DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 2025 Páx. 29996

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoal asalariado (segunda persoa condutora) e para o pagamento das pólizas de seguros no sector dos taxis e se convocan para o exercicio 2025 (código de procedemento IF401A).

A mobilidade constitúe, no momento actual, un compoñente esencial da calidade de vida das persoas, tal e como se indica na exposición de motivos da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia. Deste xeito, o transporte público de persoas en vehículos de turismo, en especial o servizo de taxi, ten unha importancia decisiva como instrumento conformador da convivencia cidadá e da habitabilidade no contorno rural.

Con esta finalidade, a Xunta de Galicia vén apoiando o sector mediante o outorgamento de axudas dirixidas á renovación de frotas, a mellorar a calidade do servizo e a garantir a viabilidade económica dos taxistas.

A Lei 4/2013, do 30 de maio, establece que o servizo de taxi «ten a consideración de servizo público de interese xeral» e dispón que o transporte de persoas en vehículos de turismo se axustará, entre outros, aos principios de «universalidade, accesibilidade, continuidade e calidade na prestación dos servizos», que as administracións públicas deben velar por garantir.

Nos últimos anos, o sector está a sufrir un elevado incremento dos custos asociados ao servizo de taxi, entre os cales cómpre salientar as pólizas dos seguros destes vehículos que experimentaron unha notable subida nos últimos anos, e chegouse a duplicar o seu prezo e cunha subida media estimada en mais do 17 % nos últimos dous anos.

Por outra banda, a escaseza de taxis nas vías públicas provoca que a percepción do servizo público resulte negativa, o que dana o interese público e converteuse nunha queixa recorrente das persoas usuarias nos últimos tempos, vinculando esta insatisfacción coa imposibilidade e as demoras que se producen para obter o servizo. En liña co anterior, valórase positivamente o desenvolvemento de actuacións que permitan unha optimización dos recursos postos á disposición para o desenvolvemento desta actividade, cun incremento do nivel de oferta e da intensidade na prestación do servizo.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pretende, mediante esta orde de axudas, favorecer a prestación do servizo público de taxi que desenvolven as persoas titulares dunha autorización de transporte público interurbano de viaxeiros en vehículos de turismo (VT-N) domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia. Trátase dun sector que conta con case 3.500 autorizacións en Galicia, que presta un servizo público esencial adaptado ás necesidades de mobilidade da poboación tanto en ámbitos urbanos como nos rurais, nos cales se produce incluso unha maior demanda deste tipo de servizo de transporte consecuencia do avellentamento progresivo da poboación, do incremento da poboación activa e do turismo na nosa comunidade, así como á da dispersión da poboación.

En consecuencia, resulta necesaria e oportuna a implementación de actuacións dirixidas a atender tanto as demandas dos profesionais do taxi, que contribuirá a facer fronte ao extraordinario incremento do custo das pólizas do seguro do vehículo, sen que se repercuta de xeito inmediato na tarifa que asumen as persoas usuarias, e ás demandas da poboación, ao subvencionarse a contratación dunha persoa condutora adicional coa finalidade de contribuír a unha maior eficiencia na utilización dos medios e, deste modo, a que a prestación do servizo de taxi incremente a súa intensidade, ao estar máis horas ao día en circulación e prestar deste xeito un mellor servizo á cidadanía, á vez que ten un carácter impulsor e de promoción da contratación de persoal.

Esta orde de axudas conta dunha dotación orzamentaria de 1.000.000 €, que se distribuirá en dúas liñas de actuación:

Liña 1: axuda para o pagamento das pólizas dos seguros dos vehículos, que contará cunha dotación de 840.000 €.

Liña 2: axuda para a contratación de. persoal asalariado, que contará cunha dotación de 160.000 €.

Dentro destas liñas de actuación proponse a aprobación das bases reguladoras e da convocatoria de axudas coa finalidade de axudar as persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas en Galicia ao pagamento das pólizas dos seguros destes vehículos, que experimentaron un notable incremento nos últimos anos, e a contratación de persoal asalariado, diferente do titular da autorización, a xornada completa e con dedicación exclusiva, o que contribuirá a acadar unha maior intensidade na prestación do servizo e satisfacer o aumento da demanda dos servizos de taxi en Galicia.

Mediante a presente orde de axudas só se subvencionará a contratación dunha persoa asalariada (en diante, segunda persoa condutora) por autorización de taxi. A contratación deberá realizarse a xornada completa e con dedicación exclusiva, de conformidade co disposto nos artigos 20 e seguintes da Lei 4/2013, do 30 de maio, e nos artigos 36 e seguintes do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio.

En congruencia co anterior, as persoas titulares das autorizacións de transporte da serie VT-N poderán solicitar unha ou as dúas liñas de actuación.

Xa que logo, estas axudas pretenden acadar beneficios sociais e económicos, e contribuirán ao benestar da comunidade, mellorando a mobilidade e xerando emprego, á vez que conseguen un impacto positivo nas economías locais.

Así mesmo, tendo en conta o obxecto e a finalidade das actuacións subvencionables, o procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva. No presente caso concorren razóns de interese social e económico que xustifican recorrer á excepción prevista no artigo 19.2 en relación co artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con base neles, na presente convocatoria queda excluído o criterio xeral de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos mediante a súa comparación, e regúlase un procedemento de concesión abreviado en que a proposta de concesión será formulada ao órgano concedente directamente polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos polas bases reguladoras para conceder a subvención.

Consecuentemente, esta orde de convocatoria axústase á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para o pagamento da póliza do seguro do vehículo e a contratación dunha segunda persoa condutora.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento IF401A).

Liña 1: axudas para a contratación da póliza de seguro do vehículo.

Liña 2: contratación dunha segunda persoa condutora.

a) Para a liña 1, poderán ser obxecto de subvención as persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data de presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.

b) Para a liña 2, poderá ser obxecto de subvención a contratación dunha segunda persoa condutora, a xornada completa e con dedicación exclusiva, realizadas dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas, polas persoas titulares de autorizacións VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data da presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.

Para os efectos das letras anteriores, un título habilítante non se considerará activo se figura en suspensión.

Só se subvencionará a contratación dunha segunda persoa condutora por titular de autorización, aínda que o solicitante da axuda poida ser titular de varias autorizacións. A contratación deberá realizarse de conformidade co disposto no artigo 20 e seguintes da Lei 4/2013, do 30 de maio, e nos artigos 36 e seguintes do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio.

Os interesados poderán solicitar a liña 1 por cada unha das autorizacións das que sexan titulares. Porén, para a liña 2 so poderán presentar unha solicitude, aínda que sexan titulares de varias autorizacións.

3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Con cargo á liña 1 desta orde, será subvencionable o pagamento dunha parte da póliza do seguro que reúna as seguintes condicións:

a) A póliza do seguro terá que ser pagada no período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas, salvo nos supostos en que o pagamento se realice de xeito periódico ou fraccionado, suposto en que terá que ter pagado, como mínimo, o importe a que ascende a axuda da liña 1 con anterioridade á resolución de concesión.

2. Con cargo á liña 2 será subvencionable a contratación dunha segunda persoa condutora que reúna as seguintes condicións:

a) Contratacións dunha segunda persoa condutora , a xornada completa e con dedicación exclusiva, realizada no período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas.

b) Pagamento da póliza do seguro, tras a contratación da persoa condutora adicional. No suposto de que o pagamento se realice de xeito periódico ou fraccionado, terá que ter pagado, como mínimo, o importe a que ascende a axuda da liña 2 con anterioridade á resolución de concesión.

c) A contratación do seguro debe ter unha vixencia mínima de 6 meses.

d) Engadir a segunda persoa condutora nos títulos habilitantes para a prestación da actividade de taxi.

Artigo 3. Financiamento e contía

1. As axudas outorgadas de conformidade co disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 2025.05.08.512A.470.1, proxecto 2025/00008.

2. A contía total máxima para as dúas liñas de axudas será de 1.000.000 euros, coa seguinte distribución inicial:

Liña 1: 840.000 €.

Liña 2: 160.000 €.

Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ditas variacións poderán ser establecidas pola Administración respecto dunha ou das dúas liñas de actuación previstas.

3. A contía da axuda, por cada autorización VT-N, será a seguinte:

Liña 1: 240 €.

Liña 2: 2.000 €.

4. As liñas de subvencións obxecto desta orde son compatibles entre si con carácter acumulativo e decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade ou liña poida obter a persoa beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

5. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000 euros durante o período de tres anos previos. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.

2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes e activas no momento da presentación da solicitude.

Artigo 5. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable, a cal se atopa no cadro de declaracións no anexo de solicitude, e refírese aos seguintes aspectos:

a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

b) Axudas de minimis recibidas durante o período dos tres anos previos suxeitas ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

d) Autenticidade dos datos facilitados.

e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

f) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.

4. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do sétimo día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025, de acordo coas seguintes previsións:

Se o crédito dispoñible para a liña 2 se esgotase antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na epígrafe de Mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito quedarán en reserva e poderán, se é o caso, ser subvencionadas ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben cun incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Para as solicitudes da liña 1:

1º. Xustificante do pagamento da prima do seguro; nel debe quedar constancia do pagamento realizado, dos suxeitos participantes na transacción e a conta de orixe e destino dos fondos.

2º. Certificado de titularidade da conta bancaria desde a cal se realizou o dito pagamento ou pagamentos que acredite que a persoa solicitante é titular dela. Non será necesario presentar este certificado no caso de que a dita conta coincida coa conta designada no documento de solicitude (anexo I), para o aboamento da axuda.

3º. No caso de actuar por medio de representante, debe achegar a documentación acreditativa da representación.

b) Para as solicitudes de axudas da liña 2:

1º. Xustificante do pagamento da prima do seguro, realizada con posterioridade á contratación da segunda persoa condutora e nos mesmos termos que no punto a).1º.

2º. Contrato de seguro cunha vixencia mínima de 6 meses.

3º. Autorización VT-N en que apareza engadida a segunda persoa condutora.

4º. No caso de actuar por medio de representante, debe achegarse a documentación acreditativa da representación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/axuda/necesita-axuda/axuda-tecnica/requisitos).

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar as dúas liñas deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) NIF da entidade representante, de ser o caso.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. Se a persoa contratada autorizou a consulta dos seus datos, segundo o modelo do anexo II (autorización para a comprobación de datos da segunda persoa condutora contratada), o órgano xestor consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos:

a) DNI/NIE da persoa traballadora contratada.

b) Informe da vida laboral dos últimos 12 meses da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

c) Contrato laboral da persoa traballadora polo que se solicita a subvención.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no suposto de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa contratada en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo II. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola cal se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que o acrediten.

6. Para o efecto da acreditación da titularidade dos títulos habilítante, a súa vixencia e situación activa da actividade, ou calquera outro aspecto relacionado con estes, observaranse os datos que consten oficialmente no Rexistro de Títulos Habilitantes que regula a Lei 4/2013, do 30 de maio.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación desta solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións corresponderalle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da anterior, a instrución corresponderalle á persoa titular da xefatura do Servizo de Autorizacións, Informes e Apoio Xurídico.

3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. O outorgamento das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde de data da solicitude e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nestas bases. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser persoa beneficiaria das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou na citada normativa, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

A remisión de documentación complementaria que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude inicialmente formulada realizarase exclusivamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 8.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa interesada para que achegue a documentación orixinal. Neste caso, a presentación desa documentación farase no rexistro ou oficina indicada pola Administración no seu requirimento.

4. Para as solicitudes da liña 2, entenderase que a persoa solicitante desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola cal se solicita subvención cause baixa en data anterior á resolución de concesión da axuda. A persoa solicitante está obrigada a comunicarlle esta situación ao órgano ante o cal solicitou a axuda.

5. A orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ao tratarse dunha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva e en aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Proposta de resolución

1. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará, respecto de cada unha delas, un informe en que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución. Todas as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos na orde serán admitidas e contarán cunha proposta de resolución favorable, sempre que estean dentro do límite orzamentario previsto para atender as axudas reguladas nesta orde.

Artigo 13. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade ditará a correspondente resolución respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite, á vista da proposta do órgano instrutor.

A resolución deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación. Do mesmo xeito, na resolución indicarase o carácter de axuda de minimis exenta, en aplicación do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade subvencionada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a data da presentación da solicitude. Se transcorrese este prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, en consonancia co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como na páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na epígrafe de Mobilidade.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo de tres meses para resolver previsto no artigo 13.2.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro total ou parcial da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, segundo a obriga incumprida.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de incorporar nun lugar visible do/s vehículo/s a/s seguinte/s referencia/s expresa/s: «Este taxi conta cunha axuda para facer fronte á alza extraordinaria das pólizas de seguro no sector do taxi promovida pola Xunta de Galicia» (anexo III) e/ou «Esta taxi conta cunha segunda quenda de actividade deste taxi promovida pola Xunta de Galicia» (anexo IV).

Para o cumprimento desta obriga deben incorporar nun lugar visible do vehículo o adhesivo ou cartel informativo que consta nos anexos indicados desta orde, coas seguintes dimensións: 7,30 cm de largo por 15,00 cm de longo, tal e como figuran nos devanditos anexos.

Artigo 18. Aceptación e xustificación da subvención

Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a persoa proposta como beneficiaria disporá dun prazo de 10 días (hábiles) para aceptala. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola persoa interesada.

Unha vez notificado o outorgamento da axuda para ambas as liñas, de non ter achegado xunto coa solicitude a documentación xustificativa, disporá dun prazo de 1 mes para presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia a devandita documentación e o xustificante do pagamento da prima do seguro, mediante o xustificante da transferencia ou transferencias bancarias do seu aboamento, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito ou o método de pagamento electrónico empregado (Paypal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado, dos suxeitos participantes na transacción e a conta de orixe e destino dos fondos. Así mesmo, deberá achegarse un certificado de titularidade da conta bancaria desde a cal se realizou o dito pagamento ou pagamentos que acredite que a persoa solicitante é titular dela. Non será necesario achegar este certificado no caso de que a dita conta coincida coa conta designada no documento de solicitude (anexo I) para o aboamento da axuda. O importe total destas deberá ser igual ou superior á contía da subvención que lle foi outorgada.

Como consecuencia, en ambas as liñas, antes desta data límite a persoa beneficiaria deberá ter xustificado o pagamento, como mínimo, do importe a que ascende a axuda solicitada, aínda que o pagamento da prima se realice de xeito fraccionado ou periódico e con posterioridade, unha vez finalizado o período de xustificación.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención.

Artigo 19. Pagamento

Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto no punto 1 do artigo anterior, realizarase o seu libramento, que se fará nun único pagamento, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso no número de conta da Xunta de Galicia ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 21. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que poderá ser total ou parcial, no suposto de que só afecte unha das dúas liñas subvencionadas e que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

Artigo 22. Control

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non regulado nesta orde observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na epígrafe de Mobilidade.

b) Os teléfonos 981 54 43 77 e 881 99 50 76 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: axudas.mobilidade@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición adicional segunda. Comunicación de feitos constitutivos de fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco desta convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para a correcta execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file