Unha vez examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC de Vilariño, pertencente á CMVMC de Vilariño, e mais o MVMC Motas e Viso, pertencente á CMVMC das parroquias de Lobeira e Monte Longo, no concello de Lobeira, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Vilariño presentou un escrito (Rexel 2022/2399706) no cal solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC das parroquias de Lobeira e Monte Longo.
Coa solicitude achegouse a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Acta de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Lobeira.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Memoria e planos.
Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 21 de febreiro de 2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Vilariño, pertencente á CMVMC de Vilariño, e o MVMC Motas e Viso, pertencente á CMVMC das parroquias de Lobeira e Monte Longo, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice 9 (o situado máis ao N).
Logo de analizar toda a documentación achegada, obsérvase que o linde non é unha liña recta entre os distintos puntos avinzados, senón que, tal como se describe na acta do deslindamento, vén definido pola marxe dereita da estrada Cruceiro do Viso-estrada de Bande (vértices 2 ao 6) e mais pola marxe esquerda do chamado Cortalumes de Carballas (vértices 6 ao 9).
Porén, e de acordo coa propia acta do deslindamento, nos vértices 1 e 9 conflúen tamén os MVMC Lomba, Carballa, Formigueiro e Ouzal (TM de Bande) e de Souto, respectivamente, os cales non participan da avinza. Xa que logo, e dada a posibilidade de que estes puntos orixinaren unha raia distinta da que as comunidades destes terceiros montes puideren ter por válida, considérase que os ditos vértices deben ter a condición de puntos auxiliares que permitan definir a dirección do linde nos tramos inicial e final e permitir así pechar os esbozos dos montes deslindados contra os perímetros deses montes indirectamente afectados.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 8, tendo os vértices 1 e 9 a consideración de puntos auxiliares que permiten definir a dirección da liña nos tramos inicial e final.
Consideracións legais e técnicas.
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o Informe favorable do servizo de Montes do día 21 de febreiro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 7 de abril de 2025:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Vilariño, pertencente á CMVMC de Vilariño, e mais de MVMC Motas e Viso, pertencente á CMVMC das parroquias de Lobeira e Monte Longo, no concello de Lobeira.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 12 maio de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
