DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 2 de xullo de 2025 Páx. 36859

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 20 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento CT237A).

BDNS (identif.): 842760.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/842760

Primeiro. Convocatoria

Convócase o certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia (código de procedemento CT237A).

Segundo. Finalidade

O certame Bibliotecas que inspiran pretende promover e difundir os proxectos e as actuacións realizadas nas bibliotecas públicas ou axencias de lectura municipais de Galicia que constitúan unha boa práctica de xestión bibliotecaria, redunden nun mellor servizo á cidadanía, sirvan para promover e dinamizar a lectura e o acceso á cultura e teñan un impacto positivo na comunidade, co obxecto de que poidan servir de inspiración e exemplo a outros centros bibliotecarios.

Terceiro. Beneficiarias

1. Poderán optar a este premio as entidades locais de Galicia que cumpran as seguintes condicións:

a) Seren titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

b) Teren cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2024, a través do formulario web habilitado para este efecto en www.rbgalicia.xunta.gal

Quedan excluídas do cumprimento deste requisito as bibliotecas públicas ou axencias de lectura que non tivesen actividade en 2024, por teren iniciado a súa actividade ou reactivado os seus servizos en 2025, sempre que tivesen comunicado esta circunstancia ao Servizo de Bibliotecas antes da publicación desta convocatoria.

c) Estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e cumprir cos demais requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Teren cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. As entidades que poden ser beneficiarias poderán presentar a súa solicitude de xeito individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no punto anterior, coas que participen no desenvolvemento de proxectos ou boas prácticas comúns. Neste suposto, todas as entidades solicitantes deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos nesta orde.

En particular, deberán facerse constar expresamente os compromisos asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe do premio que se vai aplicar por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, no suposto de resultar premiada, lle corresponden á agrupación.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 20 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases do certame Bibliotecas que inspiran, de recoñecemento ás iniciativas bibliotecarias de Galicia, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento CT237A).

Quinto. Categorías e contía do premio

1. Establécense dúas categorías en función da poboación do concello. Nunha categoría participarán aquelas entidades locais que conten cunha poboación de ata 10.000 habitantes, mentres que a outra categoría estará formada por entidades locais de máis de 10.000 habitantes.

Para a asignación á categoría que corresponda terase en conta a cifra oficial de poboación do concello segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da convocatoria.

No caso de que concorran varias entidades de forma conxunta, tal como se establece no artigo 3.2, terase en conta a poboación do maior dos concellos participantes.

2. Cada unha das categorías estará dotada cun premio de 3.000 € e un diploma que recoñecerá a iniciativa premiada.

3. O premio concederase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.760.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e terá un importe total final máximo de 6.000 €.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería
de Cultura, Lingua e Xuventude