DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 2025 Páx. 30148

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de maio de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade á Resolución do 15 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Prado-Godóns (Covelo-Pontevedra).

O 15 de abril de 2025, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural ditou a resolución que se transcribe a seguir:

«O acordo de concentración parcelaria da zona de Prado-Godóns (Covelo-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia con data do 15 de decembro de 2003, publicado na forma legalmente prevista, e na actualidade encóntrase pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Covelo solicitou a cesión do predio nº 1265. O dito predio figura como atribución do propietario nº 71, descoñecidos monte dos veciños da parroquia de Godóns, que carece de personalidade xurídica, ademais de que por este propietario non se achegaron terreos nesa localización. O Concello solicita este predio dado que pola súa situación é o predio adecuado para parque e zona de aparcadoiro para a igrexa, cemiterio e casa social de Godóns.

Visto o informe emitido polo Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións legais de aplicación.

Esta dirección xeral, ao abeiro da lexislación vixente, resolve modificar o acordo de concentración parcelaria da zona no sentido de:

1. Integrar o predio nº 1265 (procedente do propietario nº 71) no Fondo de terras da zona ao mesmo tempo que o predio nº 1480, procedente do dito fondo, pasa a figurar na relación de predios do propietario nº 71.

2. Ceder o predio 1265 ao Concello de Covelo (prop. 52) para ser destinado a parque e zona de aparcadoiro para a igrexa, cemiterio e casa social de Godóns ao abeiro do disposto polo artigo 32 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Se o predio non fose destinado ao fin para o cal é adxudicado, a titularidade do referido predio reverterá sobre o Fondo de terras da zona, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou entidade que corresponda, ou patrimonio da Comunidade Autónoma, segundo o caso.

3. Ordenar que a esta resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Covelo».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 12 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Director territorial de Pontevedra