No Diario Oficial de Galicia núm. 18, do 28 de xaneiro de 2025, publicouse a Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (código de procedemento TR349V).
O artigo 3 da dita orde establece os créditos que financian as axudas do Programa Investigo con cargo aos correspondentes fondos dotados no orzamento de gastos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O crédito total, por importe de 4.817.400 €, consignado no código de proxecto 2024 00077, desagrégase nas seguintes aplicacións orzamentarias:
14.02.322C.470.0: 3.817.400 €.
14.02.322C.480.10: 1.000.000 €.
Conforme o artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, pódese alterar a distribución entre distintos créditos sen modificar a contía total máxima e a redistribución precisará unicamente das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación desta modificación nos mesmos medios que a convocatoria.
Unha vez rematado o prazo de solicitudes do Programa Investigo 2024, concedéronse as axudas segundo a diferente natureza xurídica das entidades solicitantes por cada unha das partidas orzamentarias e quedaron saldos de crédito na aplicación orzamentaria 480.10. Este remanente pode utilizarse para atender outras solicitudes en réxime de concorrencia non competitiva na aplicación orzamentaria 470.0.
O artigo 18 da Orde do 27 de decembro recolle o procedemento para a selección e contratación das persoas traballadoras e establece, no seu punto 4, que os contratos deberán dar comezo antes do 15 de maio de 2025.
A demora nas modificacións orzamentarias precisas para a redistribución do ditos créditos fai imposible o cumprimento do prazo establecido para o inicio dos contratos para aquelas entidades que resulten beneficiarias desta redistribución, polo que resulta necesaria a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes e de inicio dos contratos subvencionados.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Redistribución dos créditos
Redistribuír os créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo, segundo se expresa na seguinte táboa:
|
Aplicación orzamentaria |
Crédito inicial |
Redistribución de créditos |
Crédito final |
|
14.02.322C.470.0 |
3.817.400 |
+737.946,96 |
4.555.346,96 |
|
14.02.322C.480.10 |
1.000.000 |
-737.946,96 |
262.053,04 |
Artigo 2. Presentación de solicitudes
Abrir un novo prazo de presentación de solicitudes das axudas previstas na Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo.
Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
Artigo 4. Modificación da Orde do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025
A orde modifícase nos seguintes termos:
O número 4 do artigo 18 queda redactado da seguinte maneira:
A data límite para o inicio dos contratos subvencionados con cargo a esta orde será o 30 de setembro de 2025, salvo en casos de forza maior ou por causas debidamente xustificadas, en que se poderá autorizar o aprazamento do inicio por parte da secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais.
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
