Ao abeiro do convenio de colaboración subscrito no ano 2025 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega) para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de administración electrónica e protección de datos,
RESOLVO:
Convocar, consonte o antedito convenio, a actividade formativa Ferramentas transversais de administración dixital na Xunta de Galicia para persoal de novo ingreso (CV25079), que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Primeira. Requisitos das persoas participantes
1. Poderá participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución o persoal funcionario e persoal laboral transferido á Xunta de Galicia polo Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspasos de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral, que se atope en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.
2. Para as actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, as persoas interesadas deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:
– Un computador con conexión á internet.
– Un navegador web actualizado.
Para as actividades impartidas na modalidade de telepresenza contarán ademais cun manual de usuario na ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/index.php/s/ZKijmeiZ5ypS3jd, onde se explica como acceder á plataforma de telepresenza e se describen os compoñentes que o equipamento necesita para un funcionamento básico da plataforma.
Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación
As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>
Terceira. Solicitudes e prazos
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 7 de xullo de 2025.
2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
3. Durante o prazo de presentación de solicitudes pódense solicitar ambas as dúas edicións da actividade formativa.
4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.
5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral), de acordo cos criterios de selección, deben cubrir na súa área de matrícula todos os campos, marcar o recadro de verificación de que están nalgunha destas situacións específicas e remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no número 1 desta base.
7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 62 53 e 981 54 63 35 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>
Cuarta. Protección de datos persoais e comprobación de datos
1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación na acción formativa convocada a través desta resolución, así como aqueles outros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola Escola Galega de Administración Pública na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.
A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nesta acción formativa serán publicados conforme o detallado na base sexta desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.
As sesións dos cursos impartidos na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecer ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. As devanditas gravacións conservaranse á disposición do alumnado e do profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, se é o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.
Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.
As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Quinta. Criterios de selección
1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas entre os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na base primeira «persoal participante» do anexo I desta resolución.
As persoas solicitantes serán seleccionadas, se é o caso, nunha única edición da actividade formativa consonte a súa orde de inscrición.
2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpra os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.
Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado
1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación.
2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia e o seguimento das actividades formativas
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. A renuncia.
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.
Para formalizar a renuncia poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>
O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase a partir da publicación da listaxe de persoas admitidas, en reserva e excluídas e finalizará 3 días antes do inicio da actividade formativa.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
1º. Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
2º. Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
3º. Por razóns de conciliación familiar.
4º. Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e o seguimento das actividades formativas:
3.1. Seguimento das actividades presenciais e telepresenciais:
a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e máis a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.
c) As faltas de asistencia:
1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.
2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
3.2. Seguimento das actividades de teleformación:
As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade agás que o incumprimento teña algunha das causas indicadas no número 2.b).
Oitava. Superación da actividade
a) Para poder superar estas actividades presenciais e de telepresenza, o alumnado deberá cumprir coa porcentaxe de asistencia indicada no número 3.1, alínea c), e superar as probas de avaliación que para os efectos se establezan. As probas desenvolveranse con carácter xeral na modalidade en liña.
b) Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:
– A adecuada realización de todas as actividades que a titoría propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final que se realizará en liña.
– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan.
Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas e o horario en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.
Novena. Certificados
Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.
Décima. Facultades da EGAP
1. A EGAP e a Amtega resolverán aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén corresponde a ambos os organismos prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.
2. A EGAP e a Amtega poderán modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da Escola.
3. Naquelas actividades en que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Amtega reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, ou agrupar varias edicións, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
4. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.
5. A EGAP e a Amtega garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
ANEXO II
Código CV25079
Ferramentas transversais de administración dixital na Xunta de Galicia para persoal de novo ingreso
1. Obxectivos.
Dar unha primeira formación práctica dos aspectos básicos das ferramentas transversais de administración electrónica usadas na Xunta de Galicia para persoal de novo ingreso.
2. Destinatarios/as.
Persoal funcionario e persoal laboral transferido á Xunta de Galicia mediante o Real decreto 394/2025, do 13 de maio, de traspasos de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación e xestión do litoral.
3. Desenvolvemento.
Modalidade: mixta (teleformación e telepresenza).
Duración: 12 horas.
Prazas: 25.
Edicións: dúas.
4. Contido.
Módulo 1: mapa xeral de ferramentas de apoio á implantación de administración dixital na Xunta de Galicia.
Módulo 2: Sistema único de Rexistro na Xunta de Galicia (Rexel). Recepción electrónica. Envíos electrónicos.
Módulo 3: Sistema de notificación electrónica de Galicia (Notifica.gal).
Módulo 4: portasinaturas corporativo.
Módulo 5: sede electrónica da Xunta de Galicia.
Primeira edición: MIXTO-1:
Datas: do 14.7.2025 ao 18.7.2025.
Data da proba final: 18.7.2025 ás 14.00 horas.
Sesións de telepresenza: martes 15 de xullo e xoves 17 de xullo das 9.00 ás 11.00 horas.
Segunda edición: MIXTO-2:
Datas: do 28.7.2025 ao 1.8.2025.
Data da proba final: 1.8.2025 ás 14.00 horas.
Sesións de telepresenza: martes 29 de xullo e xoves 31 de xullo das 9.00 ás 11.00 horas.
