Mediante a antedita Orde do 26 de decembro de 2024 (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro de 2025) establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e tramitadas como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209G).
O artigo 3.1 da orde fixa un crédito orzamentario para financiar a concesión de axudas con carácter plurianual e con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.514A.781.0, código de proxecto 2023 178, repartido nas seguintes anualidades:
|
Ano 2025 |
Ano 2026 |
Total |
|
6.000.000 € |
3.000.000 € |
9.000.000 € |
Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o día 20 de febreiro de 2025, comprobouse que o crédito inicial para a anualidade de 2025 resulta insuficiente para atender as solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos na Orde do 26 de decembro de 2024, e que o importe solicitado para a anualidade de 2026 é inferior ao crédito dispoñible para esa anualidade, polo que procede realizar un reaxuste minorando a anualidade de 2026 e incrementando, no mesmo importe, a anualidade de 2025.
Segundo o artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, é posible modificar a distribución inicialmente aprobada nunha convocatoria de subvencións, supeditándoa unicamente á tramitación do correspondente reaxuste de anualidade no expediente de gasto, e a súa publicación nos mesmos medios que a convocatoria.
Por todo isto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora das normas da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
1. Reaxustar as anualidades previstas na aplicación 16.03.514A.781.0 do código de proxecto 2023 178 na anualidade de 2025, sen incrementar o orzamento total da convocatoria, minorando a anualidade de 2026 en 1.500.000 euros e incrementando o mesmo importe na anualidade de 2025. Os créditos quedarían coa seguinte distribución plurianual fixada no cadro seguinte:
|
Ano 2025 |
Ano 2026 |
Total |
|
7.500.000 € |
1.500.000 € |
9.000.000 € |
O importe está cofinanciado nun 70 % polo FEMPA (prioridade 1: fomentar a pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, obxectivo específico 1.1: reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sostibles; medida 1.1.12: portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e ancoradoiros) e nun 30 % pola Comunidade Autónoma.
2. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única
A presente orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
