En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 26 de marzo de 2025, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes; Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia; Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados de Pontevedra; María Jesús Lago Feijoo, vogal representante dos veciños da CMVMC de Vilar (Crecente), e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 3.12.2021, a empresa Selga, en representación da CMVMC de Vilar (Crecente), presenta a solicitude de clasificación como monte veciñal en man común da parcela denominada A Pedrabranca, de 5,47 ha.
Achega como documentación unha copia da acta da Asemblea Xeral da Comunidade na cal se aprobou a solicitude de clasificación e un informe técnico con planimetría, proxecto de ordenación e documentación para a solicitude de certificación forestal.
O Servizo de Montes indica que os datos achegados pola comunidade solicitante permiten identificar plenamente o monte A Pedrabranca, dividido en oito parcelas separadas por vías públicas.
En todas as parcelas aparece como titular catastral único a CMVMC de Vilar, agás unha delas, que invade anacos de parcelas de tres propietarios particulares. Ningunha delas está clasificada.
Segundo. Na sesión do 11.8.2022 o Xurado acordou incoar o correspondente procedemento de clasificación do antedito monte a prol da CMVMC de Vilar (Crecente).
O 14.9.2022 solicítaselle ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do RMVMC.
Con data do 28.10.2022 a CMVMC de Vilar presenta informe técnico de modificación da planimetría, de xeito que o monte solicitado ten unha cabida de 4,71 ha. A razón aducida é que está pendente de formalizarse unha permuta cun particular que plantou viñedo nunha parte dunha das parcelas. Presenta tamén declaración de Leonardo Gesteira Rodríguez en que afirma que ten arrendado un terreo de 927 m2 da citada parcela que dedica a viñedo. Alega que chegou a un acordo coa Comunidade de Montes de Vilar, aprobado na asemblea do 28.2.2016, para permutar este terreo por outra parcela da súa propiedade.
Con data do 13.2.2023 recíbese o informe do Servizo de Montes, que recolle que o monte A Pedrabranca está situado na contorna da igrexa parroquial e hoxe está dividido en seis parcelas separadas por vías asfaltadas ou a EP-5005. En xeral, a maioría da superficie ten un uso forestal, con predominio de pinus pinaster, nalgunha zona de nova plantación. En parte da superficie de varias parcelas realizáronse desmontes de terras para habilitar usos recreativos, como o campo da festa coas súas casetas ou un aparcadoiro. Unha pequena parte da parcela número 5 está dedicada a viñedo.
Terceiro. O 9.6.2023 o Rexistro da Propiedade de Ponteareas comunica que non figura inscrito ningún predio coas características descritas, aínda que o predio de referencia catastral 36014A025003160000YM está inscrito a nome da Comunidade de Montes de Vilar. Este predio forma parte da parcela número 6 do monte solicitado de clasificación.
O 18.7.2023 notifícaselles a apertura do trámite de audiencia á CMVMC de Vilar e ao Concello de Crecente, neste último caso tamén coa solicitude de publicación do edicto.
O 12.9.2023 o Concello de Crecente remite unha certificación da exposición pública do edicto na Casa do Concello.
O 8.8.2023 publícase no DOG o anuncio do acordo de iniciación do expediente de clasificación que abre o período dun mes para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do RMVMC.
Solicítase a inscrición preventiva no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, que a realiza o 8.8.2023.
Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente responde á seguinte descrición:
Concello: Crecente.
Parroquia: Vilar.
Nome do Monte: A Pedrabranca.
Cabida: 47.145 m2 (superficie alegada na solicitude).
Informe de validación gráfica: CSV F8Z74VA2QMDADNH4.
Estremas:
|
Titular/es |
|
|
Norte |
Leonardo Gesteira Rodríguez Herdeiros de María Jesús González Vázquez Herdeiros de Isauro Araújo González Herdeiros de Mauricio Vázquez Rodríguez Herdeiros de Adolfo Vázquez Méndez |
|
Sur |
Estrada da Cañiza a Pousa (Xunta de Galicia) Camiño |
|
Leste |
Camiño |
|
Oeste |
Igrexa parroquial de Vilar Camiño |
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).
Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».
Terceiro. Do informe do Servizo de Montes dedúcese unha situación das parcelas compatible co aproveitamento comunal, xa sexa forestal ou recreativo.
A existencia de parcelas de nova plantación, a colocación de postes para evitar accidentes na zona de desmontes de terra, a elaboración dun proxecto de ordenación e o informe técnico para a solicitude de certificación forestal que inclúen estas parcelas son tamén indicios de xestión pola CMVMC de Vilar.
Cuarto. Respecto do terreo dedicado a viñedo, que forma parte da parcela número 5, o seu actual xestor Leonardo Gesteira Rodríguez recoñece o carácter veciñal afirmando telo arrendado desde o ano 2016.
Quinto. O Concello de Crecente non presentou alegacións contrarias á clasificación nin constan durante a tramitación do expediente alegacións de terceiros que acrediten un uso privativo destas parcelas. Polo tanto, pode aceptarse que existe un aproveitamento en común público, pacífico e continuado por parte dos veciños da parroquia de Vilar.
Polo exposto, o Xurado
ACORDA:
Clasificar como veciñal en man común o monte A Pedrabranca a prol dos veciños da CM de Vilar (Crecente), de acordo coa descrición reflectida nesta resolución e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o mesmo Xurado no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 14 de maio de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
