DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 3 de xullo de 2025 Páx. 37190

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de xuño de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Os Chaos e Dehesa da Chanca, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Os Chaos, pertencente á CMVMC de Cepedelo, e o MVMC Dehesa da Chanca, pertencente á CMVMC de Penouta, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 7.3.2025, a CMVMC de Cepedelo presentou un escrito (REXEL 2025/660877) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Penouta.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Solicitude de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Viana do Bolo.

– Certificacións dos acordos das respectivas asambleas xerais.

– Informe de deslindamento.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense, do 21 de marzo de 2025, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Os Chaos, pertencente á CMVMC de Cepedelo, e o MVMC Dehesa da Chanca, pertencente á CMVMC de Penouta, desde o vértice 1 (o situado máis ao E) ata o vértice 6 (o situado máis ao O).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

• No punto inicial da liña conflúe tamén, conforme o indicado na acta deslindamento, o MVMC Pradorramisquedo; mentres que no punto final conflúe asemade o MVMC Entrudio.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 21 de marzo de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 2 de xuño de 2025:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Os Chaos, pertencente á CMVMC de Cepedelo, e o MVMC Dehesa da Chanca, pertencente á CMVMC de Penouta, no concello de Viana do Bolo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 19 de xuño de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense