Mediante a Resolución do 28 de abril de 2025 (DOG número 83, do 2 de maio) a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.
A base VIII da convocatoria establece que «expirados os prazos de presentación das solicitudes de participación no concurso, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal ditará unha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia en que se declararán aprobadas as listas de persoas admitidas e excluídas, con indicación do lugar en que estarán á disposición das persoas interesadas».
En consecuencia, esta dirección xeral, logo de examinar as solicitudes das persoas participantes,
RESOLVE:
Aprobar a relación provisional de persoas solicitantes admitidas e excluídas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes das escalas de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.
A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://www.xunta.gal/funcion-publica, na epígrafe de <concurso de traslados>. Non constan participantes excluídas.
Aquelas persoas que non figuren na relación de admitidas nin na de excluídas e solicitasen participar no concurso disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para, de ser o caso, presentar reclamación. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions e deberá cubrirse e presentarse electronicamente.
A estimación ou a desestimación das reclamacións entenderanse implícitas na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva.
As persoas solicitantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden os defectos motivo de exclusión serán definitivamente excluídas.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
