DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 2 de xuño de 2025 Páx. 31134

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Allariz

ANUNCIO de aprobación inicial Plan especial de protección do centro histórico de Allariz (PECHA).

O Pleno do Concello de Allariz, en sesión extraordinaria do 26 de decembro de 2024, adoptou o seguinte acordo, cuxa parte dispositiva di o seguinte:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan especial de protección do centro histórico de Allariz, segundo a documentación técnica elaborada polos arquitectos Juan Alfonso Botana Castelo e Beatriz García Becerra, e pola bióloga Paula Fernández Otero.

Segundo. Abrir un período de información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia e nun dos periódicos de maior difusión na provincia. Durante este período quedará o expediente á disposición de calquera que queira examinalo ou obter copias para que se presenten as alegacións que se consideren pertinentes, e estará á disposición dos interesados na sede electrónica do Concello de Allariz.

O período de información pública comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.

Terceiro. Suspender o outorgamento das licenzas de parcelación, edificación e demolición, na totalidade do ámbito do Plan especial de protección do centro histórico de Allariz. Non obstante, de acordo co establecido no artigo 86.3 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, a suspensión de licenzas non afectará:

a) As obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso das obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.

b) As licenzas de primeira ocupación.

c) Os proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento en vigor, o Plan xeral de ordenación municipal e o Plan especial aprobado inicialmente.

d) Os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contando desde a aprobación inicial do Plan especial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento (artigo 47.2 LGS).

Esta suspensión publicarase conxuntamente coa aprobación inicial.

Cuarto. Notificar individualmente o trámite de información pública a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados polo ámbito do plan.

Quinto. Solicitar ás administracións afectadas pola súa competencia sectorial que emitan o correspondente informe para os efectos regulados na lexislación sectorial. Os informes sectoriais autonómicos deberán emitirse no prazo máximo de tres meses, transcorrido o cal se entenderán emitidos con carácter favorable.

Allariz, 26 de maio de 2025

María Cristina Cid Fernández
Alcaldesa