A Constitución española establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias no ensino da lingua de cada comunidade (artigo 148.17). A Comunidade Autónoma de Galicia fixo efectiva esta asunción e así, no seu Estatuto de autonomía (artigo 27.20), recoñece como competencia exclusiva a promoción e o ensino da lingua galega, competencia que exerce non só dentro do territorio galego, senón tamén con respecto aos cidadáns de Galicia que viven fóra da Comunidade (artigo 21.1 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística).
Para lle dar cumprimento a esta finalidade, o 7 de outubro de 1999 asinouse un convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e Cultura e a Consellería de Educación y Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para a introdución dos estudos de lingua galega nos centros españois no estranxeiro.
Cómpre, polo tanto, promover o ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas nos centros españois que, como o colexio Vicente Cañada Blanch de Londres, contan entre o seu alumnado con estudantes de orixe galega.
Na súa virtude, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
ACORDA:
Artigo 1. Convocatoria
Convócase un concurso público de méritos para cubrir, en comisión de servizos, unha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres (o Reino Unido).
A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.
Artigo 2. Requisitos que debe reunir o persoal aspirante
2.1. Para participar neste concurso de méritos deberán reunirse os seguintes requisitos:
a) Ser persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de profesores de ensino secundario na especialidade de Lingua e Literatura Galega ou ao corpo de catedráticos de ensino secundario na especialidade de Lingua e Literatura Galega.
b) Ter unha antigüidade de, polo menos, dous anos como persoal funcionario na función pública docente.
c) Ter impartido docencia directa como persoal funcionario durante un período de, polo menos, dous anos, e ter impartido durante eses dous anos a materia de Lingua e Literatura Galega.
d) Estar en situación de servizo activo e estar a prestar servizos nun centro educativo ou organismo dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
No suposto de estar nunha situación administrativa distinta da de servizo activo, poderán presentarse tamén as persoas que reúnan os requisitos relacionados nas alíneas a), b) e c) anteriores, sempre que o último centro en que se prestou servizos sexa dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e se reúnan os requisitos para reingresar con efectividade do 1 de xullo de 2025.
2.2. Todos os requisitos enumerados anteriormente deberán posuírse e ser acreditados na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 3. Solicitudes e documentación
3.1. Para as solicitudes utilizarase o modelo de formulario que figura no anexo I.
3.2. Coa solicitude (anexo I) deberase achegar a seguinte documentación:
a) Proxecto de traballo sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ao posto que se solicita, para o cal se terán en conta as características deste. O proxecto será redactado en galego e terá unha extensión máxima de 20 folios DIN A4 con tipo de letra Arial ou Xunta Sans, tamaño de letra 12 e espazado 1,5.
b) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo II desta orde, agás aqueles que xa consten no seu expediente persoal.
c) Folla de autobaremación segundo o modelo do anexo III.
O persoal concursante poderá verificar todos os méritos académicos e profesionais que constan no seu expediente persoal accedendo á páxina web www.edu.xunta.gal/datospersoais, na epígrafe Expediente electrónico.
En canto á presentación da documentación e xustificación dos méritos, as persoas que participan neste concurso de méritos deberán proceder do modo que se indica a seguir:
– Persoal solicitante co expediente persoal actualizado:
De conformidade co establecido no artigo 4.3 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), todos os datos, tanto de identificación como académicos e profesionais, que consten no expediente serán empregados na tramitación e valoración de requisitos e méritos nos correspondentes procesos de selección de persoal, provisión de postos de traballo, procesos de desenvolvemento profesional, así como aqueloutros necesarios para a xestión do persoal docente.
No caso de que sexan correctos todos os datos profesionais e académicos, o persoal solicitante soamente deberá presentar a solicitude de participación (anexo I).
– Persoal solicitante co expediente persoal sen actualizar:
No prazo de presentación de solicitudes establecido nesta orde, o persoal docente que participe neste concurso específico e non teña o seu expediente actualizado, ademais da presentación da solicitude de participación no concurso por medios electrónicos (anexo I), deberá presentar a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa, de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A).
A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde en que figura cada un dos méritos na solicitude do procedemento ED011A, e achegaranse, para cada mérito que se vaia alegar, os documentos individualizados respectivos.
De conformidade co establecido no artigo 6.2 da Orde do 2 de xuño de 2021, a persoa titular do órgano de dirección, con competencia en materia de recursos humanos, designará persoal funcionario específico para realizar as tarefas de validación da documentación achegada polo persoal docente para a súa incorporación ao expediente, consonte os procedementos específicos establecidos para tales fins, agás no relativo á documentación de actividades de formación que sexan susceptibles de recoñecemento e certificación, para o cal se designará persoal funcionario de validación específico da unidade correspondente. O persoal funcionario designado para a validación será o encargado da verificación da dita documentación mediante a comprobación da validez e acreditación documental suficiente da documentación alegada polo persoal docente, así como da posterior incorporación ao expediente docente que corresponda.
3.3. A solicitude de participación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante a solicitude xenérica dispoñible na sede electrónica (código de procedemento PR004A), e dirixirase ao Servizo de Profesorado de Educación Secundaria, Formación Profesional e Réxime Especial da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3.4. As persoas aspirantes serán responsables da veracidade da documentación achegada e declararán que esa documentación é copia fiel dos orixinais que figuran no seu poder, sen prexuízo da posibilidade por parte da Administración de requirirlles en calquera momento a documentación orixinal. No caso de inexactitude, falsidade ou omisión en calquera dato ou documento achegado, comportará a perda do dereito á participación neste proceso, con independencia das responsabilidades que procedan, conforme dispón o artigo 69.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3.5. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles, computados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Unha vez rematado o dito prazo, a/as solicitude/s será/n vinculante/s nos seus termos para a persoa aspirante e non poderá/n ser obxecto de modificación.
Así mesmo, non se admitirá ningunha documentación alegada mediante o procedemento ED011A, de conformidade co establecido na epígrafe 3 deste artigo, unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes.
3.6. Requirimento para emendas.
Agás a presentación do proxecto de traballo, se a documentación achegada non reúne os requisitos exixidos nesta orde, a Comisión de Selección requirirá a persoa interesada para que emende a falta ou achegue os documentos preceptivos no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa notificación e coa indicación de que, se así non o fixer, non lle serán tidos en conta ou, de ser o caso, se realizará a declaración de desistencia.
Artigo 4. Comisión de Selección
4.1. A selección dos/das aspirantes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:
Presidente:
Director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.
Vogais:
Un representante do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deporte, ou persoa en quen delegue.
Subdirectora xeral de Política Lingüística, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue.
Subdirector xeral de Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.
Secretario/a: unha funcionaria ou un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará con voz e sen voto.
4.2. A Comisión de Selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración.
4.3. A Comisión poderá dispor a constitución de subcomisións técnicas para colaboraren na valoración daqueles méritos que considere pertinentes.
4.4. Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente non Universitaria poderá nomear unha persoa representante, con voz e sen voto, para asistir ás sesións da Comisión.
4.5. Logo de seren baremadas as solicitudes e a documentación achegada, os resultados provisionais serán publicados nos seguintes enderezos electrónicos https://www.edu.xunta.gal e https://www.xunta.gal/linguagalega, e sinalarase a relación de persoal excluído e a causa da súa exclusión provisional. Contra esta resolución provisional poderanse achegar as reclamacións que procedan, no prazo de cinco (5) días hábiles desde a súa publicación, por medios electrónicos, mediante unha solicitude xenérica dispoñible na sede electrónica (código de procedemento PR004A). As reclamacións entenderanse contestadas mediante a publicación da resolución definitiva.
Así mesmo, no mesmo prazo de cinco (5) días hábiles, poderá presentar renuncia á súa participación no concurso de méritos mediante a solicitude xenérica dispoñible na sede electrónica (código de procedemento PR004A). Esta renuncia afectará todas as peticións consignadas na súa solicitude de participación e producirá os efectos previstos no artigo 94 da Lei 39/2015.
Transcorrido o dito prazo sen que se emende a causa de exclusión e/ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4.6. Os membros da Comisión e, de ser o caso, das subcomisións absteranse de intervir de se daren as circunstancias sinaladas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Así mesmo, o persoal aspirante poderá recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas no parágrafo anterior, de acordo co artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
A Comisión non proporá o persoal aspirante que non acade unha puntuación mínima de 4,000 puntos no proxecto.
Será seleccionada a persoa aspirante que, ademais de obter as puntuacións mínimas sinaladas, acade a maior puntuación no total dos puntos recollidos no baremo establecido no anexo II.
No caso de se produciren empates no total das puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo á maior puntuación acadada en cada unha das epígrafes do baremo na orde en que están establecidas.
Unha vez realizado todo o proceso anterior, a Comisión de Selección proporalle á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a adxudicación da praza, a cal resolverá.
O contido da devandita resolución comunicaráselle ao ministerio con competencias en materia de educación.
Artigo 5. Resolución da convocatoria
A resolución da convocatoria será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e por ela entenderanse notificadas, para todos os efectos, as persoas concursantes afectadas.
O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse rexeitadas de non se resolver a convocatoria no prazo anteriormente sinalado.
Artigo 6. Desenvolvemento do posto
6.1. O profesor ou profesora seleccionado/a deberá impartir a materia de Lingua e Literatura Galega en todos os niveis educativos no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres, contidos que deberá interrelacionar coa realidade sociocultural de Galicia e da comunidade galega en Londres. No caso de que non se poida cubrir totalmente o seu horario lectivo coa dita materia, deberá completalo con outras materias afíns. Ademais, seranlle aplicables as normas xerais para profesores españois no estranxeiro, así como as específicas de funcionamento do Claustro do centro (base 5ª do convenio).
6.2. A persoa seleccionada será nomeada en comisión de servizos para o curso académico 2025/26. O nomeamento poderá ser renovado, ano por ano académico e ata un máximo de cinco (5), sempre que conte cos informes favorables da consellería competente en materia de educación da Xunta de Galicia e do ministerio con competencias en materia de educación por parte da Administración central.
Artigo 7. Retribucións
O profesor ou profesora seleccionado/a recibirá as súas retribucións como funcionario/a da consellería con competencias en materia de educación da Xunta de Galicia, e percibirá tamén do ministerio con competencias en materia de educación o complemento de estranxeiría establecido na base 4ª do convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e a Administración estatal. Calquera outro concepto (viaxes, desprazamentos, residencia, etc.) será pola súa conta.
Disposición adicional primeira. Impugnación da orde
Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, ante o xulgado do contencioso-administrativo que resulte competente, no prazo de dous (2) meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesada e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicacións institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a Comisión constituída ao abeiro da base 8ª do dito convenio para ditar as resolucións necesarias e tomar as medidas necesarias para a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
