DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 4 de xullo de 2025 Páx. 37233

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de xullo de 2025 pola que se establecen os servizos mínimos que se deberán prestar durante a folga convocada para os días 4, 7, 9 e 11 de xullo, e con carácter indefinido a partir do 14 de xullo de 2025, pola Confederación Intersindical Galega (CIG) na empresa Autos Carballo, S.L., titular dos contratos de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral XG633, XG635, XG636, XG639, XG641, XG682, XG709, XG843 e XG848.

O exercicio da folga por parte dos traballadores para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, en que se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto dos dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.

No sector do transporte, os servizos que se prestan teñen un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos, como son os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27) e ao traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante a xornada de folga convértese nunha demanda de interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.

O 4 de xuño de 2025, o sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria dunha folga os días 4, 7, 9 e 11 de xullo e, con carácter indefinido, a partir do 14 de xullo de 2025 na empresa Autos Carballo, S.L., titular dos contratos de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral XG633-Comarcas da Mariña Central e Oriental, XG635-A Coruña-Lugo-A Mariña, con anexos, XG636-Comarca de Terra Chá, XG639-Termos municipais de Pontedeume, Cabanas, Vilarmaior, Irixoa e Monfero, XG641-Nordés da comarca de Eume, XG682-Norte da comarca da Mariña Central e oeste da comarca da Mariña Occidental, XG709-Oeste das comarcas de Betanzos e Eume, XG843-A Coruña, Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Vilalba, Lugo, con anexos e XG848-Norte das comarcas de Fisterra, Bergantiños e A Coruña.

A indicada convocatoria afecta o ámbito territorial dos servizos de transporte público prestados no marco dos citados contratos e o conxunto das persoas traballadoras de Autos Carballo, S.L. de todas as provincias galegas.

No marco das competencias atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no sector do transporte, os servizos afectados por esta folga son:

a) Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: están afectadas pola folga as concesións de servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral XG633-Comarcas da Mariña Central e Oriental, XG635-A Coruña-Lugo-A Mariña, con anexos, XG636-Comarca de Terra Chá, XG639-Termos municipais de Pontedeume, Cabanas, Vilarmaior, Irixoa e Monfero, XG641-Nordés da comarca de Eume, XG682-Norte da comarca da Mariña Central e oeste da comarca da Mariña Occidental, XG709-Oeste das comarcas de Betanzos e Eume, XG843-A Coruña, Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Vilalba, Lugo, con anexos e XG848-Norte das comarcas de Fisterra, Bergantiños e A Coruña.

Respecto das expedicións non integradas, diferéncianse as de lonxitude inferior a vinte e cinco quilómetros, nas cales, nas franxas horarias da primeira e última hora do día, das 6.00 ás 9.00 horas e das 18.00 ás 21.00 horas, se establece como servizos mínimos o cincuenta por cento das expedicións existentes, e as expedicións non integradas de lonxitude superior a vinte e cinco quilómetros, con orixe ou destino nalgunha das sete cidades, nas cales se mantén unha expedición de ida e outra de volta nos servizos con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas.

Tendo en conta que a convocatoria se efectúa de xeito indefinido desde o 14 de xullo e que a explotación dos servizos de transporte varía duns días da semana a outros, nos servizos publicados en https://www.bus.gal/gl/descargas/servizos_minimos fíxase o calendario de servizos mínimos que se deberán prestar nos diferentes días da semana para a tempada estival, que abrangue ata o 31 de agosto de 2025, e débense establecer os servizos mínimos que se prestarán no caso de que a folga continúe máis aló de dito período temporal.

b) Servizos regulares de uso especial para transporte de traballadores: co fin de garantir a chegada e a saída aos postos de traballo naqueles servizos de carácter interurbano en que a ausencia dunha previsión mínima crebaría toda posibilidade de acceso ao traballo, propóñense como mínimos todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.

Dado trámite de audiencia ao Comité de Folga respecto á proposta de servizos mínimos, a entidade sindical convocante non presentou alegacións a eles.

As circunstancias apuntadas, a garantía de dereitos vinculados coa mobilidade, co traballo e a propia liberdade de circulación son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados nesta orde, dirixidos a garantir a mínima prestación de servizos que posibilite o exercicio daqueloutros dereitos esenciais, compatibilizando así o contido esencial de todos os dereitos en conflito.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade,

DISPOÑO:

Artigo único. Servizos mínimos

Durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para os días 4, 7, 9 e 11 de xullo e, con carácter indefinido, a partir do 14 de xullo de 2025 na empresa Autos Carballo, S.L., terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

1. Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: os servizos mínimos poden consultarse na páxina web da Xunta de Galicia https://www.bus.gal/gl/descargas/servizos_minimos

2. Servizos regulares de uso especial para o transporte de traballadores: todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9.00 horas e posteriores ás 18.00 horas.

A empresa de transporte dará a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados por esta orde ás persoas usuarias a través daqueles medios que permitan o seu coñecemento e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao inicio e durante a folga.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes