DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 26 de xuño de 2025 Páx. 35634

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 13 de xuño de 2025 pola que se clasifica de interese social a Fundación Antonio Comba.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Antonio Comba con domicilio no lugar Aldea de Arriba, Santa Marta de Babío, en Bergondo (A Coruña).

Feitos:

1. O 13 de xaneiro de 2025 Silvia Comba Rodríguez, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Antonio Comba constituína Silvia Comba Rodríguez, mediante escritura pública outorgada o 3 de outubro de 2024, ante o notario da Coruña Raúl Muñoz Maestre, co número de protocolo 6.758.

Tras requirimento do 25 de febreiro de 2025, a Fundación achega outra escritura outorgada o 28 de marzo de 2025, no mesmo lugar e ante o mesmo notario da anterior, co número de protocolo 2.597, que emenda a de constitución de conformidade co indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «o fomento, desenvolvemento e/ou realización de proxectos solidarios vinculados coa erradicación da pobreza enerxética e, en particular, coa protección dos colectivos desfavorecidos e as persoas con discapacidade relativos aos ditos fins».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Silvia Comba Rodríguez, como presidenta; Mercedes Comba Otero, como vicepresidenta; Javier Cancela Vicente, como secretario; e Carlos José Fernández de Landa Suanzes, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese social da Fundación Antonio Comba, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Economía e Industria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de maio de 2025.

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Antonio Comba, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes