DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 1 de xullo de 2025 Páx. 36754

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2025 pola que se ordena a publicación da desafectación de locais do Monte da Condesa e da cesión de uso temporal en favor de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., medio propio da Consellería de Sanidade.

Antecedentes:

Primeiro. O 27 de maio de 2021, a USC, a Consellería de Sanidade e Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. (en adiante, Galaria) asinaron un convenio marco co obxecto de materializar e establecer a colaboración necesaria para a posta en marcha dun centro de produción de CAR-T e outras terapias celulares para Galicia, e de desenvolver no futuro unha unidade mixta de investigación cun programa de investigación asociado a esta finalidade e segundo se defina progresivamente.

Segundo. A USC é propietaria dos locais anteriormente ocupados polo Instituto de Ortopedia e polo Banco de Tecidos Músculoesqueléticos no inmoble sito no Monte da Condesa, que contan con 200 m2 de salas brancas, 150 m2 de laboratorios e outros 600 m2 entre almacéns, despachos e áreas técnicas. Esta superficie é adecuada para a instalación do centro de fabricación de medicamentos CAR-T e outros medicamentos de inmunoterapia celular avanzada, e o convenio mencionado no antecedente anterior recollía a necesidade de formalizar unha cesión temporal de uso destes espazos en favor de Galaria.

Terceiro. Os locais obxecto desta cesión son bens de dominio público por estaren afectos á realización do servizo público da educación superior mediante a investigación, a docencia e o estudo.

Cuarto. O Pleno do Consello Social da USC, na sesión ordinaria do día 11 de maio de 2023, aprobou a desafectación de espazos no edificio do Monte da Condesa e a proposta de cesión de uso temporal destes en favor de Galaria.

Fundamentos:

1. De acordo co artigo 80 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, constitúe o patrimonio da cada universidade o conxunto dos seus bens, dereitos e obrigas, e as universidades asumen a titularidade dos bens de dominio público afectos ao cumprimento das súas funcións.

2. Pola súa parte, o artigo 2 do Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello Social da USC na súa sesión do 22 de decembro de 2021 (DOG do 23 de febreiro de 2022) indica que os inmobles de titularidade da USC ou das súas entidades vinculadas en que se realicen actividades docentes, de investigación, de extensión universitaria, ou onde se aloxen servizos universitarios, oficinas ou dependencias dos seus órganos, consideraranse, en todo caso, bens de dominio público.

3. O artigo 69 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, establece que:

1) Os bens e dereitos demaniais perderán esta condición, adquirindo a de patrimoniais, nos casos en que se produza a súa desafectación, por deixar de destinarse ao uso xeral ou ao servizo público.

2) Salvo nos supostos previstos nesta lei, a desafectación deberá realizarse sempre de forma expresa.

4. A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que sen prexuízo da aplicación do disposto na lexislación sobre patrimonio histórico español, os actos de disposición dos bens inmobles e dos mobles de extraordinario valor serán acordados pola universidade, coa aprobación do Consello Social, de conformidade coas normas que, a este respecto, determine a Comunidade Autónoma.

A este respecto, o Regulamento de xestión patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela, no seu artigo 4, establece:

1) Corresponden ao Consello Social en materia patrimonial, de acordo coa normativa autonómica e logo de proposta do Consello de Goberno, as seguintes competencias:

– Aprobar a afectación ao dominio público dos bens e dereitos da universidade e a súa desafectación, así como, se é o caso, a súa afectación secundaria ou mutación demanial.

– Adoptar e aprobar calquera acto de adquisición ou disposición sobre bens inmobles e sobre os bens mobles por valor superior a 60.000 euros, ou aqueles de extraordinario valor.

5. O artigo 145 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, regula a cesión gratuíta de bens e dereitos e establece:

1) Os bens e dereitos patrimoniais da Administración xeral do Estado cuxa afectación ou explotación non se xulgue previsible poderán ser cedidos gratuitamente, para a realización de fins de utilidade pública ou interese social da súa competencia, a comunidades autónomas, entidades locais, fundacións públicas ou asociacións declaradas de utilidade pública.

...

3) A cesión poderá ter por obxecto a propiedade do ben ou dereito ou só o seu uso. En ambos os casos, a cesión comportarán para o cesionario a obriga de destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo. Adicionalmente, esta transmisión poderá suxeitarse á condición, termo ou modo que se rexerán polo disposto no Código civil.

En vista do anterior, o reitor

RESOLVE:

1. Publicar a desafectación dos locais anteriormente ocupados polo Instituto de Ortopedia e polo Banco de Tecidos Musculoesqueléticos no inmoble sito no Monte da Condesa, con referencia catastral 6173401NH3467C0001AM, que contan con 200 m2 de salas brancas, 150 m2 de laboratorios e outros 600 m2 entre almacéns, despachos e áreas técnicas, que pasan a ser considerados ben patrimonial, con efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Unha vez desafectados, acordar a cesión de uso temporal dos ditos espazos a Galaria.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou.

Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025

O rector da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 21.4.2022; DOG do 26 de abril)
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela