BDNS (Identif.): 841376.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/841376
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. A adxudicación de prazas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o curso académico 2025/26 destínase a persoas estudantes e persoas traballadoras que cumpran os requisitos xerais e específicos establecidos na convocatoria. Así mesmo, coa adxudicación de prazas destínase unha liña de bolsas para persoas estudantes colaboradoras que, ademais dos requisitos xerais, cumpran os requisitos específicos establecidos para a súa concesión.
2. Así, poderán optar ás prazas nas residencias xuvenís as persoas que reúnan os seguintes requisitos xerais:
a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude.
b) Non ter perdido a condición de persoa beneficiaria de praza en calquera das residencias obxecto da orde por causa imputable á persoa solicitante en convocatorias anteriores. En todo caso, a admisión das persoas solicitantes que xa fosen residentes en convocatorias anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable da Dirección da Residencia Xuvenil, visado pola persoa titular da dirección territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da provincia en que radica a residencia xuvenil, baseado no incumprimento das normas de réxime interno, no incumprimento das obrigas como bolseiro/a ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestas residencias xuvenís.
c) Ademais, as persoas beneficiarias das prazas ou bolsas teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións aquelas persoas que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. Requisitos específicos para as persoas solicitantes estudantes non bolseiras (BS303B):
a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 anos en 31 de decembro de 2025.
b) Estar cursando estudos de bacharelato, formación profesional, ciclos formativos, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, doutoramentos ou estudos de mestrados universitarios oficiais.
c) Que no concello onde radique a súa residencia habitual, debidamente acreditada a través do certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante, non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar a persoa solicitante.
Aquelas persoas que conten con oferta de centros públicos no seu lugar de residencia, pero non alcancen a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso, poderán optar ás prazas ofertadas.
3. Requisitos específicos para as persoas estudantes colaboradoras bolseiras (BS303C):
a) Ter os 18 anos feitos e non superar os 30 anos en 31 de decembro de 2025.
b) Non ter perdido a condición de persoa estudante colaboradora bolseira da cal foi beneficiaria en convocatorias anteriores, por causa imputable á dita persoa solicitante e beneficiaria da bolsa.
c) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade como persoa colaboradora na residencia xuvenil.
d) Ter unha renda media familiar inferior ao 150 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) do ano en curso. A dita renda media calcúlase segundo o establecido no artigo 12.2.
e) Ter sido persoa residente nalgún dos dous anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria nalgunha das residencias que se atopan dentro do ámbito de aplicación desta convocatoria.
4. Requisitos específicos para as persoas solicitantes traballadoras (BS303D):
a) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30 anos en 31 de decembro de 2025.
b) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.
c) Que, no caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida, teña unha duración mínima de tres meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria a que se presenta.
d) Que estea dada de alta no réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da convocatoria a que se presente, para o caso de ser unha persoa traballadora por conta propia.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a adxudicación de prazas e de bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o curso académico 2025/26. Deste xeito, póñense as residencias xuvenís ao servizo das persoas mozas que, por razóns de estudos ou traballo, se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.
2. As modalidades de adxudicación de prazas establecidas nesta convocatoria regularanse a través dos seguintes procedementos:
a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para estudantes.
b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.
c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.
O número de prazas residenciais convocadas e a súa distribución por residencias e procedemento é o seguinte:
|
Concello |
Residencia |
Nº prazas BS303B (persoas estudantes non bolseiras) |
Nº prazas BS303C (persoas estudantes colaboradoras bolseiras) |
Nº prazas BS303D (persoas traballadoras) |
Total |
|
Lugo |
Centro Residencial Xuvenil «LUG» |
71 |
4 |
6 |
81 |
|
Ourense |
Florentino López Cuevillas |
50 |
5 |
5 |
60 |
|
Vigo |
Altamar |
79 |
6 |
7 |
92 |
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 21 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).
Cuarto. Financiamento
A través desta convocatoria as persoas estudantes non bolseiras e as persoas traballadoras adxudicatarias das prazas (procedementos BS303B e BS303D) accederán aos servizos xerais e ao aloxamento e mantenza nos centros residenciais suxeitos ás tarifas establecidas na Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude.
En relación coas persoas estudantes adxudicatarias das prazas como colaboradoras bolseiras (procedemento BS303C), ademais dos servizos xerais gozarán do aloxamento e mantenza gratuítos como subvención en especie ao abeiro do establecido na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Outros datos
Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior das persoas estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.
Neste marco xeral hai que incardinar esta convocatoria, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 21.5.2025; DOG nº 105, do 4 de xuño)
Lara del Carmen Meneses Álvarez
Directora xeral de Xuventude
