DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 25 de xuño de 2025 Páx. 35506

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2025 pola que se modifica a Resolución do 27 de decembro de 2024, pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

No Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 13 de xaneiro de 2025, publicouse a Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Na devandita convocatoria habilitáronse sete modalidades de préstamos, dando continuidade ao Programa de apoio ao financiamento empresarial da Xunta de Galicia posto en marcha nos últimos anos:

1. Préstamos para investimentos estratéxicos.

2. Préstamos para a concentración de empresas.

3. Préstamos para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

4. Préstamos para financiar capital circulante na industria manufactureira, enmarcados nun proceso de reestruturación de débedas, e para as empresas do sector da pesca, acuicultura, así como a transformación e comercialización dos produtos destes sectores.

5. Préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior.

6. Préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval.

7. Préstamos para financiar a operativa de centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, actividades de I+D ou presten servizos de interese para o tecido empresarial galego.

A imposición de aranceis adicionais por parte dos Estados Unidos de América a determinados produtos orixinarios da Unión Europea ten un impacto negativo directo na competitividade de diversas empresas, especialmente en sectores clave da economía galega con forte vocación exportadora e sectores industriais que importan os aprovisionamentos dese mercado. Estas medidas supuxeron un incremento dos custos co mercado estadounidense, coa conseguinte perda de cota de mercado, redución de ingresos e incluso risco para o mantemento das actividades e do emprego.

Co obxectivo de mitigar os efectos económicos adversos derivados desta situación, resulta oportuno poñer en marcha un mecanismo de apoio que contribúa a compensar os prexuízos sufridos, fortalecer a posición internacional das empresas afectadas e preservar a súa capacidade competitiva. Deste xeito, engádese unha nova liña de préstamos que permitirá financiar circulante a longo prazo e con carencia, dotando as empresas afectadas da marxe temporal necesaria para acceder a mercados alternativos.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificación da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

Un. Engádese o punto 8 no anexo I Modalidades de préstamos.

«8. Préstamos para financiar circulante de empresas afectadas pola imposición de aranceis por parte dos EE.UU.

A) Obxecto.

Financiamento de capital circulante nas empresas galegas cuxas operacións comerciais se visen afectadas pola imposición de aranceis por parte dos Estados Unidos de América.

Deste xeito, engádese unha nova liña de préstamos a tipo de xuro bonificado, a longo prazo e con carencia, co obxecto de mitigar os efectos económicos adversos derivados desta situación, como mecanismo de apoio que contribúa a compensar os prexuízos sufridos, fortalecer a posición internacional das empresas afectadas e preservar a súa capacidade competitiva, dotando as empresas afectadas da marxe temporal necesaria para acceder a mercados alternativos.

B) Requisitos específicos por parte das beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias as empresas que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 1 das presentes bases reguladoras, teñan os seus centros de traballo maioritariamente situados en Galicia e que durante o ano 2024 realizasen operacións de exportación e/ou importación cos EE.UU. por importe igual ou superior a 100.000 €, ou que as operacións comerciais cos EE.UU. superen o 10 % das vendas.

C) Requisitos específicos da actuación que se vai financiar.

Os conceptos que se van financiar co préstamo será o capital circulante, incluídos os conceptos previstos na letra d), número 1 do artigo 3 das bases reguladoras.

D) Condicións do produto financeiro.

D.1) Importe.

A contía do préstamo que se vai conceder será como máximo o volume de operacións de exportacións e importacións aos EE.UU. no ano 2024, cun máximo de 1.000.000 € e un mínimo de 100.000 €. No caso de que as operacións comerciais cos EE.UU. superen o 10 % das vendas, non se aplicará o límite inferior.

D.2) Prazos de amortización e de carencia.

O prazo de devolución dos préstamos será como máximo de 12 anos, incluíndo como máximo 4 de carencia na amortización de principal.

E) Documentación específica que se deberá presentar coa solicitude.

Ademais da documentación sinalada no artigo 8, deberá presentarse xunto coa solicitude:

– Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:

Antecedentes da empresa e dos seus promotores: historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto.

Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa.

Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, describindo o seu contido e o número de traballadores afectados.

e) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría para un horizonte temporal de 5 anos), con descrición das hipóteses que sustentan as ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto da actuación. As previsións económicas deberán seguir, na medida do posible, os modelos de conta de perdas e ganancias, balance e estado de fluxos de efectivo recollidos no Plan xeral de contabilidade en vigor.

– Relación de facturas correspondentes ás exportacións e/ou importacións aos Estados Unidos de América durante o ano 2024, con indicación de cliente, importe e data, achegando as aclaracións oportunas no caso de operacións comerciais indirectas.

F) Criterios específicos de avaliación.

Considérase que todos os proxectos co obxecto descrito no punto A) deste anexo son de interese para Galicia, polo que non se establecen criterios específicos de avaliación, que poidan supoñer a denegación dos préstamos que superen os limiares de cualificación de risco de crédito establecidos no anexo IV.

G) Xustificación

Para os efectos do previsto no artigo 19 das bases reguladoras, para a xustificación dos actuacións financiadas mediante esta modalidade de préstamos, cando o importe do préstamo supere os 300.000 €, será preceptiva a presentación do informe de auditor independente establecido no número 6 do referido artigo».

Dous. Engádese a nova modalidade de préstamo nos datos específicos do procedemento e na documentación que se presenta ou xa presentada con anterioridade no anexo VII.1, que se substitúe polo que se anexa a esta resolución.

Segundo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

missing image file
missing image file
missing image file