No ámbito estatal, a extinción de titulacións recóllese ao longo dos artigos do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade.
No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
De acordo co recollido no artigo 18 da Orde do 20 de marzo de 2012, son causas de revogación da autorización de implantación dunha ensinanza oficial o incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza oficial.
Nestes casos, e na salvagarda dos dereitos do estudantado, as universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación.
O Pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 12 de xuño de 2025, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia, para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos que se relacionan a seguir.
Por todo iso,
DISPOÑO:
Artigo 1
Que se revogue a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais seguintes:
– Máster universitario en discapacidade e dependencia pola Universidade da Coruña. Autorizado pola Orde do 4 de xuño de 2015 (DOG do 17 de xuño) e que figura inscrito no RUCT co código 4315466.
– Máster universitario en informática industrial e robótica pola Universidade da Coruña e a Universidad de La Laguna. Autorizado pola Orde do 24 de setembro de 2020 (DOG do 2 de outubro) e que figura inscrito no RUCT co código 4317172.
Artigo 2
Que se revogue a autorización á Universidade de Vigo para impartir a ensinanza universitaria oficial de:
– Máster universitario en industria 4.0. Título conxunto pola Universidade de Vigo e a Universidad de León. Autorizado pola Orde do 19 de xuño de 2020 (DOG do 1 de xullo) e que figura inscrito no RUCT co código 4317056.
Artigo 3. Garantías académicas
As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
