sobre as táboas do ano anterior, os cales serán aboados desde o primeiro mes do ano. En caso de que o IPC real no final do ano 2021, superase o 1,5 %, aplicarase o dito IPC real.

Denunciada ou iniciada a negociación dun novo acordo de centro ou convenio, e mentres non se chegue a un acordo sobre o novo, todos os conceptos económicos serán incrementados nunha contía mínima do 1,5 % sobre as táboas do ano anterior, os cales serán aboados desde o primeiro mes do ano. En caso de que o IPC real no final de ano superase o 1,5 %, aplicarase o dito IPC real.

De non ser denunciado ou de non chegar a un acordo na negociación, entenderase que o acordo de centro de traballo se prorroga automaticamente; a dita prórroga será de ano en ano e incrementaranse todos os seus conceptos económicos nas contías acordadas no parágrafo anterior, que serán aboadas desde o primeiro mes do ano.

Quinto. Xornada

1.670,9 horas para o ano 2022, cunha distribución de xornada semanal de 38,5 horas de media.

1.620 horas para o ano 2023, cunha distribución de xornada semanal de 37,5 horas de media.

1.548 horas para o ano 2024, cunha distribución de xornada semanal de 36 horas de media.

1.498 horas para o ano 2025, cunha distribución de xornada semanal de 35 horas de media.

Así mesmo, a partir do ano 2022, considéranse días festivos o 24 e o 31 de decembro, e o 24 de xuño (San Xoán).

En caso de que algún destes festivos coincida en sábado, domingo ou festivo, gozarase no anterior día laborable. De non poder gozar destes días festivos por circunstancias do servizo, e logo de acordo co traballador/a, estes días serán compensados con dous días máis de asuntos propios (por cada festivo traballado) e o correspondente complemento de festivo.

Para efectos económicos e de compensación de descanso, non será de aplicación aos traballadores/as con xornadas específicas nos termos establecidos no Convenio colectivo de axuda no fogar de Galicia.

Sexto. Aboamento por quilometraxe por uso de vehículo

Cando o persoal se desprace co seu propio coche para o desempeño do seu traballo, a empresa aboará 0,25 € por quilómetro. A dita contía comezarase a devindicar a partir do 1 de xaneiro de 2022. En todo caso, tomarase como punto de partida o domicilio do concello no que se realiza o primeiro servizo para o cálculo dos ditos desprazamentos.

Consideraranse tempo efectivo de traballo e dentro da xornada de traballo os desprazamentos realizados desde o domicilio do concello aos diferentes domicilios dos usuarios/as, así como o tempo de desprazamento desde o último usuario/a ao domicilio do concello. En todo caso, a quilometraxe considerarase como un suplido.

Desde o centro de taballo os desprazamentos aos diferentes domicilios dos usuarios/as serán dentro da xornada laboral como tempo efectivo de traballo, e a quilometraxe considerase como un suplido.

Sétimo. Días de asuntos propios

Durante o ano 2021:

4 días de asuntos propios (de libre disposición) computados sempre como tempo de traballo efectivo, que poderá gozar ao longo do ano, excepto un acordo expreso entre a empresa e o traballador ou traballadora.

Durante o ano 2022:

6 días de asuntos propios (de libre disposición) computados sempre como tempo de traballo efectivo, que poderá gozar ao longo do ano, excepto un acordo expreso entre a empresa e o traballador ou traballadora.

Durante o ano 2023:

7 días de asuntos propios (de libre disposición) computados sempre como tempo de traballo efectivo, que poderá gozar ao longo do ano, excepto un acordo expreso entre a empresa e o traballador ou traballadora.

Durante o ano 2024:

8 días de asuntos propios (de libre disposición), computados sempre como tempo de traballo efectivo, que poderá gozar ao longo do ano, excepto un acordo expreso entre a empresa e o traballador ou traballadora:

Durante o ano 2025:

9 días de asuntos propios (de libre disposición), computados sempre como tempo de traballo efectivo, que poderá gozar ao longo do ano, excepto un acordo expreso entre a empresa e o traballador ou traballadora.

Oitavo. Complemento de dispoñibilidade para coordinadoras/es que acepten voluntariamente entrar no sistema de retén/gardas

As empresas voluntariamente poderán establecer quendas de dispoñibilidade, que terán sempre carácter de voluntariedade por parte dos coordinadores ou coordinadoras. Aquel/a traballador/a que voluntariamente se acolla a esta modalidade terá a obriga de estar localizable durante a xornada co fin de acudir a calquera requirimento que se poida producir como consecuencia dunha situación de urxencia específica.

As coordinadoras/es que se acepten voluntariamente entrar no sistema de retén/gardas terán dereito a percibir un complemento de 150 € por mes.

A contía do complemento de dispoñibilidade de 150 € por mes será incrementada todos os anos segundo a actualización do IPC ou suba salarial que sexa de aplicación en vindeiras negociacións do Convenio colectivo para a actividade de axuda a domicilio de Galicia.

Neste mesmo punto, en compensación ao tempo de traballo efectivo desempeñado durante o tempo de dispoñibilidade, será compensado con dous días de LD a maiores do establecido anualmente.

Noveno. Paga extra «de Pascua»

Aboarase unha terceira paga extraordinaria sobre as dúas pagas que xa estipula o Convenio marco de aplicación de axuda ao fogar de Galicia, con devindicación anual, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro e aboamento rateado mensualmente en 12 pagas.

Último. Rexistro e publicación

As partes acordan autorizar a Ignacio Bouzada Gil, con DNI 3xxxxxx9-F, do Consello Galego de Relacións Laborais, para proceder a realizar cantos trámites sexan necesarios ante a autoridade laboral para a inscrición deste acordo na plataforma Regcom, así como en todos os rexistros correspondentes que sexan precisos, coa finalidade da súa validación e publicación.

Asinado, con acordo e conformidade, este acordo no lugar e data sinalados no encabezamento as partes lexitimadas:

Por parte da Empresa Ulla Sar, S.L.

Por parte da representación dos/das traballadoras/es