DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 2 de xullo de 2025 Páx. 36835

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 20 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento CT237A).

As bibliotecas públicas son un piar esencial no acceso á información, ao coñecemento e á cultura. Garanten a preservación do coñecemento e da produción literaria, a liberdade e a igualdade de todas as persoas no acceso á cultura e son espazos idóneos para a participación e a integración comunitaria. En consecuencia, constitúen servizos da máxima relevancia para unha sociedade avanzada.

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia reúne numerosos centros bibliotecarios que, ao longo de toda a xeografía galega, ofrecen unha ampla gama de servizos, actividades, programas e coleccións, cos que se trata de promover a lectura, incentivar a creatividade, favorecer a socialización e, en definitiva, satisfacer as necesidades culturais de todas as persoas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, de conformidade co disposto no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ten atribuídas as competencias en materia de promoción e difusión da cultura, para o que lle corresponde a definición e execución de programas orientados á mellora da calidade do servizo bibliotecario e ao acceso á cultura para toda a cidadanía a través da lectura, da creación, da aprendizaxe e do lecer.

Así mesmo, segundo establece a Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Cultura, exercer como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, e como tal, deseñar e planificar a política bibliotecaria da Comunidade Autónoma, así como coordinar a política bibliotecaria dos servizos bibliotecarios da Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Neste sentido, esta consellería pretende promover e difundir os proxectos e as actuacións realizadas nas bibliotecas públicas galegas que redunden nun mellor servizo á cidadanía e teñan un impacto positivo na comunidade, co obxecto de que poidan servir de inspiración e exemplo a outros centros bibliotecarios. Con este fin convoca o certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia.

Con esta actuación preténdese dar continuidade e estender o alcance do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia, do que se levan convocado sete edicións entre os anos 2018 e 2024. Recollendo o espírito e os principios xerais deste premio, preténdese agora ampliar o seu obxecto, para dar cabida a todas aquelas boas prácticas que, sen supoñeren en puridade accións orixinais ou creativas, constitúen unha mostra da excelencia no servizo e como tal merecen ser recoñecidas e difundidas. Porén, a innovación non deixa de considerarse un valor que cómpre promover e alentar, polo que se mantén como un dos criterios de valoración dos proxectos.

Mantéñense así mesmo algúns elementos da antiga convocatoria que amosaron a súa eficacia para favorecer a participación, como son o establecemento de dúas categorías en función da poboación do municipio en que se asente a biblioteca e a dotación económica dun premio de igual contía para cada unha delas. Igualmente, mantense a valoración dos proxectos a través dun órgano colexiado en que participan profesionais de diferentes bibliotecas que se van alternando cada ano, co fin de que todas elas poidan verse representadas.

Por todo o exposto e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Establécense as bases reguladoras do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e convócase para o 2025 (código de procedemento CT237A).

Artigo 2. Finalidade

O certame Bibliotecas que inspiran pretende promover e difundir os proxectos e as actuacións realizadas nas bibliotecas públicas ou axencias de lectura municipais de Galicia que constitúan unha boa práctica de xestión bibliotecaria, redunden nun mellor servizo á cidadanía, sirvan para promover e dinamizar a lectura e o acceso á cultura e teñan un impacto positivo na comunidade, co obxecto de que poidan servir de inspiración e exemplo a outros centros bibliotecarios.

Artigo 3. Destinatarias

1. Poderán optar a este premio as entidades locais de Galicia que cumpran as seguintes condicións:

a) Seren titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

b) Teren cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2024, a través do formulario web habilitado para este efecto en www.rbgalicia.xunta.gal

Quedan excluídas do cumprimento deste requisito as bibliotecas públicas ou axencias de lectura que non tivesen actividade en 2024, por teren iniciado a súa actividade ou reactivado os seus servizos en 2025, sempre que tivesen comunicado esta circunstancia ao Servizo de Bibliotecas antes da publicación desta convocatoria.

c) Estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e cumprir cos demais requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Teren cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. As entidades que poden ser beneficiarias poderán presentar a súa solicitude de xeito individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no punto anterior, coas que participen no desenvolvemento de proxectos ou boas prácticas comúns. Neste suposto, todas as entidades solicitantes deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos nesta orde.

En particular, deberán facerse constar expresamente os compromisos asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe do premio que se vai aplicar por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, no suposto de resultar premiada, lle corresponden á agrupación.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Iniciativas bibliotecarias

1. Poderán concorrer a este certame as iniciativas bibliotecarias desenvolvidas por algunha das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais galegas titularidade da entidade solicitante, que teñan por obxecto:

– A promoción da lectura, especialmente entre as persoas con maiores dificultades de acceso ou con menor hábito lector.

– O fomento da aprendizaxe ao longo da vida e da adquisición de competencias informacionais e dixitais.

– A redefinición dos servizos ou dos espazos para mellorar a accesibilidade e favorecer o acceso á cultura para todas as persoas.

– A posta en funcionamento de novos servizos ou redeseño dos existentes.

– A innovación metodolóxica, organizativa ou tecnolóxica para o mellor desempeño das funcións e prestación dos servizos.

– A recuperación, preservación e divulgación da produción cultural de interese para Galicia, especialmente do ámbito local.

– A difusión da biblioteca e dos seus servizos.

– A promoción da igualdade, participación cidadá, cohesión social e atención á diversidade.

Para os efectos desta convocatoria, non terán a consideración de iniciativas bibliotecarias as memorias de actividades dunha biblioteca ou a suma de accións individuais sen interrelación entre elas.

2. A execución da iniciativa debe estar comprendida no período máximo de tres anos anteriores á publicación da convocatoria.

Artigo 5. Categorías, contía do premio e financiamento

1. Establécense dúas categorías en función da poboación do concello. Nunha categoría participarán aquelas entidades locais que conten cunha poboación de ata 10.000 habitantes, mentres que outra categoría está formada por entidades locais de máis de 10.000 habitantes.

Para a asignación á categoría que corresponda terase en conta a cifra oficial de poboación do concello segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da convocatoria.

No caso de que concorran varias entidades de forma conxunta, tal como se establece no artigo 3.2, terase en conta a poboación do maior dos concellos participantes.

2. Cada unha das categorías estará dotada cun premio de 3.000 € e un diploma que recoñecerá a iniciativa premiada.

3. O premio concederase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.760.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e terá un importe total máximo de 6.000 €.

Artigo 6. Procedemento e normativa reguladora

1. O premio concederase por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

4. En todos aqueles aspectos non previstos nas devanditas normas rexerá, con carácter supletorio, a Lei 39/20015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou calquera outra disposición normativa que, pola súa natureza, puider resultar de aplicación.

Artigo 7. Compatibilidade

Os premios concedidos ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outro premio ou axuda que puidese ser concedida para a mesma finalidade.

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. As entidades locais de Galicia poderán presentar un máximo de dúas iniciativas postas en marcha polas bibliotecas e axencias de lectura da súa titularidade, sexa de forma individual ou de forma agrupada con outras entidades.

2. Cada proxecto presentarase nunha solicitude separada, dirixida á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo establecido nesta orde.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I), unha memoria descritiva da iniciativa bibliotecaria, coas seguintes epígrafes:

a) Análise do contexto, definición das necesidades que se pretenden atender e obxectivos que se queren conseguir.

b) Descrición pormenorizada do proxecto ou actuación levada a cabo nas súas distintas fases, indicando, se é o caso, as persoas ou entidades que participaron no seu deseño e desenvolvemento.

c) Criterios e procedementos empregados para a medición de resultados e indicadores de avaliación da súa efectividade.

d) Resultados obtidos. Cuantificación dos indicadores e valoración global.

e) Previsións de prolongación e mellora do proxecto, se é o caso.

f) Méritos alegados en todos ou algúns dos aspectos recollidos no artigo 16 desta orde (criterios de valoración).

Os datos do proxecto poderán completarse con fotografías, vídeos, ligazóns a documentación de interese ou con calquera outro material que sirva para contextualizalo.

A memoria deberá presentarse en galego, segundo as normas ortográficas establecidas pola Real Academia Galega e non poderá exceder as 15 páxinas, en tamaño A4.

Non se aceptarán proxectos que non se adecúen ao esquema descrito.

2. No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de concellos, deberán achegar ademais:

a) Documento en que se acorde a presentación conxunta da solicitude, a autorización á entidade sinalada como representante para presentar a solicitude en nome do resto e a contía do premio que solicita cada un deles.

b) Declaración de datos de cada unha das entidades solicitantes adicionais segundo o anexo II.

3. A documentación complementaria deberá presentarse usando a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase ao solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Comisión de Avaliación

As solicitudes presentadas serán avaliadas por unha Comisión de Avaliación coa seguinte composición:

– A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura ou persoal da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro en quen delegue, que actuará como presidenta/e da Comisión.

– A persoa titular do Servizo de Bibliotecas (vogal).

– Dous/dúas bibliotecarios/as en representación das bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (vogais).

– Dous/dúas bibliotecarios/as en representación das bibliotecas públicas municipais de concellos que non presentasen candidaturas ao premio (vogais).

– Unha persoa representante dunha asociación profesional de bibliotecarias/os (vogal).

– Unha persoa funcionaria da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que actuará como secretaria da Comisión, con voz e sen voto.

Os membros da Comisión serán designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura e esta designación publicarase no prazo máximo de 10 días desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes na páxina da web da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal).

Artigo 16. Criterios de valoración

1. Para a selección das iniciativas bibliotecarias premiadas teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Características e calidade técnica do proxecto (ata 25 puntos).

a.1. Análise do contexto e planificación (ata 2 puntos).

Atenderase á análise levada a cabo para a detección das necesidades, a formulación dos obxectivos e os traballos previos de planificación.

a.2. Descrición do proxecto (ata 15 puntos).

Valorarase en que medida o proxecto contempla actuacións e tarefas desenvolvidas nas súas distintas fases, metodoloxía e recursos empregados de forma suficientemente desenvolvida e cun deseño adecuado para a consecución dos obxectivos e satisfacción das necesidades detectadas.

a.3. Indicadores e medición de resultados (ata 4 puntos).

Valorarase que se identifiquen indicadores e criterios de avaliación medibles e pertinentes, e que se achegue evidencia dos resultados obtidos.

a.4. Replicabilidade do proxecto (ata 4 puntos).

Valorarase a potencialidade do proxecto para ser trasladado e reproducido noutras bibliotecas, tendo en conta que non requira o emprego de recursos custosos ou complexos así como a universalidade das necesidades ás que atende.

b) Carácter innovador (ata 20 puntos).

Valorarase a orixinalidade, creatividade, carácter innovador e pioneiro do proxecto, considerando como tal aquel no que concorra algunha das seguintes condicións:

– Que supoña unha actuación nova e creativa.

– Que implique innovación na metodoloxía, no enfoque ou desenvolvemento dunha práctica preexistente.

– Que incorpore solucións tecnolóxicas emerxentes.

c) Colaboración (ata 15 puntos).

Valorarase a implicación da comunidade no deseño e desenvolvemento do proxecto, a través de:

c.1. Iniciativas de participación cidadá ou colaboración con entidades asociativas veciñais ou cívicas ou co sector privado (ata 2 puntos).

c.2. Colaboración con outras bibliotecas, de calquera tipoloxía, que non formen parte da rede de bibliotecas públicas do concello (ata 2 puntos).

c.3. Colaboración con persoas ou entidades do ámbito cultural (ata 2 puntos).

c.4. Colaboración con centros e institucións do ámbito educativo e de formación (ata 2 puntos).

c.5. Colaboración con entidades ou institucións do ámbito socio-sanitario (ata 2 puntos).

c.6. Presentación conxunta do proxecto por varias entidades locais agrupadas (ata 5 puntos).

d) Impacto (ata 40 puntos).

Valoraranse os resultados obtidos, o grao de consecución dos obxectivos, así como o impacto positivo acadado, de acordo cos seguintes criterios:

d.1. Alcance nas persoas usuarias (ata 20 puntos).

Valorarase en que medida o proxecto supón un impacto significativo para as persoas usuarias, especialmente para aqueles colectivos con especiais dificultades para o acceso á lectura e para a participación nas actividades bibliotecarias. Terase en conta, en especial, o impacto acadado respecto das persoas con discapacidade, colectivos en risco de exclusión ou con necesidades especiais, persoas de avanzada idade, e outras persoas que, por diversas circunstancias, presentan menores índices de lectura.

d.2. Mellora nos resultados do servizo en xeral: aumento do número de visitas, aumento do número de préstamos, aumento do número de socios, etc. (ata 4 puntos).

d.3. Posta en marcha de novos servizos ou mellora na distribución e uso dos espazos (ata 4 puntos).

d.4. Mellora na xestión do servizo bibliotecario: optimización de procesos, mellora organizativa, eficiencia na asignación de recursos, etc. (ata 4 puntos).

d.5. Mellora na accesibilidade dos espazos: física, sensorial e/ou cognitiva (ata 4 puntos).

d.6. Impacto na difusión do proxecto e dos servizos bibliotecarios, a través de medios da propia biblioteca (carteis, folletos informativos, páxina web, redes sociais, etc.) ou medios de comunicación (prensa escrita, radio ou televisión) (ata 2 puntos).

d.7. Impacto no medio natural (contribución ao aforro enerxético, economía circular, reciclaxe ou reutilización de produtos, etc.) (ata 2 puntos).

2. Para a asignación das puntuacións, cada un dos criterios anteriores valorarase nunha escala do 0 a 10 tendo en conta o grao ou nivel acadado polo proxecto, e a continuación aplicarase o factor de ponderación establecido na táboa seguinte:

Valoración
(do 1 ao 10)

Factor de ponderación

Puntos

a) Características e calidade técnica do proxecto (ata 25 puntos)

a.1. Análise do contexto e planificación

× 0,2

a.2. Descrición do proxecto

× 1,5

a.3. Indicadores e medición de resultados

× 0,4

a.4. Replicabilidade do proxecto

× 0,4

b) Carácter innovador (ata 20 puntos)

Orixinalidade, creatividade, carácter innovador e pioneiro do proxecto

× 2

c) Colaboración (ata 15 puntos)

c.1. Participación cidadá, entidades asociativas veciñais ou cívicas ou sector privado

× 0,2

c.2. Con outras bibliotecas

× 0,2

c.3. Con persoas ou entidades do ámbito cultural

× 0,2

c.4. Con centros e institucións do ámbito educativo e de formación

× 0,2

c.5. Con entidades ou institucións do ámbito sociosanitario

× 0,2

c.6. Presentación conxunta por varias entidades locais agrupadas

× 0,5

d) Impacto (ata 40 puntos)

d.1. Alcance nas persoas usuarias

× 2

d.2. Mellora nos resultados do servizo en xeral

× 0,4

d.3. Posta en marcha de novos servizos ou mellora na distribución e uso dos espazos

× 0,4

d.4. Mellora na xestión do servizo bibliotecario

× 0,4

d.5. Mellora na accesibilidade dos espazos

× 0,4

d.6. Impacto na difusión do proxecto e dos servizos bibliotecarios

× 0,2

d.7. Impacto no medio natural

× 0,2

3. A Comisión de Avaliación recollerá nunha acta a puntuación obtida por todas as candidaturas en cada un dos criterios, e motivará especialmente os méritos apreciados na que resulte ganadora.

Artigo 17. Resolución

1. En vista da acta da Comisión de Avaliación, a persoa que exerza a súa presidencia fará a proposta de resolución, que elevará ao órgano que deba resolver.

2. No prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución, a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto na letra o) do punto primeiro da Orde do 28 de xuño de 2024, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais desta consellería, ditará a resolución de concesión do premio en cada unha das categorías ganadoras, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos. Así mesmo, tanto a resolución de adxudicación como as memorias dos proxectos ganadores presentadas coa candidatura faranse públicas no portal da Rede de Bibliotecas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal).

4. O prazo máximo para ditar e notificarlles as persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

5. Publicada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

Artigo 18. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, a persoa interesada poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun (1) mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

O pagamento do premio será tramitado de oficio sen necesidade de que as entidades beneficiarias presenten ningunha xustificación, dado que o requisito de achega da documentación necesaria para o cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación.

Artigo 20. Inclusión no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a entidade solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Obrigas das beneficiarias

1. A entidade beneficiaria queda obrigada a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Procederá a revogación da subvención, así como o reintegro total ou parcial da cantidade percibida e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Cultura a competencia para resolver esta convocatoria, de conformidade co previsto na letra o) do punto primeiro da Orde do 28 de xuño de 2024 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais desta consellería.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase o director xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións e instrucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file