BDNS (Identif.): 834745.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/834745
Primeiro. Obxecto
1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para o pagamento da póliza do seguro do vehículo e a contratación dunha segunda persoa condutora.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento IF401A).
Liña 1: axudas para a contratación da póliza de seguro do vehículo.
Liña 2: contratación dunha segunda persoa condutora.
a) Para a liña 1, poderán ser obxecto de subvención as persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data de presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.
b) Para a liña 2, poderá ser obxecto de subvención a contratación dunha segunda persoa condutora, a xornada completa e con dedicación exclusiva, realizadas dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas, polas persoas titulares de autorizacións VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data da presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.
Para os efectos das letras anteriores, un título habilítante non se considerará activo se figura en suspensión.
Só se subvencionará a contratación dunha segunda persoa condutora por titular de autorización, aínda que o solicitante da axuda poida ser titular de varias autorizacións. A contratación deberá realizarse de conformidade co disposto no artigo 20 e seguintes da Lei 4/2013, do 30 de maio, e os artigos 36 e seguintes do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio.
As persoas interesadas poderán solicitar a liña 1 por cada unha das autorizacións das cales sexan titulares. Porén, para a liña 2 só poderán presentar unha solicitude, aínda que sexan titulares de varias autorizacións.
3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.
2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:
Terán que estar domiciliadas en Galicia.
Deberán estar vixentes e activas no momento da presentación da solicitude.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 15 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoal asalariado (segunda persoa condutora) e para o pagamento das pólizas de seguros no sector dos taxis e se convocan para o exercicio 2025 (código de procedemento IF401A).
Cuarto. Financiamento e contía
1. As axudas outorgadas de conformidade co disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 2025.05.08.512A.470.1, proxecto 2025/00008.
2. A contía total máxima para as dúas liñas de axudas será de 1.000.000 euros, coa seguinte distribución inicial:
Liña 1: 840.000 €.
Liña 2: 160.000 €.
Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ditas variacións poderán ser establecidas pola Administración respecto dunha ou das dúas liñas de actuación previstas.
3. A contía da axuda, por cada autorización VT-N, será a seguinte:
Liña 1: 240 €.
Liña 2: 2.000 €.
4. As liñas de subvencións obxecto desta orde son compatibles entre si con carácter acumulativo e decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade ou liña poida obter a persoa beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.
5. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).
A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 300.000 euros durante o período de tres anos previos. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.
As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do sétimo día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.
Sexto. Outros datos
A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF401A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Este modelo irá acompañado, ademais, da documentación relacionada no artigo 6, que necesariamente se deberá anexar en formato electrónico.
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
