A Orde do 17 de abril de 2024 pola que se modifica a Orde do 10 de setembro de 2019 regula o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG) (DOG núm. 177, do 18 de setembro, modificada no DOG núm. 83, do 26 de abril).
O artigo 16 da dita orde refírese ao período de validez da acreditación, que será o que se estableza no correspondente informe do Comité de Avaliación, e faculta a Secretaría Xeral de Universidades para a súa renovación, sempre e cando o resultado das avaliacións de calidade sexan favorables e se manteñan as condicións que motivaron a concesión da acreditación, comunicándoo á universidade con, polo menos, dous meses de antelación á data de finalización do período de acreditación.
Mediante a Resolución do 10 de agosto de 2021 acredítase o Campus Terra como campus de especialización do SUG, de acordo co procedemento regulado na orde.
Esta resolución publicouse no DOG do 8 de setembro de 2021 e establece que a acreditación se estenderá por un período de catro anos desde a data da sinatura e que a súa vixencia e efectos estarán suxeitos a unhas determinadas condicións, acordes co sinalado no informe final do Comité de Avaliación e no informe proposta da Secretaría Xeral de Universidades, e recolle que se fixará un panel de indicadores de execución e resultado para verificar o cumprimento desas condicións.
O 27 de novembro de 2024 a Universidade de Santiago de Compostela (en diante, USC) solicitou a renovación da vixencia da acreditación do Campus Terra, dando inicio ao proceso de avaliación segundo o establecido no artigo 16 da orde que regula o procedemento.
O obxecto da avaliación é o de analizar a evolución do Campus durante o período de acreditación, así como determinar o grao de cumprimento dos obxectivos fixados e de implantación das recomendacións realizadas polo Comité no informe final de avaliación.
O Comité de Avaliación vén regulado na Orde do 10 de setembro de 2019, modificada pola Orde do 26 de abril de 2024, que establece, nos artigos 12 e 16, que a avaliación estará a cargo dun panel de persoas expertas externas ao SUG (Comité de Avaliación), nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, que será o encargado de analizar a documentación remitida pola universidade, manter unha reunión coas persoas representantes do Campus e elaborar os informes de avaliación.
Unha vez iniciado o proceso de avaliación para a renovación da acreditación, este constou dos seguintes fitos previstos no procedemento:
1. Requirimento á USC, por parte da Secretaría Xeral de Universidades, da documentación necesaria para a avaliación, tanto a relativa á traxectoria 2021-2025 como a relativa á estratexia prevista para os seguintes catro anos, 2026-2029.
2. Entrega da documentación requirida pola USC e posterior análise, por parte da Secretaría Xeral de Universidades e do Comité de Avaliación, da documentación presentada.
3. Visita presencial do Comité de Avaliación ás instalacións do Campus entre os días 23 e 25 de febreiro de 2025.
4. Versión preliminar do informe de avaliación, comunicado á USC.
5. Toma en consideración, por parte do Comité de Avaliación, da documentación presentada polas persoas responsables do Campus.
6. Elaboración dun informe final, por parte do Comité de Avaliación, con base na documentación revisada e á visita presencial realizada, en que figuran:
a) As consideracións sobre as dimensións avaliadas para a acreditación (organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia).
b) O panel de indicadores de seguimento para futuras avaliacións do Campus.
c) O grao de implementación das recomendacións realizadas no informe final de avaliación.
d) As orientacións e recomendacións de actuación que deberán ser abordadas no seguinte período de acreditación, de ser o caso, para a mellora evolutiva do programa de especialización.
Neste informe, remitido á Secretaría Xeral de Universidades o 22 de maio de 2025, inclúese tamén a cualificación outorgada no proceso de avaliación, que recomenda a renovación da acreditación por un período de catro anos.
7. O informe do órgano instrutor do procedemento e a súa proposta de Resolución do 2 de xuño de 2025 asumen e fan súas as determinacións recollidas no informe final do Comité de Avaliación.
Á vista do anteriormente exposto,
RESOLVO:
1. Renovar a vixencia da acreditación como campus de especialización do SUG ao Campus Terra, da USC.
2. A renovación estenderase por un período de catro anos desde a súa concesión e a súa vixencia e efectos estarán suxeitos ao seguimento das seguintes condicións, de acordo co sinalado no informe final do Comité de Avaliación, nas áreas que figuran a seguir:
2.1. Aspectos xerais.
O Campus debe centrarse en continuar polo camiño da especialización que lle permita lograr unha mellora substantiva nos diferentes ámbitos e áreas, facendo especial fincapé nos seguintes aspectos críticos que están relacionados co desenvolvemento futuro do seu plan ao longo da estratexia e que se detallan en maior profundidade na súa respectiva dimensión:
• Perfil de especialización: mellorar a súa definición, evitando a dilución derivada da inclusión de certas titulacións.
• Liderado do Campus: definir claramente quen exerce o liderado, suprimindo a bicefalia que parece persistir entre o Campus Terra e o Campus de Lugo.
• Internacionalización: apostar por un modelo máis internacional, baseado no inglés, en lugar do modelo lusocéntrico actual.
• Investigación: atender e paliar a heteroxénese detectada nos grupos de investigación do Campus, con grupos de diferente consolidación.
• Docencia: definir unha estratexia clara a nivel de campus de especialización (en diante, CE) para as titulacións con menores taxas de matriculación e graduación, atendendo o feito de que a maioría das titulacións afíns á especialización teñen taxas moi baixas.
• Transferencia de coñecemento: revisar a estratexia para evitar que siga máis centrada en servizos de I+D ca en contratos ou xeración de patentes e spin-offs.
• Instituto de Saúde Global: revisar o seu encaixe na acreditación, xa que se atopa nunha fase preliminar e nun estado indefinido.
2.2. Gobernanza.
Actuacións neste ámbito:
– Reestruturación das comisións do CE e da súa composición:
• Redución do número de comisións de acordo coa proposta do CE.
• Consello Reitor: inclusión dun número reducido de representantes xenéricos da contorna económica e social (como a Cámara de Comercio de Lugo ou asimilables), que son importantes para a estabilidade e proxección do CE e que ata o momento se integraban na Comisión Económica e Social (que desaparece).
• Comisión de Empresas Tractoras: debería estar presidida pola dirección do Campus e considerar a participación nela do Vicerreitorado de Lugo. Ademais, cómpre incluír representación de identidade xeral (non empresas concretas) para estender o ámbito desta comisión a empresas e sectores non representados.
• Comisión de Especialización Académica: arranxar o desequilibrio de exceso de representantes de centros docentes e a baixa representación do propio CE.
• Comisión Asesora Científica Externa: superar un marcado rumbo cara aos aspectos económicos da investigación científica e a súa aplicabilidade inmediata (problem-driven research), en detrimento da investigación básica ou impulsada pola curiosidade (curiosity-driven research), que queda relativamente desatendida, a pesar de constituír o substrato indispensable da primeira.
– Seguimento da actividade das comisións:
• Facilitar á Secretaría Xeral de Universidades a información e documentación necesaria para un correcto seguimento das actuacións das comisións: acordos, propostas de asesoramento, etc.
– Dirección do Campus Terra:
• Definir e delimitar claramente as direccións do Campus Terra e do Campus de Lugo, evitando unha bicefalia fáctica. A dirección do Campus Terra debe ser a responsable principal da xestión e dirección do CE: actividades e decisións que se aliñan nuclearmente co perfil de especialización. A Vicerreitorado de Lugo, cun carácter máis global sobre o Campus de Lugo, debe atender o resto de actividades e perfís non incluídos na especialización do Campus Terra e apoiar administrativamente o Campus.
– Reforzo da xestión do Campus Terra:
• Incrementar a dotación de persoal técnico procedente dos servizos centrais da USC ata polo menos catro persoas con dedicación exclusiva de apoio á dirección do CE. Entre elas, unha praza debería estar especificamente orientada ás tarefas de transferencia de coñecemento.
– Reforzar a visibilidade institucional do Campus Terra:
• Poñer en coñecemento da Xunta de Galicia todos os actos institucionais organizados desde o Campus, para amplificar a proxección pública das iniciativas, mellorar a visibilidade mediática e asegurar unha difusión conxunta, reforzando o seu recoñecemento como CE.
2.3. Docencia.
Esta é a dimensión en que o Campus debe pór máis atención, para evitar que o seu perfil de especialización se vexa diluído por titulacións xeneralizadas e non centradas no perfil estipulado. Inclúense varias accións que, pola súa vez, integran varias actuacións:
– Revisión e actualización da oferta docente do Campus Terra:
• Mellorar a definición do perfil de especialización do Campus Terra, prescindindo de titulacións afastadas deste que non deben incluírse salvo reformulación severa e revisando as que si poden ter cabida a condición de focalizalas claramente en actividades e funcións propias deste perfil.
• Reformulación de graos con baixa taxa de matriculación.
• Implantación de titulacións innovadoras aliñadas con necesidades profesionais emerxentes e maior capacidade de atracción de estudantado.
• Fomentar a interdisciplinariedade creando itinerarios conxuntos entre graos e mestrados afíns, fomentando prácticas interdisciplinares e proxectos aplicados compartidos.
– Fomento da internacionalización do Campus Terra e da súa proxección territorial:
• Introducir progresivamente a docencia en inglés, de cara a converter o inglés en lingua vehicular de parte do currículo nun futuro próximo, como vía de diferenciación académica e posicionamento internacional. Este cambio farase de acordo coas recomendacións recollidas no informe do Comité de Avaliación.
• Reformular as propostas feitas para captación de alumnado co fin de transcender o alcance local centrado en Lugo e na súa comarca, establecendo unha campaña de comunicación máis ambiciosa e implicando as autoridades centrais da USC na promoción do Campus Terra.
– Establecemento dun sistema único de seguimento académico:
• Definir un sistema común de indicadores de rendemento, taxas de persoas egresadas e empregabilidade para todas as titulacións.
• Deseñar medidas preventivas para a concienciación do estudantado sobre requisitos formativos e medidas correctivas, ofrecendo apoio extracurricular para mellorar o seu rendemento.
2.4. Investigación.
O Campus necesita evolucionar cara a un modelo máis integrado, actualizado e competitivo para consolidarse nun referente en sustentabilidade territorial e saúde global. Estas son as accións que hai que seguir:
– Modelo máis integrado, actualizado e competitivo para os grupos de investigación do Campus Terra:
• Definir un grupo común de indicadores que faciliten un seguimento continuo e permanente das diferentes estruturas de investigación do Campus.
• Reforzar os grupos consolidados e aliñados coa misión do Campus.
• Impulsar liñas de investigación actualmente infrarrepresentadas, que reforcen o enfoque One Health, a ciencia de datos e as tecnoloxías avanzadas aplicadas ao medio rural.
• Fortalecer grupos emerxentes con potencial, mediante programas específicos de apoio e estabilización.
• Reorientar os grupos inactivos cara a servizos científico-técnicos ou promover a súa integración noutros grupos máis sólidos, garantindo así un uso máis eficiente e coherente do capital investigador dispoñible.
• Fomentar a interdisciplinariedade, a internacionalización e o uso de metodoloxías de fronteira como ferramentas vertebradoras da actividade investigadora.
– Integración científica, operativa e territorial dos grupos de investigación Bicampus:
• Presenza activa en Lugo de parte do equipo investigador (non só nominal) e máis aló de relacións virtuais.
• Codirección de proxectos competitivos, teses doutorais e publicacións conxuntas como evidencia de colaboración real.
• Liñas de investigación compartidas explícitas, con obxectivos comúns e complementariedade demostrable entre sedes.
• Vinculación institucional clara, con participación na gobernanza do Campus, indicadores de impacto integrados e resultados auditables.
• Corresponsabilidade na captación de fondos e talento investigador novo vinculado ao CE.
• Avaliación independente e periódica, que determine (anualmente, por exemplo) se cada grupo Bicampus achega ou non valor real ao ecosistema do CE en Lugo.
– Reformulación do programa de contratación pre e posdoutoral:
• Garantir avaliación externa, aberta e competitiva, en condicións equivalentes ao resto do sistema galego.
• Analizar a posible reserva dun número específico de contratos pre e posdoutorais nos programas autonómicos, con destino exclusivo ao CE.
• Ampliar a duración dos contratos predoutorais a catro anos, en liña co establecido nos principais programas nacionais.
– Impulsar a captación de talento investigador:
• Identificación activa de perfís.
• Asistencia para a elaboración das propostas (sobre todo ERC).
• Captar perfís ERC en fases de preparación ou repostulación, utilizando o instrumento Oportunius da Axencia Galega de Innovación (Gain).
• Ofrecer contratos ponte a perfís ERC, RyC, ATRAE, etc. con avaliación positiva, pero que non conseguiron financiamento.
• Ofrecer incentivos internos, como proxectos semente, a asignación de persoal técnico, facilidades para a creación de grupos de investigación propios, garantías de consolidación profesional, participación na axenda científica do Campus, proxectos tractores e órganos de decisión, etc.
• Visibilidade e posicionamento: lanzar convocatorias internacionais de «expresión de interese» para atraer perfís con potencial. Difundir a estratexia a través das canles internacionais habituais no circuíto científico.
• Avaliar bienalmente o impacto das figuras captadas e revisar a estratexia de forma continua.
– Renovación do tecido investigador do Campus:
• Vincular o programa de proxectos colaborativos exclusivamente a investigadores principais mozos que aínda non conten cunha vinculación permanente co CE (como contratados posdoutorais, Ramón y Cajal, Beatriz Galindo, entre outros), co fin de promover o liderado científico emerxente e favorecer a substitución xeracional.
2.5. Transferencia de coñecemento.
Nos últimos anos, o Campus Terra fixo importantes esforzos por achegar a investigación ao tecido socioeconómico e institucionalizar a transferencia. Porén, segue sendo necesario consolidar un sistema de transferencia estruturado, con foco estratéxico, gobernanza clara e retorno verificable, en lugar dun modelo de iniciativas dispersas. Para iso, é preciso desenvolver distintas actuacións:
– Mecanismos de avaliación, rastrexabilidade e impacto das accións de transferencia:
• Avaliar o valor engadido económico, social e tecnolóxico dos contratos e accións realizadas, non só o número.
• Revisar e redefinir os indicadores de éxito para que midan o número de innovacións transferidas efectivamente ao mercado, o emprego xerado, a retención de talento e a transformación socioeconómica real da contorna.
–Profesionalización da estrutura de transferencia:
• Incorporar persoal técnico propio e estable.
• Deseñar mecanismos de xestión proactiva que articulen un itinerario claro desde a xeración do coñecemento ata a súa aplicación efectiva.
• Potenciar o uso de plataformas comúns e estruturas mixtas (proxectos de investigación, transferencia, emprendemento e formación continua).
– Consolidar o ecosistema emprendedor:
• Articular a Ruta Terra de Emprendemento como pipeline de innovación territorial, con acompañamento técnico, conexión con investidores/as e escalabilidade internacional.
• Facer públicos e visibles os casos de éxito para estimular o persoal investigador e empresas potenciando colaboracións.
2.6. Información publica e transparencia.
Co fin de fortalecer a súa lexitimidade, atraer talento e consolidar alianzas estratéxicas, o Campus Terra deberá poñer en marcha as seguintes actuacións, encamiñadas a abrirse ao exterior:
– Desenvolvemento dunha estratexia de comunicación institucional sólida e profesionalizada:
• Impulsar campañas que posicionen a marca Campus Terra en ámbitos rexionais, estatais e internacionais.
– Incremento da transparencia e fomento dunha cultura institucional aberta e participativa:
• Crear un portal público de indicadores do CE, con datos actualizados e visualmente accesibles, sobre docencia, investigación, transferencia, empregabilidade e impacto social.
• Publicar periodicamente información clave sobre gobernanza, recursos, convocatorias propias e seguimento de plans estratéxicos.
– Reforzar os instrumentos de igualdade, sustentabilidade e compromiso social con recursos, estrutura e seguimento efectivos.
2.7. Plan de igualdade.
O Campus Terra precisa compromiso político, estrutura, orzamento e seguimento das actuacións encamiñadas a construír unha cultura institucional inclusiva e transformadora. Por este motivo, será necesario que leve a cabo as seguintes actuacións:
– Converter o Plan de igualdade nun documento estratéxico operativo que responda ás necesidades e ao contexto real do Campus Terra:
• Incorporar unha diagnose de xénero específica do CE, que visibilice os principais desequilibrios e oriente as medidas.
• Incorporar cronograma, responsables, obxectivos medibles e indicadores de avaliación.
• Asegurar a súa transversalidade vinculándoo coas políticas de contratación, promoción investigadora, gobernanza e transferencia.
• Constituír unha comisión de seguimento activa, con representación diversa e capacidade de avaliación e proposta.
– Asignar orzamento concreto e suficiente para poñer en marcha accións con impacto estrutural.
2.8. Plan estratéxico e Plan operativo.
A planificación estratéxica do Campus Terra segue, na actualidade, especialmente centrada na execución, sen prestar a atención debida aos resultados e impacto xerados. Neste sentido, será necesario que o Campus tome en consideración todos os «aspectos críticos» sinalados polo Comité de Avaliación respecto dos plans estratéxico e operativo, poñendo especial atención ao acompañamento, avaliación e mellora continua do plan vixente a través das seguintes actuacións:
– Indicadores de impacto ambiciosos e vinculados a metas claras:
• Elaborar un conxunto complementario de indicadores de resultados, que acheguen unha visión máis centrada no cambio real.
• Usar métodos complementarios (paneis de expertos/as, autoavaliacións externas, enquisas…) para valorar as metas cualitativas.
• Acelerar o desenvolvemento do cadro de mandos que permita visualizar o cumprimento, alertas de desviacións e proxeccións de impacto.
• Agrupar ou reformular prioridades solapadas, para focalizar os esforzos e facilitar as avaliacións de impacto.
– Estrutura e recursos de dimensións clave:
• Establecer un conxunto de metas operativas e cuantificables para cada dimensión estratéxica do plan, incluídas sustentabilidade, IA e alumni, co fin de facilitar o seu seguimento e permitir unha valoración máis obxectiva do seu grao de cumprimento.
• Aliñar as accións cos marcos internacionais, nacionais e autonómicos existentes a través de sistemas de etiquetaxe claro. Comezar pola etiquetaxe sistemática das accións por ODS e/ou por prioridade estratéxica rexional para facilitar a súa rastrexabilidade e visibilidade.
• Dotar de recursos económicos as actuacións previstas, xustificando os criterios de asignación orzamentaria e vinculando cada partida a un resultado esperable.
– Reforzar a súa autonomía funcional dentro da USC, mediante mecanismos de gobernanza que valoren a súa especificidade e capacidades diferenciais.
2.9. Instituto de Saúde Global do Campus Terra.
Será necesario abordar as seguintes actuacións:
– Elaboración dunha análise propia, detallada e autónoma para avaliar a estrutura e adecuación do novo instituto proposto polo Campus Terra.
– Axustes profundos na proposta para convertelo nun instituto de referencia:
• Establecer criterios estritos de entrada baseados en méritos obxectivos (publicacións, captación de financiamento, dirección de teses, colaboracións internacionais).
• Establecer mecanismos de avaliación periódica do rendemento dos grupos (cada 5-10 anos), con posibilidade de desvincular os que non alcancen niveis de desempeño esperados.
• Garantir que a axenda científica se constrúa desde a excelencia, non pola suma de intereses.
• Asegurar un plan realista de captación de talento e de recursos externos.
– Materialización efectiva de determinados fitos estruturais:
• Aprobación formal do plan estratéxico.
• Designar a dirección e consolidar un equipo directivo de prestixio e con experiencia en coordinación supragrupal.
• Constituír o comité asesor científico (Scientific Advisory Board).
• Facer a adscrición efectiva de grupos de investigación.
3. Para analizar o cumprimento destas condicións o Comité de Avaliación propón establecer un esquema de indicadores, para cada un dos obxectivos estratéxicos definidos no Plan estratéxico do Campus Terra. Así mesmo, no caso de que se establezan mecanismos de financiamento ou colaboración derivados desta resolución entre a Consellería e a USC, o Comité de Avaliación propón establecer unha serie de incentivos vinculados ao cumprimento dalgúns destes obxectivos: bonus específicos condicionados ao cumprimento de fitos estratéxicos que permitan aliñar o gasto cos resultados efectivos e medibles, estimular a execución de accións complexas (como a implantación de novas titulacións ou a consolidación do futuro Instituto de Saúde Global) e premiar a superación de indicadores clave (internacionalización, atracción de talento, colaboración con empresas, impacto en sustentabilidade).
4. Para obxectivar o cumprimento das condicións establecidas proponse definir unha serie de puntos de control e indicadores que serán fixados nun documento de colaboración asinado pola Consellería e a USC nun prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
5. Coa finalidade de verificar o cumprimento dos obxectivos que se sinalen nos puntos de control que se fixen é preciso establecer un sistema de monitorización permanente que estará artellado da seguinte maneira:
5.1. Antes do 10 de novembro de cada ano de vixencia da acreditación, o persoal responsable do Campus Terra deberá presentar as evidencias de cumprimento das exixencias establecidas nos puntos de control recollidos, xunto coa documentación xustificativa que dea soporte para verificar o grao de cumprimento.
5.2. Á vista desta documentación, a Consellería poderá manter a acreditación na forma en que foi concedida ou ben revogala se o cumprimento dos indicadores non fose o exixido. No caso de que circunstancias de contexto así o determinen poderanse modificar os puntos de control recollidos e graduar a intensidade ou temporalidade do seu cumprimento. Neste suposto, a Consellería poderá solicitar os informes externos que considere necesarios.
5.3. A revogación da acreditación e/ou a modificación de indicadores dos puntos de control previstos no parágrafo anterior farase por resolución expresa do órgano que concedeu a acreditación.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 19 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
