DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2025 Páx. 30360

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación da LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Peares-Carballeda entre os apoios 113 e 165, nos concellos da Pobra de Trives, Larouco, Petín e A Rúa (Ourense) e Quiroga (Lugo), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2024/137-3).

Feitos:

1. O 18.10.2024 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en adiante, promotor) presentou, ante o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (en adiante, Departamento Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación da LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda entre os apoios 113 e 165, nos termos municipais da Pobra de Trives, Larouco, Petín e A Rúa (Ourense) e Quiroga (Lugo), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/137-3.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda. Repotenciación, asinado o 10.7.2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada número 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COEIM) e visado por este colexio con número 202303473 e data 11.7.2023, no cal figura un orzamento total 1.992.936,09 de euros e un prazo de execución de 14 meses.

• Declaración responsable asinada o 26.11.2023 polo técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas (co mesmo visado que o proxecto): concellos afectados de Ourense (A Pobra de Trives, Larouco, Petín e A Rúa); concellos afectados de Lugo (Quiroga), Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ADIF e Movistar.

• Resolución do 14.11.2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se autoriza a execución das obras dentro dos límites do espazo natural protexido da Rede Natura 2000_ZEC ES1130002 Macizo Central, coa obriga de atender os condicionamentos detallados na súa consideración legal e técnica número 5.

• Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) e declaración de non ter acadado acordos con todos os propietarios afectados.

• Anexo coa xustificación da non tramitación ambiental, asinado polo técnico proxectista o 25.10.2024.

• Anexo coa desagregación de cambio de condutor por circuíto (C1: Regueiro-A Rúa; C2: Os Peares-Carballeda), asinado polo técnico proxectista o 12.11.2024.

Segundo consta no proxecto de execución, debido ás novas condicións de explotación da referida LAT, decidiuse repotenciala no tramo comprendido entre os apoios 113 e 165, mediante a substitución do condutor existente (17.67) por un novo condutor (A-280), o que implica o reforzamento dos apoios e cimentacións existentes debido ao maior peso do novo condutor. Aproveitarase, ademais, para corrixir as distancias antirregulamentarias presentes no dito tramo. Características técnicas principais:

• Tramo 1 (Ourense): substitución do apoio 116 por un novo apoio 116N do tipo Imedexsa GCO-40000-20-N1231, que se vai instalar nas seguintes coordenadas: UTM ETRS 89 fuso 29 X: 646304 Y: 4688933. Substitución do condutor do tipo 17.67 existente entre o apoio 113 e o límite provincial situado no van dos apoios 117 e 118 por 2.427 m de novo condutor do tipo LA-280.

• Tramo 2 (Lugo): substitución do apoio 123 por un novo apoio 123N do tipo Imedexsa GCO-40000-15-NX121, que se vai instalar nas seguintes coordenadas: UTM ETRS 89 fuso 29 X: 647956 Y: 4688613. Substitución do condutor do tipo 17.67 existente entre o límite provincial situado no van dos apoios 117 e 118 e o límite provincial situado no van dos apoios 124 e 125 por 3.507 m de novo condutor do tipo LA-280.

• Tramo 3 (Ourense): substitución dos apoios 142, 153 e 155 por novos apoios 142N, 153N e 155N do tipo Imedexsa GCO-40000-15-N1121, GCO-40000- 15-N1121 e GCO-40000-30-N1121, respectivamente, que se van instalar nas seguintes coordenadas: UTM ETRS 89 fuso 29: (X: 652058 Y: 4690142), (X: 653255 Y: 4692213) e (X: 653370 Y: 4692847). Substitución do condutor do tipo 17.67 existente entre o límite provincial situado no van dos apoios 124 e 125 e o apoio 164 por 19.616 m de novo condutor do tipo LA-280.

2. O 28.11.2024 o Departamento Territorial adoptou o acordo de someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación, da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica.

Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (24.12.2024) e no xornal La Región(9.12.2024) e, así mesmo, estivo exposto, xunto coa documentación sometida a información pública, nas dependencias dos departamentos territoriais de Ourense e Lugo e no portal de transparencia da Consellería de Economía e Industria.

Simultaneamente, o Departamento Territorial cursou as notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares dos predios afectados que figuran na RBDA publicada.

Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

3. O 2.12.2024 o Departamento Territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica: concellos afectados de Ourense (A Pobra de Trives, Larouco, Petín e A Rúa), concellos afectados de Lugo (Quiroga), Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ADIF e Movistar. A este respecto:

• Telefónica de España, S.A. (Movistar) emitiu informe co seu condicionado, do cal se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa conformidade.

• A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por requirimento do promotor, ditou o 30.1.2025 a resolución pola que se autoriza a execución das obras proxectadas, coa obriga de atender as condicións sinaladas nela.

• O resto de entidades consultadas non contestaron, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

4. O 24.4.2025 o Departamento Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente os seguintes informes:

• Informe favorable relativo á comprobación da traza, emitido o 7.3.2025 polos servizos técnicos do Departamento Territorial.

• Informe favorable relativo á suficiencia do proxecto de execución, emitido o 11.3.2025 polos servizos técnicos do Departamento Territorial.

• Proposta favorable relativa á petición formulada polo promotor, ditada o 24.4.2025 polo Departamento Territorial.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b) 3º para as autorizacións administrativas previa e de construción e punto 2 para o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril); no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada (en relación co recollido nos seus anexos I, II e III), e figura no anexo II (no cal se relacionan os proxectos que deben someterse a unha avaliación de impacto ambiental simplificada) a repotenciación de liñas de transmisión de enerxía eléctrica existentes cando cumpran os criterios xerais 1 ou 2 (recollidos na letra B do anexo III). A este respecto:

• Na epígrafe 10 (Avaliación ambiental do proxecto) do referido proxecto de execución recóllese o seguinte: «Segundo a lexislación vixente, o presente proxecto non está sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental».

• Como complemento desta epígrafe, o promotor presentou un anexo, asinado polo técnico proxectista o 25.10.2024, no cal se considera que o referido proxecto non require do seu sometemento a unha avaliación de impacto ambiental simplificada, ao non cumprir os citados criterios xerais. Como xustificación do non cumprimento do criterio xeral 1 (que inclúe os proxectos en espazos protexidos Rede Natura 2000, en espazos naturais protexidos, (...) salvo que non sexan susceptibles de causar efectos adversos apreciables, de acordo co informe emitido polo órgano competente para a xestión do dito espazo), presenta a Resolución do 14 de novembro de 2023 da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da cal cabe salientar o seguinte:

«[...]

O trazado da liña de alta tensión percorre parcialmente o espazo natural protexido ZEC ES1130002 Macizo Central, declarado polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

[...]

V. Conclusións.

O Servizo de Patrimonio Natural de Ourense, conforme a documentación presentada por UFD Distribución Electricidad, S.A., informa que non prevé que os traballos propostos supoñan a deterioración ou causen afección sobre os valores naturais do espazo natural protexido da Rede Natura 2000_ZEC ES1130002 Macizo Central, polo que, desde o punto de vista ambiental, non encontra inconveniente para acceder ao solicitado, co fin de executar a “repotenciación e solucionar as situacións antirregulamentarias detectadas na LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda”, sempre e cando cumpran cos obxectivos e directrices da normativa sectorial e adopten as medidas preventivas e/ou correctoras detalladas, en particular cumpran co establecido no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión (artigo 53.5. Aves. Decreto 37/2014), minimicen todo posible impacto, empreguen técnicas o máis brandas posible, non afecten os elementos clave para a conservación (hábitats, especies de interese) e teñan en conta as determinacións establecidas no plan director.

[...]

PROPOÑO:

Autorizar a execución das obras para a repotenciación e solucionar as situacións antirregulamentarias detectadas na LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda, segundo solicitude presentada por UFD Distribución Electricidad, S.A., dentro dos límites do espazo natural protexido da Rede Natura 2000_ZEC ES1130002 Macizo Central, atendendo aos condicionamentos detallados na consideración legal e técnica número 5 desta resolución».

De conformidade con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á repotenciación da LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda entre os apoios 113 e 165, nos termos municipais da Pobra de Trives, Larouco, Petín e A Rúa (Ourense) e Quiroga (Lugo), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominado LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda. Repotenciación.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda. Repotenciación, asinado o 10.7.2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COEIM) e visado por este colexio con nº 202303473 e data 11.7.2023, no cal figura un orzamento total de 1.992.936,09 de euros.

2. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberánselle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de catorce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, que deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. En canto ás autorizacións emitidas polas direccións xerais de Patrimonio Natural (14.11.2023) e de Patrimonio Cultural (30.1.2025), o promotor queda obrigado ao cumprimento do condicionado establecido nelas.

7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

8. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

10. Como anexo desta resolución recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) pola infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente
á repotenciación da LAT 132 kV DC Regueiro-A Rúa e Os Peares-Carballeda entre os apoios 113 e 165

Predio do proxecto

Propietario/a

Referencia catastral

Concello

Lugar

Cultivo

Afección

Apoio (nº)

Superficie
ocupada (m2)

1

Descoñecido/a

32064A023008520000JX

A Pobra de Trives

Modorrón

Matogueira

116N

72

4

Áurea Blaco Basalo

32061A018003140000TF

Petín

Ameiros

Prado

153N

52

5

Áurea Blaco Basalo

32061A018003190000TD

Petín

Ameiros

Prado

153N

3

6

Felicidad Pérez García

32061A018007540000TY

Petín

Raspallosa

Prado

155N

72