DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 27 de xuño de 2025 Páx. 35901

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de xuño de 2025 pola que se regula a minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia.

1. O Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, polo que se adoptan e prorrogan determinadas medidas para responder ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social e económica, e para a recuperación económica e social da illa de La Palma, estableceu un sistema de axudas directas ás comunidades autónomas que prestan o servizo de transporte colectivo urbano ou interurbano e que se comprometesen a implantar unha redución no prezo dos abonos de transporte e títulos multiviaxe, excluído o billete de ida e volta, dos servizos de transporte terrestre da súa competencia, nunha porcentaxe dun 30 % respecto á vixente na entrada en vigor para o período abranguido entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2022. Desde a dita data e ata o 30 de xuño de 2025, o Estado veu prorrogando o dito sistema de axudas por mor da continuidade na alza de prezos a través de distintos reais decretos leis.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia adheriuse a este sistema de axudas elevando a porcentaxe de redución que aplicar ata o 50 %, tal e como se requiría na normativa estatal, publicando diferentes normas cuxo ámbito temporal se estendeu entre o 1 de setembro de 2022 e o 30 de xuño de 2025. Ademais, a Xunta de Galicia ampliou, con cargo integramente ao seu propio orzamento, a minoración adicional do 50 % aos servizos regulares de transporte marítimo da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo e aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

As ditas medidas potenciaron satisfactoriamente o uso do autobús como un medio de transporte alternativo e económico e a demanda incrementouse nun 17,7 % respecto aos meses previos á súa implantación.

Como continuidade destas actuacións, o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, polo que se aproban medidas urxentes en materia económica, de transporte, de Seguridade Social, e para facer fronte a situacións de vulnerabilidade, e a Resolución do 6 de marzo, da Secretaría de Estado de Transportes e Mobilidade Sustentable, pola que se convoca a concesión das ditas axudas directas ao transporte terrestre de viaxeiros, estableceron un novo marco para as axudas ao transporte para o período abranguido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025, en función da poboación albo e do sistema tarifario implantado pola comunidade autónoma o 30 de novembro de 2024.

En concreto, o artigo 7 do Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, establece para o dito período unha axuda directa ás comunidades autónomas, aplicable aos títulos multiviaxe e abonos de transporte, do 100 % do importe da tarifa para a poboación infantil ata os 14 anos, do 50 % do importe da tarifa para a poboación nova no caso de que a Comunidade Autónoma tivese implantada o 30 de novembro de 2024 unha tarifa específica para a dita poboación e dun 20 % do importe da tarifa para o resto de abonos e títulos multiviaxe.

De conformidade co artigo 5 do dito real decreto lei, concorren os requisitos exixidos para que a Comunidade Autónoma galega acceda á dita axuda directa, ao ter implantado desde o 1 de xaneiro de 2020 unha tarifa específica aplicable ás persoas usuarias de entre 4 e 20 anos inclusive –poboación nova– titulares dunha tarxeta TMGXN e ao feito de que a través desta disposición se establece o cofinanciamiento da Xunta de Galicia dun 20 %, con cargo aos seus propios orzamentos, exixido para o resto de abonos e títulos multiviaxe, excluído o billete de ida e volta.

Ademais, e en coherencia coas actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia e co propio sistema de transporte, requírese que a porcentaxe de desconto do 40 % se aplique aos servizos de transporte marítimo que na ría de Vigo conectan Cangas e Moaña coa cidade de Vigo, así como aos servizos ferroviarios de Renfe que se prestan na ATM de Ferrol, con cargo ao seu propio orzamento.

Para o acceso a este abaratamento temporal nas tarifas, os títulos multiviaxes deben ser aboados coas tarxetas TMG e TMGXN, esta última tanto na versión física como na virtual, ou deberase adquirir un bono mensual dos comercializados polas operadoras.

2. Aínda que non estea concluído o procedemento que regula o dito real decreto lei e, por tanto, non estea confirmado o importe exacto que lle corresponderá á Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta achega estatal, ao coincidir a súa finalidade coa da regulación previa, considérase que concorren as condicións de continuidade respecto ás medidas adoptadas desde setembro de 2022.

O financiamento das minoracións adicionais no transporte público regular de uso xeral por estrada realizarase inicialmente con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia a través da aplicación 2025.05.08.512A.470.1.

Igualmente, ao se manteren as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante o período de xullo a decembro de 2025 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

Respecto do transporte marítimo e ferroviario, o financiamento realizarase integramente con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia a través das aplicacións 2025.05.08.512A.470.1 e 2025.05.08.512A.403.0, respectivamente.

Atendendo ao anterior, nesta orde concrétase o marco que resultará de aplicación nos medios de transporte públicos interurbanos galegos no período abranguido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto desenvolver a regulación aplicable á minoración adicional e temporal de aplicación aos títulos multiviaxe vixentes nos servizos interurbanos de transporte regular de viaxeiros/as por estrada de uso xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Teñen a consideración de títulos multiviaxe os sinalados no artigo primeiro da Orde do 30 de agosto de 2022 pola que se regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 166, do 1 de setembro de 2022).

Segundo. Minoración aplicable

1. Aos títulos de transporte multiviaxe que cumpran cos requisitos establecidos nesta orde aplicaráselles unha redución adicional do 40 % no prezo tanto dos bonos mensuais comercializados polas operadoras coma no prezo que corresponderá ás viaxes abonadas coa tarxeta TMG ou TMG Xente Nova (TMGXN).

2. No caso de pagamento coa TMG ou TMGXN, o desconto do 40 % aplicarase directamente no medio de transporte e acumularase aos descontos previstos nas áreas de transporte metropolitano (ATM), ou ao desconto xeral do 10 % respecto da tarifa xeral no resto de servizos interurbanos; no suposto de tarifas bonificadas conveniadas con concellos, este desconto aplicarase tamén á tarifa final que, con base nos ditos convenios, viñan aboando as persoas usuarias. Igualmente, este desconto será previo e, polo tanto, acumulable, aos descontos por recorrencia que correspondan en cada caso.

Como excepción, no caso das ATM, cando a primeira etapa dunha viaxe interurbana con transbordo teña o carácter de urbana, e teña un prezo superior ao que corresponde á viaxe interurbana minorada, a diferenza aboada inicialmente de máis pola persoa usuaria seralle reintegrada con posterioridade á viaxe, seguindo a mesma sistemática que a que se aplica á tarifa Xente Nova. Xa que logo, eses importes poranse á súa disposición nos caixeiros automáticos da entidade financeira colaboradora nos mesmos prazos previstos para esta última tarifa, dispondo desde ese momento de dous meses para a súa percepción.

3. No suposto dos bonos mensuais comercializados polas empresas concesionarias, estas aplicarán directamente o desconto adicional no momento de adquisición de todos aqueles bonos que vaian ser utilizados entre os meses de xullo e decembro de 2025.

Os bonos mensuais comercializados polas empresas concesionarias dentro do período de vixencia desta bonificación temporal serán susceptibles de utilización ata o 31 de decembro de 2025 e corresponderá á concesionaria garantir que ningún bono adquirido coa bonificación poida ser activado ou dea dereito a iniciar as viaxes do mes natural a que se refira, con posterioridade ao dito 31 de decembro.

Terceiro. Ámbito temporal de aplicación

As previsións desta orde serán de aplicación entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025, de acordo co ámbito temporal definido polo Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro.

Cuarto. Financiamento

O gasto derivado desta minoración aboarase con cargo á axuda directa outorgada á Comunidade Autónoma de Galicia con base no Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro, a través da aplicación 2025.05.08.512A.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con todo, no caso de que a partida que finalmente asigne a Administración xeral do Estado non cubra as estimacións de gasto previstas, a Administración autonómica financiará o importe deficitario con cargo a fondos propios; finalmente, se considera que, tendo en conta a insuficiencia daquela asignación, non resulta viable ou posible a dita consignación de fondos propios, aplicarase a suspensión da minoración nos termos previstos na disposición derradeira segunda.

Quinto. Publicidade e información

1. As concesionarias dos servizos públicos de transporte deberán dar a máxima publicidade á minoración adicional das tarifas bonificadas, garantindo o acceso por parte das persoas usuarias a esta información coa máxima transparencia, para o que deberán incorporar información directamente nas infraestruturas e medios de transporte adscritos aos servizos públicos.

Na dita publicidade farase expresa indicación de que a minoración adicional e temporal aplicable ás tarifas bonificadas recibe financiamento do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable e recollerá, xunto cos logotipos oficiais da Xunta de Galicia, o logotipo específico contido no anexo I da Resolución do 6 de marzo, da Secretaría de Estado de Transportes e Mobilidade Sustentable. A dirección xeral con competencias en materia de transporte público poderá comunicar ás concesionarias criterios de utilización dos anteriores logos, que serán de obrigado cumprimento nas referidas actuacións de publicidade.

2. A Xunta de Galicia dará información destas minoracións na web bus.gal

3. As empresas concesionarias facilitarán á Dirección Xeral de Mobilidade canta información resulte precisa para os efectos de remitir a información que establece o punto 5 da Resolución do 6 de marzo de 2025, da Secretaría de Estado de Transportes e Mobilidade Sustentable.

Disposición derradeira primeira. Extensión a outros modos

A porcentaxe de minoración aplicable esténdese, con cargo integramente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o período previsto nesta orde, aos servizos de transporte público regular marítimo integrados na Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Vigo (conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo e viceversa), así como aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

O financiamento realizarase integramente a través da aplicación 2025.05.08.512A.470.1 nas bonificacións que se apliquen ás viaxes realizadas en servizos de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo, e da aplicación 2025.05.08.512A.403.0 respecto dos servizos de transporte ferroviario da ATM de Ferrol.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor e vixencia

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que a Administración xeral do Estado manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 1/2025, do 28 de xaneiro.

Esta habilitación esténdese á modificación da porcentaxe de desconto adicional aplicable, no caso de resultar esta posible consonte a normativa estatal que, de ser o caso, resulte de aplicación, así como á aplicación de diferentes porcentaxes en atención aos colectivos de persoas usuarias que se poidan prever nas referidas disposicións estatais.

Igualmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, mediante resolución, a suspensión da aplicación das minoracións adicionais que se amplían mediante esta orde no suposto de que o crédito dispoñible, ou o finalmente asignado pola Administración xeral do Estado, non resulte suficiente para cubrir o seu custo, así como no caso de que, pola incorporación de variacións nas condicións establecidas pola normativa do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia deba renunciar á súa aplicación.

Finalmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para ditar cantos actos ou instrucións sexan convenientes para a correcta e plena execución desta orde.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes