DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 9 de xuño de 2025 Páx. 31977

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de maio de 2025 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres con domicilio na sede do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 13 de maio de 2025 presentouse a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres constituírona o Parlamento de Galicia, representado polo seu presidente Miguel Ángel Santalices Vieira; a Xunta de Galicia, representada polo seu presidente Alfonso Rueda Valenzuela; o Concello de Santiago de Compostela, representado pola súa alcaldesa María Goretti Sanmartín Rei; e a Arquidiocese de Santiago de Compostela, representada polo seu arcebispo Francisco José Prieto Fernández, mediante escritura pública outorgada o 12 de abril de 2025, ante o notario de Santiago de Compostela Manuel Remuñán López, co número de protocolo 759.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, dándolle continuidade ao Panteón de Galegos Ilustres situado na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, honraranse as galegas e os galegos que se distinguisen durante a súa vida polos servizos prestados a Galicia, particularmente:

a) Na defensa dos valores compartidos polo pobo galego, como o respecto á dignidade das persoas e aos seus dereitos, á liberdade ou á solidariedade.

b) Na reivindicación da cultura e a lingua galega e da personalidade histórica de Galicia.

c) Na contribución ao coñecemento científico e ao desenvolvemento das ciencias humanas, sociais, naturais, da saúde ou tecnolóxicas.

d) Na creación artística e literaria galega».

4. O padroado inicial da Fundación está formado polo titular da presidencia do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, como presidente; a titular da vicepresidencia primeira do Parlamento de Galicia, María Elena Candia López, como vicepresidenta primeira; a titular da vicepresidencia segunda do Parlamento de Galicia, María Montserrat Prado Cores, como vicepresidenta segunda; a titular da secretaría do Parlamento de Galicia, Ethel María Vázquez Mourelle, como secretaria; a titular da vicesecretaría do Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias Rey, como vicesecretaria; e a titular da presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; a titular da alcaldía de Santiago de Compostela, María Goretti Sanmartín Rei; e o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura da constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 27 de maio de 2025,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes