DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 8 de xullo de 2025 Páx. 37905

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 24 de xuño de 2025 pola que se aproba a modificación dos estatutos da Federación Galega de Piragüismo.

Antecedentes:

Primeiro. O 15.5.2025 a Federación Galega de Piragüismo solicitou a ratificación da modificación dos seus estatutos, así como a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Segundo. A Asemblea Xeral da Federación aprobou a modificación estatutaria na sesión ordinaria do 18.1.2025.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. Corresponde á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno.

Segundo. O artigo 54.7 da dita lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas, e as súas modificacións, se publicarán no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.

Terceiro. A solicitude presentouse no rexistro tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Cuarto. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 5 de xuño de 2025, que aproba modificación dos estatutos da Federación Galega de Piragüismo e propón a publicación no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Galega de Piragüismo.

Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se anexan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos da Federación Galega de Piragüismo

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1

A Federación Galega de Piragüismo rexerase polos presentes estatutos e normas de desenvolvemento, pola Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e demais normativa que lle sexa de aplicación.

Artigo 2

A Federación Galega de Piragüismo é unha entidade privada, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar sen ánimo de lucro.

O seu ámbito territorial abrangue a Comunidade Autónoma de Galicia, no desenvolvemento das competencias que lle son propias, de conformidade coa normativa vixente.

Está integrada polos clubs, seccións deportivas, deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros e outros colectivos dedicados á práctica do deporte do piragüismo.

A Federación Galega de Piragüismo, ademais das competencias que lle son propias, e segundo o disposto pola Lei do deporte de Galicia, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo, actuando como axente colaborador da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3

A Federación Galega de Piragüismo organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica, plena capacidade de obrar e patrimonio propio e independente do dos seus asociados, coas limitacións sinaladas pola normativa vixente, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de todas clases, sexan mobles ou inmobles, así como contratar e obrigarse para o cumprimento das súas finalidades, quedando suxeita ás súas propias responsabilidades.

A Federación Galega de Piragüismo encóntrase integrada na Federación Española de Piragüismo, e ten de xeito exclusivo a representación desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia no referente ao deporte do piragüismo, conservando en tal integración, non obstante, a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

Artigo 4

A Federación Galega de Piragüismo ten como obxecto social o de promover, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, polos da Federación Española de Piragüismo no que lle sexan de aplicación, e polas disposicións que dite a Xunta de Galicia e, supletoriamente, polas que dite a Administración do Estado.

A Federación Galega de Piragüismo é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para promover, regulamentar, organizar, xestionar e controlar as competicións oficiais de augas tranquilas, augas bravas, descensos, ascensos, travesías, maratón, turismo náutico, kayak-polo, canoa a vela, rafting, xogos náuticos en piragua, kayak de mar, kayak surf, estilo libre, piragüismo extremo, e, en xeral, cantas modalidades fixe a Federación Internacional de Canotaxe (FIC).

A Federación Galega de Piragüismo promove igualmente o piragüismo como actividade lúdica ou turística. Para tal fin ten rexistrada a marca «Bases KDM» que designa unha rede de establecementos públicos ou privados que desenvolven actividades coordinadas e regulamentadas pola Federación.

Artigo 5

1. A Federación Galega de Piragüismo exercerá como funcións propias as seguintes:

a) A convocatoria das seleccións deportivas de piragüismo e a designación dos deportistas que as integren.

b) Colaborar coas administracións públicas e coa Real Federación Española de Piragüismo, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción do piragüismo.

c) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.

d) De ser o caso, e conforme a normativa que sexa aplicable, colaborar e/ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Elaborar os seus propios regulamentos deportivos.

f) Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de adestradores, xuíces e árbitros segundo a normativa que sexa aplicable.

2. Ademais son funcións públicas delegadas e exerceranse en réxime de exclusividade pola Federación Galega de Piragüismo, as seguintes:

a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas da súa modalidade, consonte a normativa que lle sexa aplicable.

b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.

c) Expedir licenzas deportivas para a práctica da súa modalidade deportiva nos termos establecidos na lexislación vixente.

d) Asignar as subvencións e as axudas de carácter público concedidas a través da Federación e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.

e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento dos presentes estatutos.

f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos na lexislación vixente, de acordo cos presentes estatutos e as súas normas de desenvolvemento.

g) Executar, de ser o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, no control e na represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, a Federación instruirá e resolverá os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se tramiten, consonte o establecido no título VIII da Lei 3/2012, do deporte de Galicia.

i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.

3. Os actos adoptados pola Federación no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

4. As funcións públicas delegadas serán exercidas pola Federación baixo a tutela da Administración deportiva, que, conforme se determine regulamentariamente, procederá á súa asunción nos casos de extinción da Federación ou cando esta se atope en situación concursal.

5. A Federación exercerá as funcións públicas delegadas de forma directa, sen que poidan ser obxecto de delegación ou exercicio por ningunha substitución, sen autorización da Administración deportiva.

Artigo 6

O enderezo social da Federación Galega de Piragüismo establécese en Pontevedra, Centro Deportivo Pontillón do Castro, r/ Gabián s/n, Verducido, CP 36151.

A Comisión Delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen ou fixeren mester, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario un acordo maioritario acadado no seo dunha Asemblea extraordinaria. En ambos os dous casos o traslado do domicilio social deberá serlle notificado aos afiliados e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Por acordo da Asemblea Xeral extraordinaria, e para efectos soamente organizativos internos, poderanse establecer delegacións da Federación nas localidades galegas que decida a citada asemblea.

CAPÍTULO II

Requisitos para ser membro da Federación Galega de Piragüismo.
Dereitos e deberes

Artigo 7

Poderán ser membros da Federación todas aquelas persoas físicas con plena capacidade de obrar, así como as persoas xurídicas, tras o acordo do seu órgano competente, sempre e cando reúnan, ademais, os seguintes requisitos:

Os clubs e outros colectivos interesados se os houber poderán integrarse, por petición propia, na Federación Galega de Piragüismo sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se atopen constituídos conforme os requisitos exixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, debendo comprometerse a cumprir os estatutos e regulamentos da Federación Galega de Piragüismo e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros poderán integrarse, por petición propia, na Federación Galega de Piragüismo sempre que teñan o seu enderezo –habitual ou temporal– e desempeñen a súa actividade deportiva en Galicia, debendo comprometerse a cumprir os estatutos e regulamentos da Federación Galega de Piragüismo e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Unha persoa física pode solicitar e obter licenza por máis dun estamento, pero non pode ter máis dunha licenza por un mesmo estamento. A licenza da Federación Galega de Piragüismo é incompatible con outra licenza polo mesmo estamento noutra federación de piragüismo do Estado español. Non se expedirá licenza a favor de quen xa estea en posesión doutra polo mesmo estamento, con independencia da federación que a expedise. Quen estando en posesión de licenza da Federación Galega de Piragüismo obteña outra licenza polo mesmo estamento noutra federación de piragüismo verá suspendida de xeito automático a da Federación Galega de Piragüismo ata que faga opción por unha delas.

Artigo 8

A integración na Federación Galega de Piragüismo levará consigo a integración automática e para todos os efectos, na federación española da mesma modalidade deportiva.

Artigo 9

1. A integración na Federación Galega de Piragüismo producirase mediante a expedición, por parte de esta da correspondente licenza federativa ou documento de afiliación ou inscrición. A dita expedición será acordada pola xunta directiva da Federación Galega.

Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a Asemblea Xeral.

2. En todo caso, para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais no ámbito autonómico será preciso estar en posesión da licenza ou do certificado de afiliación expedido pola Federación.

3. A condición de federado perderase polas seguintes causas:

a) Morte das persoas físicas o extinción das persoas xurídicas.

b) Baixa voluntaria.

c) Perda dos requisitos exixidos para integrarse na Federación declarada pola Xunta Directiva da Federación, logo de audiencia do/da interesado/a.

d) Non renovación da licenza federativa.

e) Sanción disciplinaria firme que implique a expulsión da Federación.

Artigo 10

1. Todos os membros da Federación Galega de Piragüismo teñen dereito a:

– Participar nas actividades da Federación, así como nos seus órganos de goberno e representación.

– Exercer o dereito ao voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo co disposto nos presentes estatutos.

– Ser informados respecto da composición dos órganos de goberno e representación da Federación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.

– Seren oídos con anterioridade á adopción de medidas disciplinarias acordadas contra eles, e a seren informados dos feitos que motivan tales medidas, debendo de ser motivado o acordo polo que, se é o caso, se lles impoñan sancións.

– A impugnar os acordos dos órganos da Federación que entenda contrarios á Lei e aos estatutos.

– Recibir a tutela da Federación con respecto aos seus intereses deportivos comúns e individuais.

2. Por outra banda, os membros da Federación Galega de Piragüismo teñen os seguintes deberes:

– Compartir as finalidades da Federación e traballar na súa consecución.

–Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da Federación, sen que iso obste no seu dereito de recorrer ante as instancias federativas competentes, e se é caso, ante os tribunais de xustiza ou Secretaría Xeral para o Deporte, segundo proceda, aqueles que consideren contrarios a dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

– Cumprir o resto das obrigas que se deriven das disposicións estatutarias.

CAPÍTULO III

Estrutura territorial

Artigo 11

A Federación Galega de Piragüismo estrutúrase territorialmente en delegacións de carácter provincial, sendo as mesmas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Cada delegación quedará integrada polos clubs, deportistas, adestradores e xuíces-árbitros e outros colectivos, que correspondan ao ámbito territorial.

Artigo 12

As delegacións axustarán as súas normas ás normas ditadas pola Federación Galega de Piragüismo a través dos órganos que correspondan e, directamente, do seu presidente.

Artigo 13

Os titulares das delegacións serán nomeados e cesados pola Federación Galega de Piragüismo de acordo co disposto nos presentes estatutos.

A composición do equipo directivo da delegación e a competencia deste será de libre facultade do titular da delegación, o cal lle dará conta ao presidente da Federación Galega de Piragüismo.

TÍTULO II

Dos órganos de goberno e representación

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 14

Son órganos de goberno e de representación da Federación Galega de Piragüismo a Asemblea Xeral e o presidente.

No seo da Asemblea Xeral deberá constituírse, unha comisión delegada de asistencia a esta.

Artigo 15

1. Serán órganos electivos da Federación Galega de Piragüismo o presidente, a Asemblea Xeral e a Comisión Delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e revocados libremente polo presidente coas excepcións previstas nos presentes estatutos.

2. O nomeamento ou a revogación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos dos órganos complementarios e dos comités que puidesen crearse dentro da Federación, deberán serlle comunicados a todos os membros da Asemblea Xeral e a Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, adoptarase por maioría simple; en caso de de empate o presidente terá voto de calidade.

Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

4. A presidenta ou presidente e os membros da xunta directiva ou dos órganos de dirección que se puidesen establecer estatutariamente serán persoalmente responsables, fronte á propia Federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:

a) Das obrigas que contraese a Federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado apoio contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e o alcance da obriga en cuestión, e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.

b) Das obrigas que contraese contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.

c) En xeral, dos actos ou das omisións que supoñan un prexuízo para a Federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.

5. A responsabilidade descrita na alínea anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.

6. A responsabilidade regulada neste artigo é independente da responsabilidade disciplinaria en que se puidese incorrer, e que se exixirá consonte as disposicións xerais da lei.

7. Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Piragüismo, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Ter a condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeito a corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentenza penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación especial ou absoluta para o cargo público.

e) Non estar incurso de ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reunir os requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

8. Os órganos colexiados reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, agás disposición expresa que dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple. En caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Os acordos, que poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos, recolleranse en actas, que serán debidamente compiladas e custodiadas polo secretario xeral á disposición de calquera federado que desexe consultalas ou obter certificacións. Os acordos que sexan de interese xeral ou establezan normas de obrigado cumprimento para os federados deberán publicarse ademais na páxina web e no taboleiro de anuncios da Federación.

9. Os órganos colexiados poderán reunirse en forma presencial ou mediante sistemas de comunicación tales como videoconferencia ou semellantes. Tamén poderán combinarse distintas modalidades cando algúns dos membros non poidan asistir de modo físico. En todo caso, os procedementos empregados deben garantir a identidade dos asistentes, a confidencialidade das comunicación e a certeza das mensaxes emitidas. O secretario reflectirá na acta as circunstancias relativas á comunicación e ás incidencias que se produzan.

10. Igualmente poderán adoptarse acordos sen que os membros do órgano emitan a súa vontade en tempo real ou en unidade de acto. Para tal fin os membros dos citados órganos deberán facilitar á Federación o seu enderezo de correo electrónico. Para adoptar este tipo de acordos, o secretario, por indicación do presidente, remitirá aos membros do órgano a cuestión ou proposta sobre a que se deba emitir opinión ou voto, poñendo ao seu dispor a documentación necesaria e indicando o prazo para contestar con expresión da data e hora en que remata este. O secretario levantará acta dos acordos, as votacións e cantas incidencias se produzan.

11. O previsto nos dous puntos anteriores non será aplicable á Asemblea Xeral.

12. A pertenza aos órganos de goberno e representación e aos órganos técnicos da FGP implica a dispoñibilidade para recibir e responder ás comunicacións relativas ao cargo que se desempeña. Para iso, a Federación porá a dispor de cada un dos membros dos citados órganos unha conta de correo electrónico durante o tempo que dure o seu mandato, para o cumprimento das obrigas propias do seu cargo. A conta, que é propiedade da FGP, levará no enderezo o nome da persoa á cal se lle facilita e o seu cargo, será publicada dentro da información relativa aos órganos federativos e poderá ser comunicada a terceiros para o contacto institucional, sen que tal difusión sexa considerada cesión de datos de carácter persoal. O posuínte da conta faise responsable de consultala a miúdo para o desempeño do cargo. Se algún membro dos órganos de goberno e representación ou dos órganos técnicos prefire utilizar unha conta da súa propiedade, manifestarallo á Federación comunicando o enderezo da conta que utilizará, e considerarase que a dita opción supón a autorización á FGP para publicar ou ceder a terceiros o enderezo da conta.

CAPÍTULO II

Da Asemblea Xeral

Sección 1ª. Natureza, composición, nomeamento e cesamento.

Artigo 16

A Asemblea Xeral é o órgano máximo de goberno e representación da Federación Galega de Piragüismo.

Artigo 17

A Asemblea Xeral estará constituída polo presidente da Federación e polos representantes dos clubs, os deportistas, os técnicos-adestradores, os xuíces-árbitros e outros colectivos se os houber.

Os clubs non poderán ser membros da Asemblea Xeral, se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Os compoñentes da Xunta Directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da Asemblea, con dereito a voz, pero sen voto.

Artigo 18

1. A Asemblea da Federación Galega de Piragüismo estará constituída polos membros que, unha vez iniciado cada proceso electoral, determine a Xunta Electoral unha vez proclamado o censo electoral definitivo. Tamén formará parte destas, presidíndoa, o presidente da Federación Galega de Piragüismo que resulte elixido como tal.

2. Será membro nato da Asemblea o presidente saínte, deixando de pertencer á Asemblea da Federación unha vez finalizada a votación de non resultar elixido.

3. Establécense as seguintes proporcións de cada estamento dentro da Asemblea Xeral:

Clubs 60 %.

Deportistas 25 %.

Adestradores-técnicos 10 %.

Xuíces-árbitros 5 %.

4. O número de membros da Asemblea e a súa distribución por estamentos determinaranse en cada proceso electoral de acordo coas normas emanadas da Administración deportiva de Galicia.

Artigo 19

A representación dos clubs na Asemblea Xeral corresponde ao seu presidente ou persoa que designe de acordo cos seus propios estatutos, pero a persoa designada non poderá ser membro da Asemblea Xeral por outro estamento. A presenza do club na asemblea será sempre a través do seu representante designado para tal fin no proceso electoral. Se con posterioridade cambiase a identidade do representante deberá ser comunicada formalmente á Xunta Directiva acreditando que a dita persoa cumpre as condicións, é dicir, que é o presidente do club ou foi designado para representalo de acordo cos seus estatutos. Esta comunicación deberá facerse o último día laborable anterior á reunión da asemblea á que pretenda asistir o novo representante, antes do peche da oficina da Federación.

Artigo 20

Os membros da Asamblea Xeral e da Comisión Delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan.

c) Expiración do mandato para o que foron elixidos.

d) Renuncia voluntaria ou dimisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que representan.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 21

As vacantes que se produzan na asemblea xeral antes das seguintes eleccións xerais a ela serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, a falta destes, mediante a convocatoria e celebración de eleccións parciais, sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da Asamblea.

Os elixidos para ocupar as vacantes ás que se refire o punto anterior terán o seu mandato polo tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais

Sección 2ª. Réxime de funcionamento

1. Competencias.

Artigo 22

A Asamblea Xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da Federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento.

Especialmente, son competencias da Asamblea Xeral, as seguintes:

1. A aprobación e modificación dos estatutos da Federación Galega de Piragüismo.

2. A elección, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, do presidente e da Comisión Delegada da Federación Galega de Piragüismo, así como o cesamento e a moción de censura ao presidente.

3. A aprobación e liquidación do orzamento anual da Federación Galega de Piragüismo.

4. A aprobación do programa ou calendario deportivo anual que desenvolverá Federación Galega de Piragüismo e aprobación das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5. A aprobación da creación de órganos territoriais da Federación Galega de Piragüismo.

6. A aprobación do regulamento das eleccións á Asamblea, á Comisión Delegada e ao presidente da Federación Galega de Piragüismo.

7. A aprobación do regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8. A aprobación do Regulamento de disciplina deportiva da Federación Galega de Piragüismo.

9. Calquera outra competencia da Federación que non lle estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a ningún outro órgano.

2. Convocatoria.

Artigo 23

A Asamblea Xeral será convocada polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, cun mínimo de 10 días naturais de antelación á data da súa celebración.

A convocatoria figurará no taboleiro de anuncios da Federación, e nos das felegacións territoriais desta, se as houber, e deberá incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar; ademais, deberá efectuarse notificación individual a cada un dos membros da FGP, dirixida á dirección destes, que deberá constar na Federación 30 días antes da data da convocatoria. A notificación remitirase por calquera medio que permita ter constancia da recepción, cunha antelación mínima de 48 horas. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da Asemblea, sempre e cando os membros desta recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a Asemblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre que concorra a totalidade dos membros dela.

A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, por petición fundada dunha quinta parte dos membros da Asemblea Xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a todos os membros da Asemblea Xeral, mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Piragüismo cunha antelación mínima de tres (3) días á data de celebración.

Artigo 24

O presidente da Federación Galega de Piragüismo deberá convocar unha Asemblea Xeral ordinaria anualmente, no primeiro trimestre do ano natural para tratar os asuntos propios da xestión ordinaria, e como mínimo, para a aprobación da memoria anual de actividades, a aprobación das contas anuais do exercicio anterior e a liquidación do orzamento, a aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e para o exame e consideración das propostas que formulen os membros da Asemblea, da Comisión Delegada, da Xunta Directiva ou o presidente.

Ademais, convocará unha asemblea extraordinaria no último trimestre do ano natural para a aprobación do orzamento da nova tempada.

Todas as demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Piragüismo sempre que considere oportuno, ou por petición dun número de membros dos que integran a Asemblea non inferior ao 25 %. Neste caso os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida ao presidente da Federación, indicando os puntos que compoñerán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de dez días (10) naturais desde a entrada da petición no Rexistro da Federación Galega de Piragüismo deberá convocar a Asemblea Xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, e celebrala nun prazo non superior a vinte (20) días naturais desde a convocatoria.

Caso de negativa expresa do presidente a efectuar a convocatoria, ou pasados dez (10) días desde que a solicitude fose efectuada sen ser respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a Secretaría Xeral para o Deporte para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno. Cando o presidente da Federación aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria de Asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeición a prazo nin requisito de forma ningunha, agás a citación persoal dos asembleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na Federación. En todo caso, a Asemblea requirirá como mínimo a presenza da maioría dos seus membros e, antes de analizar a orde do día, pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade, ou non, da súa celebración. En todo caso nunha Asemblea convocada de esta forma, non poderán modificarse os estatutos.

Artigo 25

Como regra xeral, a Asemblea quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

En segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

Artigo 26

Non será admisible para a formación da vontade da Asemblea Xeral, nin para o establecemento do seu quórum, o voto por correo nin a delegación do voto, e será, por tanto, necesaria a presenza física dos seus membros.

Artigo 27

As votacións no seo da Asemblea Xeral realizaranse na forma e na orde que a presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas. Cando polo menos o 25 % dos asistentes solicite unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da Asemblea Xeral.

Artigo 28

Presidirá a Asemblea Xeral, dirixirá os debates, con toda a autoridade propia do cargo, o presidente da Federación e, no seu defecto, o vicepresidente primeiro desta. O seu voto será de calidade en caso de empate.

Os acordos da Asemblea adoptaranse, como regra xeral e salvo as excepción especificamente sinaladas nestes estatutos, por maioría simple dos asistentes.

Para os efectos de cómputo de votos e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asembleístas, computarase sempre por exceso e con referencia ao número daqueles efectivamente existentes como membros da Asemblea, descontadas as vacantes.

Os asembleístas poderán formular propostas para incluír na orde do día da seguinte asemblea que se vai celebrar e terán dereito a defendelas. O mesmo dereito poderán exercer os clubs que non sexan asembleístas en cuxo caso o representante que acuda a defender a proposta, se non é asembleísta, terá dereito de voz, pero non de voto.

Artigo 29

Os acordos da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a Federación e terán forza executiva a partir da data de aprobación.

Artigo 30

A Asemblea Xeral non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poida comprometer de forma irreversible o patrimonio da Federación Galega de Piragüismo, nin a actividade que constitúe o obxecto propio desta.

En caso de dúbida, por petición dun 5 % dos membros de dereito da Asemblea será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable, por parte dos organismos da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO III

Da Comisión Delegada. Natureza, constitución
composición e funcionamento

Artigo 31

1. No seo da Asemblea Xeral deberá constituírse unha Comisión Delegada, que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e de representación da Federación.

2. A convocatoria de eleccións á Comisión Delegada realizarase coa de eleccións a presidente, conxuntamente coa convocatoria da primeira sesión da Asemblea Xeral, unha vez constituída esta.

3. A Comisión Delegada será elixida entre e pola Asemblea Xeral, mediante sufraxio igual, libre, directo e secreto, entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral. Será presidida polo presidente da FGP, como membro nato desta.

4. A Comisión Delegada de FGP estará composta por oito (8) membros, ademais do presidente, distribuídos por estamentos, da seguinte forma:

– Catro, correspondentes aos clubs deportivos, elixidos por e entre eles.

– Dous, polos deportistas, elixidos por e entre eles.

– Un, polos técnicos/adestradores, elixidos por e entre eles.

– Un, polos xuíces-árbitros, elixidos por e entre eles.

5. O presidente da Federación convocará a Comisión Delegada, que se reunirá como mínimo cada catro meses para os fins da súa competencia, e polo menos para realizar o seguimento da xestión deportiva e económica da Federación.

6. Corresponderalle á Comisión Delegada da Asemblea Xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da Federación.

e) Todas aquelas que lle foran delegadas pola Asemblea Xeral.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia Asemblea Xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na Comisión Delegada correspóndelle ao presidente ou a dous terzos dos membros da Comisión Delegada.

CAPÍTULO IV

Do presidente

Artigo 32

O presidente da Federación Galega de Piragüismo é o órgano de goberno e representación que ten a representación legal desta, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os acordos destes.

O presidente poderá nomear delegados nas localidades aprobadas pola Asemblea Xeral, que actuarán seguindo as instrución daquel e por delegación nas funcións que se lle encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos polo presidente segundo o seu criterio.

Artigo 33

Corresponde a máxima xerarquía dentro da Federación Galega de Piragüismo ao seu presidente, quen ha de presidir as reunións, una vez elixido, da Asemblea Xeral, da Comisión Delegada e da Xunta Directiva, en cuxas actuacións dirixirá os debates e contará con voto dirimente nos casos de empate.

Terá a representación legal da Federación Galega de Piragüismo e actuará no seu nome, estando obrigado a executar os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral, a Comisión Delegada e a Xunta Directiva. Designará e revogará os membros da súa Xunta Directiva, así como cantos asesores ou comisións considere oportuno.

Poderá estar asistido, con voz, pero sen voto, por cantos membros da Xunta Directiva, asesores ou comisións considere oportuno en todas as súas actuacións.

Artigo 34

O presidente ten a dirección económica, administrativa e deportiva da Federación Galega de Piragüismo, de acordo co previsto nos presentes estatutos.

Artigo 35

O presidente da Federación Galega de Piragüismo será nomeado de acordo coas normas vixentes destes estatutos. Poderá ser remunerado cando así sexa aprobado en cada exercicio económico pola maioría absoluta da Asemblea Xeral. A contía da remuneración así aprobada deberá constar de maneira diferenciada no orzamento da Federación e a dita contía en ningún caso poderá ser satisfeita con cargo a fondos públicos que perciba a Federación Galega de Piragüismo.

Artigo 36

En caso de ausencia do presidente, será substituído automaticamente polos vicepresidentes, pola súa orde.

Artigo 37

A duración do cargo de presidente será de catro anos.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considérase dimisionaria a toda a Xunta Directiva, e constituirase a Comisión Delegada en Comisión Xestora, presidida polo membro de maior idade. Esta comisión convocará a Asemblea Xeral, a cal acordará unha nova elección de presidente para cubrir a vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ao mandato ordinario.

Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, deberá de aterse ao disposto no artigo 36 destes estatutos.

Artigo 38

O desempeño do cargo de presidente será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas, agás na Federación Española de Piragüismo.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na Federación Galega de Piragüismo.

c) A persoa que resulte elixida como presidente da Federación Galega de Piragüismo deberá cesar en todo tipo de actividades directivas e técnicas no deporte específico e no ámbito territorial da Federación, de conformidade co disposto na lexislación deportiva e coa normativa emanada da Administración deportiva de Galicia.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 39

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación duna moción de censura pola Asemblea Xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade. Neste último caso, non obstante, unha vez advertida a incompatibilidade, outorgaráselle un prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente, caso contrario, cesará no seu posto como tal.

Artigo 40

A moción de censura ao presidente poderá ser presentada polos membros da Asemblea Xeral que constitúan polo menos o 20 % dela, mediante escrito presentado no Rexistro da Federación. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha Asemblea Xeral extraordinaria coa dita moción como único punto do orde do día, e propoñer un candidato alternativo á Presidencia.

No caso de prosperar a moción de censura, que se votará nun sistema de dobre volta, e deberá alcanzar a maioría absoluta de membros que compoñen a Asamblea na primeira votación, ou maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferenza. O candidato quedará investido cun mandato polo prazo que falte para concluír o período ordinario.

Para a convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria a que se refire este artigo, haberá que aterse ao disposto no artigo 22 destes estatutos. A sesión da Asemblea en que se debata a moción de censura estará presidida polo membro de maior idade desta. Non será valido nin o voto por correo, nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, poderá presentarse unha nova moción, unha vez rematada a temporada deportiva na que se presentase. Da mesma forma, de triunfar, poderase propoñer unha nova moción contra o candidato gañador, unha vez rematada a tempada deportiva en que se produza a mencionada moción.

TÍTULO III

Órganos complementarios de goberno e representación

Artigo 41

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da Federación para asistir o presidente:

a) A Xunta Directiva.

b) O secretario xeral.

c) O tesoureiro.

d) O xerente.

Artigo 42

1. A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión da Federación e os seus membros son designados e revogados libremente polo seu presidente.

O número de membros da Xunta Directiva será establecido pola Asemblea Xeral, sen que poida ser inferior a cinco (5), nin superior a quince (15).

2. O presidente elixirá entre os membros da súa Xunta Directiva un vicepresidente, que o será tamén da Federación, o cal substituirá p presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un secretario, que, pola súa vez, o será da Federación, así como un tesoureiro . Tales cargos, en canto que baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere axeitado.

3. Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións desta, con dereito a voz, pero sen voto.

4. Todos os cargos serán honoríficos, agás os de xerente, secretario e tesoureiro, que serán retribuídos. Nos demais casos, de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva, deberá ser expresamente acordada pola Asemblea Xeral e constar de xeito diferenciado no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación.

Artigo 43

Para ser membro da Xunta Directiva non será necesario formar parte da Asemblea Xeral, pero si da Federación.

Artigo 44

Os membros da Xunta Directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacante na Presidencia, sen prexuízo da súa conversión en Comisión Xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causas de inelixibilidade ou incompatibilidade.

e) Ser cesados directamente polo presidente en cumprimento das comunicación ás que se refiren estes estatutos.

Artigo 45

1. Correspóndelle á Xunta Directiva as seguintes funcións:

– Estudar e redactar as propostas que se teñan que someter á Asemblea Xeral.

– Aprobar os textos das bases de competición e circulares.

– Documentar e elaborar o orzamento da FGP.

2. Os membros da Xunta Directiva teñen a obriga de manter segredo encol das deliberacións e votacións. A dita obriga perdurará despois de cesar no seu cargo. O incumprimento constituirá infracción disciplinaria moi grave. En caso de se producir prexuízo dará dereito a reclamar o resarcimento destes.

Artigo 46

A Xunta Firectiva debe reunirse obrigatoriamente con carácter ordinario:

– Logo da elección do presidente, e unha vez designados por este os membros desta, de cara á toma de posesión dos respectivos cargos.

– Para fixar a orde do día e relatorios da Asemblea Xeral.

– Logo de realizado a Asemblea Xeral, de cara á execución dos textos que recollan os acordos adoptados nela.

– Tantas veces como proceda.

Artigo 47

1. A Xunta Directiva reunirase cando sexa convocada polo presidente da Federación, ou por petición da cuarta parte dos seus membros.

2. A convocatoria da reunión da Xunta Firectiva deberá facerse cunha antelación mínima de 8 días naturais, e acompañarase da orde do día que se vai tratar.

Non obstante, se o asunto que motiva a súa convocatoria fose urxente, bastará a comunicación aos seus membros feita con antelación de 48 horas.

Artigo 48

O presidente dirixirá as deliberacións da Xunta Directiva, concedendo e retirando a palabra aos asistentes, cabendo a limitación pola súa parte do tempo de intervención ou do número destas, sinalando as normas de orde que se vai seguir e sometendo os asuntos a votación cando considere que foron suficientemente deliberados, tomando cantas decisións poidan conducir á maior eficacia e orde das reunións.

Artigo 49

Os acordos tomaranse por maioría simple dos votos presentes e representados, isto é, cando haxa máis votos afirmativos que negativos.

En caso de empate, o voto do presidente, que será o último en emitirse, será dirimente.

Artigo 50

O secretario levantará acta de todas as reunións da xunta directiva, que recollerá os acordos, sendo referendada coas sinaturas del e máis do presidente. De cada acta remitirase unha copia a todos e cada un dos membros da Xunta Directiva.

Artigo 51

A Xunta Directiva deberá ser convocada expresamente, considerándose validamente constituída cando concorran a ela o presidente e o vicepresidente primeiro, asistindo polo menos o 50 % dos seus membros.

Artigo 52

A Xunta Directiva disporá de facultades para coidar de modo permanente e constante do goberno da Federación Galega de Piragüismo, do bo cumprimento das normas establecidas, do control dos órganos federativos e do despacho de toda clase de asuntos en todo o que lle sexa expresamente atribuído, e cuxa competencia non lle estea expresamente asignada a outros órganos da Federación.

Artigo 53

O presidente da Federación, logo de consulta á Xunta Directiva, nomeará un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e, máis especificamente, as seguintes:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Federación, con indicación dos asistentes, temas tratados, resultados das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

b) Expedir as certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Custodiar o arquivo da Federación, as actas dos órganos colexiados e a documentación dos acordos de todos os órganos federativos.

d) Cantas funcións lle encomenden os presentes estatutos e os regulamentos da Federación Galega de Piragüismo, ou lle sexan delegadas polo presidente desta.

Artigo 54

O tesoureiro da Federación Galega de Piragüismo é o órgano da administración desta.

Exercerá como funcións propias:

a) Levar a contabilidade da Federación.

b) Exercer a inspección económica de todos os órganos da Federación.

c) Elaborar e presentarlle informes á Comisión Delegada do estado contable da Federación.

Artigo 55

Os asuntos ordinarios de trámite da Federación Galega de Piragüismo serán despachados polo presidente e o secretario.

Artigo 56

1. A xerencia é o órgano de xestión e execución de todos os cometidos económicos, técnicos e administrativos da Federación Galega de Piragüismo. Á súa fronte estará o xerente.

2. O cargo de xerente é potestativo, e correspóndelle á Xunta Directiva a súa creación e o nomeamento da persoa que desempeñe o cargo.

3. O cargo de xerente será ocupado por relación laboral, sendo, conseguintemente, retribuído. O xerente poderá ser cesado no seu cargo por falta recollida na normativa laboral vixente, ou por acordo maioritario da Asemblea Xeral, logo de apertura de expediente disciplinario, por proposta da Xunta Directiva.

4. Sen prexuízo das funcións que lle asigne expresamente o presidente, correspóndelle o xerente:

a) Ter a dirección de persoal de todos os servizos.

b) Coordinar a execución dos cometidos de todos os órganos federativos.

c) Velar polo cumprimento de todas as normas xurídico-deportivas e de recoller suxestións e experiencias para estudar a súa posible aplicación.

d) Coidar da boa orde de todos os departamentos federativos, adoptando as medidas precisas para iso, repartindo funcións e encargos entre empregados e vixiando o bo estado das instalacións.

e) Ser enlace real entre a Real Federación Española de Piragüismo, as federacións autónomas, os órganos reitores da Mutualidad General Deportiva e calquera outra entidade que se relacione coa Real Federación Española de Piragüismo.

f) Presentar verbalmente ou por escrito os informes que sexan requiridos polo presidente.

g) Someter á aprobación da xunta directiva todas as súas actuacións.

h) Exercer cantas funcións lle encomenden os estatutos e normas regulamentarias da Federación.

5. O xerente terá acceso ás reunións da Xunta Directiva e ás da Asemblea Xeral, con dereito a voz, pero sen voto.

TÍTULO IV

Dos órganos técnicos e asesores

CAPÍTULO I

Comisións en xeral

Artigo 57

1. A Federación Galega de Piragüismo poderá crear, logo da aprobación pola Asemblea Xeral, cantas comisións técnicas precise, ademais das seguintes:

a) Xuíz único e comité de apelación, en materia disciplinaria.

b) Comité de xuíces-árbitros.

c) Dirección técnica.

d) Comité da liga galega de piragüismo.

e) Comité de bases KDM.

Todas as comisións rexeranse polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da Federación Española de Piragüismo, pola lexislación aplicable e polo disposto nos presentes estatutos.

Todos os presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da Federación Galega de Piragüismo. O secretario da Federación intervirá como secretario de todos os comités, con voz, pero sen voto, salvo que fose membro deles.

CAPÍTULO II

Comité de juíces árbitros

Artigo 58

No seo da Federación Galega de Piragüismo constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de xuíces ou árbitros, e o seu presidente será designado polo presidente da propia Federación.

Este comité poderá adoptar a estrutura territorial da Federación.

Serán funcións deste comité:

a) Establecer os niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os xuíces ou árbitros, en función de criterios prefixados pola Asemblea Xeral, propoñéndolle á Xunta Directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Tales clasificacións comunicaránselle á Asemblea Xeral.

c) Propoñer os candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñerlle á Xunta Directiva as normas administrativos que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral.

e) Propoñerlle á Xunta Directiva da Federación aos colexiados de competición.

f) Colaborar cos órganos competentes da Federación.

Artigo 59

A dirección técnica é o órgano técnico da Federación Galega de Piragüismo, responsable da súa dirección, planificación, execución das actividades deportivas e selección dos deportistas que integrarán o equipo galego.

1. Estará integrada por un director técnico, os secretarios técnicos e os adestradores responsables dos equipos galegos contratados pola FGP.

Poderá contar con cantos asesores considere oportunos.

Todas as súas actuacións deberán ser informadas e autorizadas polo xerente.

TÍTULO V

Réxime electoral

CAPÍTULO I

Os censos

Artigo 60

Formarán parte dos censos correspondentes a cada estamento electoral todos os membros da Federación que reúnan os requisitos establecidos nos presentes estatutos e no regulamento electoral, redactado de conformidade coa normativa emanada da Administración deportiva de Galicia.

CAPÍTULO II

A Comisión Xestora

Artigo 61

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o regulamento electoral, o presidente procederá, no prazo sinalado neste, á convocatoria de eleccións á Asemblea Xeral. A partir dese momento, a Xunta Directiva e o presidente constituiranse en Comisión Xestora, e someterán o regulamento electoral á ratificación do órgano administrativo autonómico competente en materia de deportes.

A Comisión Xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á Asemblea xeral e presidente, así como do regulamento electoral, coas medidas previstas nas disposicións federativas, a través dun medio que permita asegurar a recepción da dita notificación.

O regulamento electoral deberá expoñerse en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria de eleccións.

A Comisión Xestora administrará a Federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses, no caso de que non se presentase ningunha candidatura, ou non fose validada ningunha das presentadas.

CAPÍTULO III

Circunscrición electoral

Artigo 62

O censo electoral de clubs, deportistas, adestradores-técnicos e xuíces-árbitros confeccionarase por circunscrición electoral única, que coincidirá coa territorialidade da Federación Galega de Piragüismo, é dicir, coa Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO IV

Xunta Electoral

Artigo 63

1. A Xunta Electoral estará integrada por un total de tres (3) membros titulares e tres (3) membros suplentes, que se elixirán entre persoas que non sexan candidatos á asemblea ou presidencia; aprobarase o seu nomeamento en Asemblea Xeral extraordinaria. Terá o cargo de presidente o de maior idade.

2. De entre os membros designados, o presidente será o de maior idade e actuará como secretario o membro de menor idade.

3. Os membros da Xunta Electoral non poderán figurar como candidatos á Asemblea Xeral e presidencia da Federación.

4. A Xunta Electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolver as incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación dos membros da Asemblea Xeral e Comisión Delegada e do presidente da Federación, así como a decisión de calquera outra cuestión que afecte directamente a realización das eleccións e dos seus resultados. Unha vez feito a votación, levantará acta da votación e do reconto e remitirá a acta no órgano administrativo autonómico competente en materia de deportes no prazo máximo de tres (3) días.

5. As decisións da Xunta Electoral son executivas e formaranse por maioría de votos. En caso de empate, o voto de presidente terá carácter dirimente.

6. A Xunta Electoral continuará no seu cargo ata o nomeamento da seguinte Xunta Electoral nos seguintes comicios.

7. A Xunta Electoral adecuará a súa composición, funcionamento e competencias no que, sen contradicir o anterior, se estableza no correspondente regulamento electoral.

CAPÍTULO V

Mesas electorais

Artigo 64

Para a elección dos distintos estamentos da Asemblea Xeral, do presidente e da Comisión Delegada, constituiranse unha ou varias mesas electorais na forma establecida no regulamento electoral. Os membros desas mesas non poderán ser candidatos e axustaranse no seu funcionamento ás normas que establezan no regulamento electoral.

CAPÍTULO VI

Recursos

Artigo 65

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á Xunta Electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva. Así mesmo, caberá recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva contra todos os actos, acordos ou resolucións da Xunta Electoral ou calquera outro órgano ou membro da Federación en materia electoral.

CAPÍTULO VII

Elección da Asemblea Xeral

Artigo 66

1. Os membros da Asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo por e entre todos os compoñentes da Federación.

2. As eleccións á Asemblea Xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con todos os requisitos que se establecesen no regulamento electoral, que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da Federación, quen asinará a dita convocatoria.

4. Desde a convocatoria para a realización desta Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o presidente constituíranse en Comisión Xestora, de acordo co disposto no artigo 61 dos presentes estatutos.

Artigo 67

Para ser candidato a membro da Asemblea Xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 15.5 destes estatutos, así como os que en cada caso se sinalen no correspondente regulamento electoral, redactado consonte a normativa vixente en cada momento.

Os requisitos exixidos para seren electores ou elixibles deberán estar cumpridos na data en que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 68

As eleccións á Asemblea Xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes aos estamentos integrantes dela de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 69

Os representantes das entidades deportivas na Asemblea Xeral serán elixidos entre os seus representantes de cada circunscrición electoral dos que integran o censo de entidades deportivas inscritas no rexistro público da Federación e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que no momento de convocarse as eleccións cumprisen cos requisitos que se sinalen no correspondente regulamento electoral.

Artigo 70

Os representantes dos deportistas da asemblea serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que teñan licenza en vigor expedida pola Federación no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, polo menos, durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Piragüismo ou pola Federación Española da mesma especialidade coa aprobación ou intervención daquela, sempre e cando cumpran os restantes requisitos que se sinalen no correspondente regulamento electoral, debidamente aprobado en Asemblea Xeral extraordinaria.

Naquelas modalidades onde non exista competición ou actividade oficial abondará estar en posesión da licenza federativa e os requisitos de capacidade anteriormente mencionados.

Artigo 71

Os representantes técnicos-adestradores e dos xuíces-árbitros na Asemblea Xeral serán elixidos por entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licenza en vigor no momento da convocatoria de eleccións e tamén a tivesen, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participasen en actividades ou competicións de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Piragüismo ou a Federación Española da mesma modalidade coa a probación ou intervención daquela, sempre e cando cumpran os restantes requisitos que se sinalen no correspondente regulamento electoral, debidamente aprobado en Asamblea Xeral Extraordinaria.

CAPÍTULO VIII

Elección do presidente

Artigo 72

O presidente da Federación Galega de Piragüismo será elixido pola Asemblea Xeral, previamente constituída, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, sen que teña que ser membro desta, e non poderá desempeñar ningunha outra actividade directiva ou de representación dentro da propia estrutura federativa. Para que a elección de presidente sexa válida será necesaria a presenza, no momento de iniciarse esta, de polo menos, a metade máis un do total dos membros da Asemblea. Procedéndose á votación en segunda convocatoria, esta será válida, con independencia do número de presentes.

Artigo 73

A elección de presidente levarase a cabo segundo o previsto no regulamento electoral probado consonte as normas emanadas da Administración deportiva de Galicia.

Artigo 74

Para poder ser candidato a presidente da Federación, haberán de reunirse as condicións seguintes:

a) Ter a condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite, ditada polos órganos disciplinarios da Federación ou polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.

d) Non estar condenado mediante sentenzia xudicial firme que leve anexa a pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

Artigo 75

A votación será libre, igual, secreta e directa. Non se admitirá o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

CAPÍTULO IX

Elección da Comisión Delegada

Artigo 76

1. A Comisión Delegada será elixida entre e pola Asemblea Xeral, mediante sufraxio igual, libre, directo e secreto, entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral. Será presidida polo presidente da FGP, como membro nato desta.

2. A comisión delegada de FGP estará composta por oito (8) membros, ademais do presidente, distribuídos por estamentos, da seguinte forma:

Catro, correspondentes aos clubs deportivos, elixidos por e entre eles.

Dous deportistas, elixidos por e entre eles.

Un técnico/adestrador, elixidos por e entre eles.

Un xuíz-árbitro, elixido por e entre eles.

3. A convocatoria de eleccións á Comisión Delegada realizarase coa de eleccións a presidente, conxuntamente coa convocatoria da primeira sesión da Asemblea Xeral.

TÍTULO VI

Réxime económico

Artigo 77

A Federación Galega de Piragüismo está sometida ao réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única.

O tesoureiro someterá á Asemblea Xeral ordinaria o balance de situación, as contas de ingresos e gastos, a memoria económica e a liquidación do orzamento, todo iso referido á tempada anterior. Ademais, nunha asemblea extraordinaria que se realizará no último trimestre do ano natural someterá á asemblea o orzamento para a nova tempada. Todos eses documentos, una vez aprobados, serán remitidos á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario, salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A Federación elaborará unha memoria que analizará finalmente a actividade económica da Federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informará separadamente, como mínimo, sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenzas dos ingresos e contribucións, segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servizos prestados pola federación, permisos, licenzas e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos distinguindo, como mínimo, os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da Federación.

b) Enderezo e servizos da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construción e outros inmobilizados.

g) Formación doutros deportistas e técnicos.

h) Deportes de elite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdicionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da Federación cunha antelación mínima de quince (15) días á data de realización da asemblea xeral, e á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto nela, as cales poderán pedir unha copia, que se lles entregará antes da realización da asemblea.

Artigo 78

1. A Federación Galega de Piragüismo ten orzamento e patrimonio propios e deberá someter a súa contabilidade e o seu estado económico ou financeiro ás prescricións legais. O seu exercicio económico comeza o 1 de novembro e remata o 31 de outubro.

2. O patrimonio da Federación estará integrado por:

a) Cotas dos seus afiliados.

b) Dereitos de inscrición e demais recursos que procedan das competicións organizadas pola federación.

c) Rendementos dos bens propios.

d) Subvencións, ou outras achegas, que as entidades públicas poidan concederlle, así como doazóns, herdanzas, legados e premios que lle sexan outorgados por entidades públicas ou privadas.

e) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído.

3. Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou para o gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lles corresponda á Federación que fosen financiadas, en todo ou en parte, con fondos públicos. Así mesmo, requirirase igual autorización cando a Federación pretenda comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulneren os criterios que regulamentariamente se determinen. Esta autorización poderase consignar nos contratos programa que poidan ser asinados entre a Administración deportiva autonómica e a Federación para o desenvolvemento das súas actividades e funcións.

4. A federación aprobará en asemblea, e durante o último trimestre do seu exercicio económico, o orzamento correspondente ao seguinte exercicio. Este orzamento debe ser equilibrado e non deficitario e enténdese condicionado, no que ás subvencións públicas se refire, ás condicións de aprobación dos orzamentos de Galicia. O devandito orzamento deberá remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.

5. Nos casos nos que regulamentariamente se determine, por requirimento da Administración deportiva, a Federación deberá aprobar un plan de saneamento dos seus estados financeiros.

6. A Administración autonómica poderá someter a xestión, a contabilidade e o estado económico-financeiro da Federación a unha auditoría ou verificación contable, previa ou posteriormente á concesión de subvencións e axudas, nos termos que regulamentariamente se determinen.

7. Cada ano a Federación depositará o orzamento e as contas anuais, ou un resumo destas, no Rexistro de Entidades Deportivas ou noutros rexistros públicos que poidan resultar competentes en cumprimento da lexislación vixente.

8. As licenzas federativas serán incrementadas bianualmente conforme as subidas que experimente o IPC nas ditas anualidades. O dito incremento será de aplicación unicamente sobre a cota federativa autonómica. Exclúese dito incremento a cota correspondente o seguro deportivo e o canon nacional, que serán actualizados en función dos prezos marcados tanto pola entidade aseguradora como pola RFEP, ou calquera outro concepto futuro que se puidese aplicar no custo das licenzas.

O incremento aplicarase sobre o importe da cota federativa vixente en cada revisión. Incrementando o IPC do primeiro ano sobre a cota vixente e sobre a resultante deste incremento aplicarase o IPC do segundo ano, dando lugar á cota actualizada en cada revisión.

Artigo 79

A Federación destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 80

1. A xestión económica ordinaria será por conta do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións cobramentos e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura mancomunada coa do presidente ou coa do vicepresidente autorizado, ou, se é o caso, coa do xerente, todos os documentos de movementos de fondos. Será responsable da levanza e custodia dos libros de contabilidade.

Formulará os balances anualmente que deberán presentarse á Asemblea Xeral para a súa aprobación.

2. Requirirase acordo favorable da Xunta Directiva para:

a) Allear bens do patrimonio federativo.

b) Acordar quitas ou esperas con clientes ou debedores.

c) Transixir en xuízo ou fora del renunciando a dereitos de contido económico.

d) Concluír contratos que impliquen desembolsos superiores a seis mil euros.

e) Contratar ou despedir persoal.

f) Solicitar préstamos ou créditos.

3. Será necesario acordo favorable da Asemblea Xeral para realizar calquera negocio xurídico que implique allear bens ou gravar o patrimonio federativo cando o valor do negocio supere o 25 % do orzamento federativo ou cen mil euros. Neste caso será preciso ademais informe favorable da Administración deportiva de Galicia.

TÍTULO VII

Réxime documental

Artigo 81

O réxime documental da Federación comprenderá, como mínimo, os seguintes libros correctamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada de documentos e de comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs no que constará a denominación destes o domicilio social e número inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que realizar todos os órganos colexiados da Federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro dos membros da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada no que deberán constar os nomes dos titulares ou representantes legais así como os domicilios para citacións ou comunicacións.

Artigo 82

O réxime documental será por conta do secretario, ao cal lle corresponderá a custodia dos libros da Federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto bo e prace do presidente, expedir certificacións e, en xeral, preparar a resolución e despacho de todos os asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da Federación ou a persoa na que el delegue.

TÍTULO VIII

Réxime disciplinario

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 83

1. A Federación ten potestade, en materia de disciplina deportiva, sobre todas as persoas que formen parte da súa estrutura orgánica, as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos e en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federados, desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

2. A potestade disciplinaria da Federación ten por obxecto a investigación e a sanción das infraccións das regras do xogo ou competición e as infraccións das normas xerais deportivas cometidas no ámbito da Federación Galega de Piragüismo.

Artigo 84

1. Son infraccións das regras do xogo ou competición as accións ou omisións cometidas durante o curso do xogo ou competición que alteren, perturben ou impidan o seu normal desenvolvemento. Só serán perseguibles pola Federación Galega de Piragüismo as cometidas en probas que sexan competencia dela.

2. Son infraccións ás normas xerais deportivas as accións ou omisións non comprendidas no punto anterior que vulneren calquera norma de aplicación no ámbito deportivo ou os principios reitores do comportamento deportivo.

Artigo 85. Infraccións sancionables

Para que as infraccións previstas no artigo anterior sexan sancionables deben concorrer as seguintes condicións:

a) Culpabilidade no infractor, polo menos en grao de neglixencia.

b) Tipificación anterior á comisión da infracción.

Para determinar a existencia dunha infracción disciplinaria teranse en conta os principios do dereito penal coas necesarias adaptacións á disciplina deportiva. En ningún caso será eximente de responsabilidade a minoría de idade.

Artigo 86. Circunstancias modificativas da responsabilidade

1. Son circunstancias atenuantes:

a) A provocación suficiente que suscitase a reacción.

b) O arrepentimento espontáneo.

2. Son circunstancias agravantes da responsabilidade:

a) A reincidencia, que consiste en ter sido sancionado o infractor por unha falta de igual ou maior gravidade ou varias de menor gravidade cometidas no prazo dun ano anterior á comisión da que se está xulgando.

b) Ter mediado prezo na comisión da infracción.

c) Ter ocasionado prexuízo económico.

d) Ter afectado un elevado número de persoas.

3. Na aplicación das circunstancias modificativas teranse en conta as seguintes regras:

a) Cando non concorran circunstancias modificativas, aplicaranse as sancións previstas para a infracción cometida.

b) Se concorren circunstancias atenuantes aplicaranse as sancións previstas para infraccións de gravidade inferior nun grao á cometida, e se esta fose leve, imporase a de apercibimento.

c) Se concorren circunstancias agravantes aplicaranse as sancións previstas para as infraccións de gravidade superior nun grao á cometida, e se esta fose moi grave se poderá sancionar coa inhabilitación a perpetuidade.

d) Se concorren circunstancias atenuantes e agravantes compensaranse unhas e outras.

Artigo 87. Extinción da responsabilidade

1. A responsabilidade disciplinaria extínguese por:

a) Falecemento do inculpado.

b) Disolución da entidade responsable.

c) Cumprimento da sanción imposta.

d) Prescrición de infraccións ou sancións.

2. Cando unha persoa ou entidade que estea pendente de cumprir unha sanción ou suxeita a un expediente en trámite, perda a condición de afiliado á Federación a súa responsabilidade disciplinaria quedará en suspenso durante un período de tres anos. Se dentro dese prazo volve tramitar a licenza, o tempo transcorrido non se computará para efectos de prescrición de infraccións e sancións.

3. Ninguén poderá ser sancionado dúas veces polos mesmos feitos no ámbito disciplinario deportivo.

4. Para evitar a impunidade das infraccións cometidas por entidades deportivas, os órganos disciplinarios poderán apreciar a sucesión entre entidades cando exista entre elas unha conexión evidente de persoas ou cousas que revele na realidade dunha única entidade aínda que existan varias personalidades xurídicas. En tales casos, as entidades cuxa responsabilidade se acorde deberán ser chamadas ao expediente como interesadas, e se a responsabilidade se apreciase en fase de execución dunha resolución, concederase ás ditas entidades un prazo de alegacións antes de derivar cara a elas a responsabilidade.

Artigo 88. Órganos disciplinarios

1. A potestade disciplinaria da FGM será exercida polos seguintes órganos:

– O xurado ou o árbitro durante o desenvolvemento das probas sobre as persoas que tomen parte nestas.

– O xuíz único en primeira instancia e o comité de apelación en segunda sobre todas e cada unha das persoas e entidades sometidas ao ámbito da Federación.

2. O xuíz único será licenciado en dereito. O comité de apelación estará formado por tres membros, un dos cales tamén deberá ser licenciado en dereito. O nomeamento de todos eles corresponderá ao presidente da Federación, logo de audiencia da Xunta Directiva, e poderá recaer en persoas alleas á Federación. A duración do cargo coincidirá co mandato do presidente que os nomeou, ben que considerará prorrogado en tanto non se proceda ao seu cesamento formal ou a un novo nomeamento. Durante o seu mandato poderán cesar por renuncia ou dimisión, falecemento, incapacidade física ou psíquica ou sanción que os inhabilite para o cargo.

CAPÍTULO II

Infraccións e sancións

Artigo 89. Clasificación das infraccións

As infraccións disciplinarias clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 90. Infraccións comúns moi graves

Considéranse infraccións comúns moi graves:

a) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba, encontro ou competición.

b) Os comportamentos e actitudes agresivos e antideportivos ou discriminatorios dos xogadores ou técnicos, cando se dirixan ao árbitro, aos xurados, a outros xogadores, técnicos ou ao público.

c) Os quebrantamentos de sancións impostas.

d) A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas de cada deporte cando poidan alterar a seguridade da proba, do encontro ou da competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.

e) Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva. Desta infracción poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

f) A inasistencia sen xusta causa dos deportistas ás convocatorias da selección galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia. Para estes efectos, a convocatoria enténdese referida tanto aos adestramentos ou concentracións como á realización efectiva da proba ou competición.

g) A aliñación indebida e non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, dos encontros ou das competicións.

h) A reincidencia na comisión de faltas graves. Entenderase que hai reincidencia na comisión cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período dun ano.

i) Os comportamentos, actitudes e xestos agresivos, antideportivos ou discriminatorios, cando se dirixan a árbitros, a organizadores, a directivos, a deportistas ou ao público.

j) Os actos notorios e públicos que atenten a dignidade ou decoro deportivos, cando revistan unha especial gravidade.

k) A participación indebida, a incomparecencia ou a retirada inxustificada das probas, a suplantación dun deportista por outro ou a non participación nunha competición na que estivese inscrito, sen consentimento previo da Federación.

l) A organización ou a participación en probas ou actividades realizadas en Galicia sen aprobación da Federación Galega de Piragüismo ou realizadas fóra de Galicia incumprindo as normas da respectiva federación de piragüismo autonómica, nacional ou internacional.

m) As protestas, intimidacións ou coaccións colectivas ou tumultuarias que alteren o normal desenvolvemento dunha proba.

n) As protestas individuais airadas e ostensibles realizadas publicamente contra árbitros e demais autoridades deportivas con desprezo da súa autoridade.

o) A falsificación dunha licenza ou o facilitación de datos ou circunstancias falsos para obter unha licenza.

p) Incumprir as normas organizativas das probas de forma que poña en perigo a seguridade de participantes ou público.

Artigo 91. Infraccións moi graves dos árbitros ou membros dos xurados das probas

Son infraccións moi graves específicas dos árbitros e membros do xurado dunha proba:

a) A toma de decisións ou adopción de medidas a sabendas da súa improcedencia.

b) A falsidade na redacción das actas ou informes, sexa por incluír datos que se saben incertos, sexa por omitir os que se saben certos.

c) A desatención manifesta das súas obrigas no desempeño da súa función.

Artigo 92. Infraccións graves

Teñen a consideración de infraccións graves:

a) A falta de remisión en prazo ou de forma manifestamente incompleta, sen xusta causa, dos expedientes ou da información requirida polo Comité Galego de Xustiza Deportiva.

b) O incumprimento de ordes e instrucións emanadas dos órganos deportivos competentes.

Das infraccións ás que se refiren as letras a) e b) poderá ser responsable a presidenta ou o presidente da Federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que poidan incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.

c) Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e o decoro propios da actividade deportiva.

d) A reiteración de faltas leves. Entenderase que hai reiteración cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período dun ano.

e) A desobediencia ás indicacións dos árbitros, xuíces, directivos e demais autoridades deportivas.

f) Os actos notorios e públicos que atenten a dignidade ou o decoro deportivos cando non revistan o carácter de infracción moi grave.

g) O exercicio de actividades públicas ou privadas declaradas incompatibles coa actividade ou función deportiva desempeñada.

h) Os insultos, ofensas e expresións vexatorias a deportistas, árbitros, directivos ou público cando non revistan o carácter de infracción moi grave.

i) A manipulación ou alteración, persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas do piragüismo, cando no alteren a seguridade da proba ou competición nin poñan en perigo a integridade das persoas.

j) Incumprir as normas organizativas das probas sen ocasionar perigo para a seguridade dos participantes ou público.

k) Non abandonar o campo de regatas unha vez descualificado ou excluído na saída.

l) Non abandonar o terreo de xogo ao recibir un cartón vermello.

Artigo 93. Infraccións leves

1. Considéranse infraccións de carácter leve:

a) As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.

b) A incorrección co público, cos xuíces, cos directivos, cos compañeiros e cos subordinados.

c) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces, árbitros e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.

d) O descoido na conservación e coidado dos locais sociais, instalacións deportivas e outros medios materiais.

e) Non exhibir a licenza no momento previsto polo regulamento de cada competición.

f) Acumular catro cartóns vermellos nunha mesma tempada.

g) Dirixirse a recoller trofeos de xeito indecoroso ou sen a uniformidade do equipo ao que pertence o deportista.

h) Non recoller o trofeo o deportista premiado ou outra persoa no seu nome (neste caso con permiso do xuíz árbitro).

i) Dirixir a embarcación en sentido contrario ao da proba ou competición co fin de dar ola ou axudar (non socorrer) outros competidores.

j) A lixeira deficiencia na organización das regatas sen perigo para as persoas nin a seguridade da proba.

k) Non entregar as actas arbitrais nos prazos establecidos.

Artigo 94. Sancións por infraccións comúns moi graves

Pola comisión de infraccións comúns moi graves poderán impoñerse as seguintes sancións:

a) Multa de 300 a 1.500 €.

b) Perda de puntos ou postos na clasificación.

c) Perda de ascenso de categoría ou división.

d) Clausura do recinto deportivo por un período máximo dunha tempada.

e) Suspensión ou privación da licenza federativa ou, de ser o caso, da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, ou da habilitación para ocupar cargos na Federación por un prazo máximo de cinco anos.

f) Privación da licenza federativa, cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou privación da habilitación para ocupar cargos na Federación a perpetuidade. Esta sanción só se poderá acordar, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

g) Inhabilitación por un período de dous a catro anos, cando as infraccións sexan cometidas por directivos.

h) Inhabilitación para organizar actividades por un período de un a cinco anos.

Artigo 95. Sancións por infraccións graves

Pola comisión das infraccións graves, poderán impoñerse as seguintes sancións:

a) Amoestación pública.

b) Multa de ata 1.000 €.

c) Clausura do recinto deportivo ata un máximo de catro encontros ou tres meses.

d) Perda de puntos ou postos na clasificación.

e) Suspensión temporal de licenza por un período de un mes a dous anos.

f) Inhabilitación temporal para organizar actividades por un período de un mes a dous anos.

g) Inhabilitación temporal para ocupar cargos en entidades deportivas por un período de un mes a dous anos.

h) Inhabilitación temporal para actuar como árbitro ou membro dun xurado por un período de un mes a dous anos.

Artigo 96. Sancións por infraccións leves

Pola comisión de infraccións leves, poderá acordarse a imposición das seguintes sancións:

a) Apercibimento.

b) Suspensión temporal de licenza por período non superior a un mes.

c) Inhabilitación temporal para organizar actividades por período non superior a un mes.

d) Inhabilitación temporal para ocupar cargos en entidades deportivas por período non superior a un mes.

e) Inhabilitación temporal para actuar como árbitro ou membro dun xurado por un período non superior a un mes.

Artigo 97. Regras para a imposición de sancións

1. As sancións pecuniarias poderán impoñerse ás entidades deportivas. Tamén poderán impoñerse a aquelas persoas físicas que perciban retribución polo seu labor.

2. Para graduar a imposición das sancións pecuniarias e as temporais, o intervalo previsto dividirase en tres graos iguais. O órgano disciplinario imporá a sanción no seu grao medio, agás que aprecie motivos para impoñela en grao mínimo ou máximo; neste caso deberá fundamentar esa decisión.

3. A resolución que acorda a imposición dunha sanción poderá acordar así mesmo consecuencias accesorias tales como o cumprimento da obriga que den orixe á sanción ou realizar os actos encamiñados a corrixir os efectos da infracción.

4. As entidades deportivas responderán solidariamente das sancións pecuniarias impostas aos seus profesionais ou directivos.

5. Cando, no curso dun procedemento e antes da súa resolución, entre en vigor unha modificación normativa que afecte a cualificación e/ou sanción dos feitos, resultará de aplicación a norma máis favorable ao autor da infracción, incluso con aplicación retroactiva.

Artigo 98. Alteración de resultados

Con independencia das sancións que poidan corresponder, os órganos disciplinarios terán a facultade de alterar o resultado das probas no caso de terse demostrado a súa predeterminación mediante prezo, intimidación ou simples acordos. Tamén poderán alterar os resultados en supostos de participación indebida e en todos aqueles nos que a infracción cometida puidese repercutir de xeito grave no resultado da proba.

Artigo 99. Prescrición

1. As infraccións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo sexan moi graves, graves ou leves, comezando a contarse o prazo o día seguinte ao da comisión da infracción. O prazo interromperase pola iniciación do procedemento sancionador, pero se este permanecese paralizado durante tres meses por causa non imputable á persoa ou entidade suxeita ao este, volverá correr o prazo correspondente, interrompéndose de novo a prescrición ao continuarse a tramitación do expediente.

2. As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves, comezando a contarse o prazo desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde que se quebrantase o seu cumprimento se este xa comezase.

Artigo 100. Executividade e suspensión das sancións

1. As sancións impostas serán inmediatamente executivas. Por petición fundada e expresa do/da interesado/a, os órganos disciplinarios deportivos poderán suspender razoadamente a execución das ditas sancións, sen que a mera interposición de reclamacións ou recursos paralice ou suspenda a súa execución.

2. Se é o caso, para o outorgamento da suspensión da executividade dos actos recorridos valorarase se o cumprimento da sanción pode producir prexuízos de difícil ou imposible reparación.

3. As sancións pecuniarias non suspendidas deberán cumprirse no prazo de quince días desde a executividade da resolución en que foron impostas. O impago das sancións pecuniarias terá a consideración de quebrantamento de sanción.

4. En execución das súas resolucións, os órganos disciplinarios poderán acordar a retención de cantidades que deban ser aboadas por ou a través da Federación á persoa ou entidade sancionada, e reter o seu importe para facer fronte a sancións pecuniarias.

Artigo 101. Medidas cautelares

En calquera momento do procedemento, o órgano disciplinario poderá acordar medidas cautelares para garantir a efectividade da resolución que finalmente se impoña ou para evitar os efectos das condutas obxecto do procedemento. En todo caso, a resolución que acorda a adopción de medidas cautelares deberá ser motivada.

CAPÍTULO III

Procedemento disciplinario

Artigo 102. Necesidade de expediente disciplinario

1. Unicamente poderanse impoñer sancións disciplinarias en virtude de expediente instruído para efecto de acordo cos procedementos regulados no presente título.

2. No non previsto nos presentes estatutos, serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 3/2012, do deporte de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 103. Rexistro de sancións

Os órganos disciplinarios levarán un rexistro de sancións impostas, para efectos, entre outros, da posible apreciación de causas modificativas da responsabilidade e do cómputo dos prazos de prescrición de infraccións e sancións.

Artigo 104. Condicións dos procedementos

Son condicións xerais e mínimas dos procedementos disciplinarios:

a) Os xurados ou árbitros exercen a potestade disciplinaria durante o desenvolvemento das probas ou competicións de forma inmediata, e contra as súas decisións poderase interpor recurso ante o xuíz único da Federación no prazo de tres días naturais, que se tramitará polo procedemento abreviado.

b) As actas subscritas polos xurados ou árbitros da competición constituirán medio documental necesario no conxunto da proba das infraccións ás regras do xogo ou competición. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a estas subscritas polos propios xuíces ou árbitros, ben de oficio ben por solicitude do órganos disciplinarios. Iso, non obstante, os feitos relevantes para o procedemento e a súa resolución poderán acreditarse por calquera medio de proba, e os/as interesados/as poderán propoñer que se practique calquera proba ou achegar directamente cantas sexan de interese para a correcta resolución do expediente.

c) As declaracións do xurado ou árbitro presúmense certas, salvo erro manifesto ou proba en contrario.

d) Calquera persoa ou entidade, cuxos dereitos ou intereses lexítimos poidan verse afectados pola tramitación dun procedemento disciplinario deportivo, poderá presentarse neste, tendo desde entón e para os efectos de notificacións e de proposición e práctica da proba, a consideración de interesado/a. A solicitude de persoamento deberá ser razoada e será competencia do órgano disciplinario aceptar ou non a comparecencia se aprecia a concorrencia de circunstancias que a xustifiquen. A denegación da comparecencia poderá ser recorrida en apelación no prazo de cinco días.

e) Ao ter coñecemento dunha suposta infracción das normas deportivas, o xuíz único poderá acordar a instrución dunha información reservada antes de ditar a providencia en que se decida a incoación do expediente ou, se é o caso, o arquivamento das actuacións.

Artigo 105. Concorrencia de responsabilidades deportivas e penais

1. Os órganos disciplinarios deportivos competentes deberán, de oficio ou por instancia do instrutor do expediente, comunicar ao ministerio fiscal aquelas infraccións que puidesen revestir caracteres de delito ou falta penal perseguible de oficio.

2. En tal caso os órganos disciplinarios deportivos poderán acordar a suspensión do procedemento, segundo as circunstancias concorrentes, ata que recaia a correspondente resolución xudicial. En cada suposto concreto os órganos disciplinarios valorarán as circunstancias que concorran neste, co fin de acordar motivadamente a suspensión ou a continuación do expediente disciplinario deportivo ata a súa resolución e imposición de sancións, se procedese.

3. No caso de que se acordase a suspensión do procedemento poderán adoptarse medidas cautelares mediante providencia notificada a todas as partes interesadas.

Artigo 106. Abstención e recusación

1. Aos membros dos órganos disciplinarios e ás persoas que exerzan as funcións de instrutor e secretario seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación previstas na lexislación do Estado para o procedemento administrativo común.

2. O dereito de recusación poderá ser exercido polos/as interesados/as no prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao que teñan coñecemento da correspondente providencia de nomeamento, ante o mesmo órgano que a ditou, o cal deberá resolver no termo de tres días.

3. Contra as resolucións adoptadas non se dará recurso, sen prexuízo da posibilidade de alegar a recusación ao interpoñer o recurso administrativo ou xurisdicional que proceda contra o acto que poña fin ao procedemento.

Artigo 107. Medidas provisionais

1. Iniciado o procedemento e con suxeición ao principio de proporcionalidade, o xuíz único poderá adoptar as medidas provisionais que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer. A adopción de medidas provisionais poderá producirse en calquera momento do procedemento, ben de oficio ben por proposta razoada do instrutor. O acordo de adopción deberá ser debidamente motivado.

2. Non se ditarán medidas provisionais que poidan causar prexuízos irreparables.

Artigo 108. Acumulación de expedientes

O xuíz único poderá, de oficio ou por solicitude de interesado/a, acordar a acumulación de expedientes cando se produzan as circunstancias de identidade ou analoxía razoable e suficiente, de carácter subxectivo ou obxectivo, que fagan aconsellable a tramitación e resolución únicas. A providencia de acumulación será comunicada as persoas interesadas no procedemento e contra ela non caberá recurso.

Artigo 109. Impulso de oficio

O xuíz único e, se é o caso, o instrutor ordenarán a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos, así como para a fixación das infraccións susceptibles de sanción.

Artigo 110. Procedemento abreviado

1. Tramitarase polo procedemento abreviado a sanción das infraccións das regras do xogo ou competición.

2. O procedemento abreviado poderá iniciarse:

a) A partir da acta da proba ou competición, que reflicte os feitos que poden dar lugar á sanción ou, se é o caso, a partir do anexo á acta ou documento no que queden reflectidos os feitos obxecto de axuizamento. Ademais, designarase unha persoa instrutora, que exercerá as funcións de impulso na ordenación do expediente e de secretaria ou secretario, e serán aplicables as causas de abstención e recusación reguladas na Lei 40/2015, do 1 de outubro.

b) Por instancia da parte interesada, sempre que a denuncia se presente nas dependencias da Federación dentro do segundo día hábil seguinte ao día en que se realizase a proba ou competición.

3. No prazo de dous días a partir da notificación da incoación de expediente, os interesados poderán formular alegacións en relación cos feitos consignados na acta, no anexo ou na denuncia. Tamén poderán propoñer ou achegar, se é o caso, as probas pertinentes. A proba deberá practicarse no prazo máximo dos dous días hábiles seguintes ao da súa admisión.

4. O órgano instrutor trasladaralle, no prazo máximo de dous días, que se contarán a partir da presentación de alegacións ou da práctica da proba ou da súa denegación, ao órgano competente para resolver a proposta de resolución, para que, dentro do día seguinte, se dite resolución na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizase con anterioridade. A resolución deberáselles notificar ás persoas interesadas, con expresión dos recursos que se poidan formular contra ela e do prazo para a súa interposición.

Artigo 111. Procedemento ordinario

1. Tramitarase polo procedemento ordinario a imposición de sancións por infraccións ás normas xerais deportivas. O dito procedemento axustarase aos principios e regras do dereito administrativo sancionador coas adaptacións que procedan ao ámbito deportivo.

2. O procedemento iníciase por acordo do órgano competente, de oficio ou por instancia de persoa interesada. O acordo de incoación conterá a identidade do instrutor e, se é o caso, do secretario, da autoridade competente para impoñer a sanción e a norma que lle atribúa tal competencia, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberá serlle notificado ás persoas interesadas.

3. O acordo de incoación notificarase ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de cinco días para contestar os feitos e propoñer a práctica das probas que conveñan na defensa dos seus dereitos e intereses.

4. Practicaranse de oficio, ou admitiranse por proposta da persoa interesada, cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Soamente poderán declararse improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.

5. Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable –e nese caso conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer– ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivamento das actuacións.

6. A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de cinco días para formular alegacións e presentar os documentos que consideren pertinentes.

7. Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, elevará o expediente ao órgano competente para resolver. A resolución do órgano competente pon fin ao procedemento común e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.

Artigo 112. Notificacións

1. Toda providencia ou resolución que afecte os interesados no procedemento disciplinario deportivo será notificada a aqueles no prazo máis breve posible, co límite máximo de dez días hábiles.

2. As notificacións realizaranse de acordo coas normas previstas na lexislación do procedemento administrativo común. Será válida a comunicación mediante correo certificado con xustificante de recepción.

3. Cando se teña intentada sen éxito a notificación persoal a un/unha interesado/a, poderase intentar a través da entidade deportiva a que estea afiliado ou, no seu defecto, poderase practicar a notificación mediante publicación no taboleiro de anuncios da Federación.

4. As notificacións deberán conter o texto íntegro da resolución coa indicación de se é ou non definitiva, a expresión das reclamacións ou recursos que procedan, órgano ante o que tivesen que presentarse e prazo para interpoñelas.

Artigo 113. Recursos

1. As resolucións ditadas polo xuíz único poñendo fin ao procedemento poderán ser recorridas no prazo máximo de dez días hábiles, ante o Comité de Apelación.

2. As resolucións ditadas polo Comité de Apelación poderán ser recorridas no prazo máximo de dez días hábiles ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

3. Os recursos e as reclamacións contra providencias e actos de trámite para os que non se prevexa un prazo expreso deberán ser interpostos no prazo de tres días.

Artigo 114. Cómputo de prazos de recursos ou reclamacións

O prazo para formular recursos ou reclamacións contarase a partir do día seguinte hábil ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se non o for contarase desde o día seguinte a aquel en que deba entenderse desestimada a petición, reclamación ou recurso.

Artigo 115. Contido das resolucións do Comité de Apelación

1. A resolución dun recurso confirmará, revogará ou modificará a decisión recorrida, e non poderá, en caso de modificación, derivarse maior prexuízo para o/a interesado/a, cando este sexa o único recorrente.

2. Se o Comité de Apelación estimase a existencia de vicio formal, poderá ordenar a retroacción do procedemento ata o momento en que se produciu a irregularidade, con indicación expresa do modo en que deba corrixirse.

3. O Comité de Apelación poderá, excepcionalmente, acordar a práctica dalgunha dilixencia probatoria antes de ditar resolución.

Artigo 116. Desestimación presunta de recursos

A resolución expresa dos recursos deberá producirse nun prazo non superior a trinta días. En todo caso, e sen que iso supoña a exención do deber de ditar resolución expresa, transcorridos trinta días hábiles sen que se dite e notifique a resolución do recurso interposto, enténdese que este foi desestimado, quedando expedita a vía procedente.

TÍTULO IX

Modificación dos estatutos

Artigo 117

Os estatutos da Federación só poden ser modificados pola Asemblea Xeral e de acordo có establecido nos presentes estatutos.

Artigo 118

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou a Comisión Delegada da Federación, que presentará á asemblea o texto da reforma que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos pola Asemblea Xeral, deberá ser ratificada pola Administración Deportiva de Galicia.

TÍTULO X

Disolución e liquidación da Federación

Artigo 119

A Federación Galega de Piragüismo extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da Asemblea Xeral.

b) Pola revogación do seu recoñecemento.

c) Por resolución xudicial.

d) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.

e) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico.

Artigo 120

1. A disolución da Federación abre o período de liquidación, ata cuxo termo a Federación conservará a súa personalidade xurídica.

2. Producida a disolución, a Xunta Directiva converterase en Comisión Liquidadora, que se encargará de cumprir e exixir as obrigas pendentes, destinando o patrimonio neto resultante a fins de carácter deportivo ou social análogos á actividade propia da Federación. No non previsto, actuará a Administración deportiva.

3. Corresponde á Comisión Liquidadora:

a) Velar pola integridade do patrimonio da Federación.

b) Rematar as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.

c) Cobrar os posibles créditos da Federación.

d) Liquidar o patrimonio e satisfacer os acredores da Federación.

e) Aplicar os bens sobrantes da Federación para os fins previstos.

f) Solicitar a cancelación de asentos rexistrais.