DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 13 de xuño de 2025 Páx. 33283

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se acepta a renuncia dunha solicitude de autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica (expediente IN407A 2022/113-1).

Expediente: IN407A 2022/113-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: LMT, CT e RBT Piñeiro do Eixo, no lugar Piñeiro do Eixo.

Concello: Santiago de Compostela.

Feitos:

– A empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e de construción, e mais a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica o 1.4.2022.

– O día 18.4.2023, este departamento territorial resolveu conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica, cun prazo de execución dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

– O día 22.1.2024, a empresa promotora presenta a renuncia á autorización outorgada, segundo o artigo 94 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4.7.2022), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25.5.2023) consonte coa disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23.6.2023).

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. O artigo 94.1 da dita Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que «Toda persoa interesada poderá desistir da súa solicitude ou, cando iso non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos».

Pola súa banda, o artigo 94.4 da mesma lei sinala que «A Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia, e declarará concluso o procedemento salvo que, tendo comparecido nel terceiros interesados, estes instasen a súa continuación no prazo de dez días desde que foron notificados da desistencia ou renuncia».

3. Á vista dos preceptos citados, logo de analizar o expediente e xa que non existen terceiras persoas interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a renuncia solicitada.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícase a resolución correspondente ao expediente que se indica, segundo o exixido no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015.

A Coruña, 23 de maio de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña