DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 19 de xuño de 2025 Páx. 34445

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución aprobatoria do deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Canicouva e Marcón (Pontevedra) (expediente DC22115).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu na súa reunión do 26.3.2025 aprobar o deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) de Canicouva e Marcón (Pontevedra), con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas:

Primeiro. O 30.9.2022, o presidente da CMVMC de Canicouva presenta solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Canicouva e a CMVMC de Marcón, ambas no concello de Pontevedra.

Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:

– MVMC de Pedra Miranda e Saramagoso (ID: 2950) da CMVMC de Canicouva.

– MVMC de Loureda, Pazos, Costa de Barcia, Monte de Carrasco, Beleitar e Portela (ID: 2952) da CMVMC de Marcón.

Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG):

– Acta do apeo do deslindamento do 28.9.2022.

– X53 Conciliación núm. 0000419/2023 entre as comunidades no Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Pontevedra do 29.5.2023.

– Certificado do 10.4.2024 do secretario da CMVMC de Canicouva coa conformidade do presidente da aprobación na asemblea xeral do 20.8.2022.

– Certificado do 29.5.2023 do secretario da CMVMC de Marcón coa conformidade do presidente da aprobación na asemblea xeral do 26.3.2023.

– Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 17.3.2023 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 740 do COETF de Galicia. A emenda posterior produce a súa modificación.

– Informes de validación gráfica catastral con CSV: 41Q4CBBSM3EPN317 (inclúe os deslindamentos DC22109, DC22110, DC22115, DC22108, DC22085, DC22086).

Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 498 metros e está composta polos seguintes puntos:

Punto P01 – x: 533.331,74 y: 4.693.610,4

Punto P02 – x: 533.140,81 y: 4.693.655,79

Punto P03 – x: 533.052,39 y: 4.693.571,1

Punto P04 – x: 532.922,9 y: 4.693.447,08

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC detéctase que existe colindancia entre ambos e considérase que o deslindamento non afecta a terceiros propietarios.

O deslindamento entre ambos montes veciñais está formado por un único tramo.

O punto P01 é coincidente co punto P01 do expediente DC22110 (deslindamento entre a CMVMC de Canicouva e a CMVMC de Reigosa). No dito punto converxen a CMVMC de Canicouva, a CMVMC de Reigosa e a CMVMC de Marcón e o punto P04 é coincidente co punto P03 do expediente DC22108 (deslindamento entre a CMVMC de Canicouva e a CMVMC de Tomeza).

A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das seguintes comunidades:

– CMVMC de Canicouva: presenta un axuste no punto P01 coincidente co deslindamento DC22110 e un axuste desde o punto P04 coincidente co deslindamento DC22108.

– CMVMC de Marcón: presenta un axuste para pechar o punto P01 e o punto P04 co resto do esbozo existente (non se acepta a invasión do esbozo da CMVMC de Reigosa).

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da LMG, polo que propón a aprobación polo Xurado do deslindamento segundo a liña presentada.

Cuarto. O artigo 53 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

Á vista do exposto, este xurado

RESOLVE:

Aprobar o deslindamento parcial entre a CMVMC de Canicouva e a CMVMC de Marcón, ambas no concello de Pontevedra, nos termos antes indicados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra no prazo dun mes de acordo co disposto no artigo 123 e 124 LPAC; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses de acordo co artigo 8 e 46 da LXCA.

Pontevedra, 28 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra