O Regulamento (UE) 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común (PPC), polo que se modifican os regulamentos (CE) núm. 1954/2003 e (CE) núm. 1224/2009 do Consello, e se derrogan os Regulamentos (CE) núm. 2371/2002 e (CE) núm. 639/2004 do Consello, e a Decisión 2004/585/CE do Consello, establece no seu artigo 35 a creación dunha organización común de mercados (OCM), de xeito que as actividades da produción pesqueira e acuícola, incluída a transformación e comercialización, sexan economicamente viables e competitivas, tendo as organizacións profesionais encomendada un importante labor para acadar os obxectivos da política pesqueira común.
Esta organización común de mercados regúlase no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, pola que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os regulamentos (CE) núm. 1184/2006 e (CE) núm. 1224/2009 do Consello, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello, e desenvolto parcialmente polo Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión, do 17 de decembro, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e das organización interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de acordo co Regulamento (UE) núm. 1379/2013.
Dado este marco normativo europeo, as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura recollidas na OCM establecéronse e reguláronse no plano interno español mediante o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, no que se especifican o seu funcionamento e as medidas que poden aplicar, modificado posteriormente polo Real decreto 664/2023, do 18 de xullo de 2023.
O Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), dispón no seu artigo 26.1.b) o obxectivo específico de promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e da acuicultura, así como a transformación dos devanditos produtos, encadrado na prioridade número dous do FEMPA: fomentar as actividades sustentables da acuicultura, así como a transformación e comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión.
O programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura para o período de programación 2021-2027, aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 20 de novembro de 2022, establece os instrumentos financeiros para a aplicación das medidas do FEMPA. O fin último é fomentar as accións levadas a cabo polas organizacións profesionais de produtores pesqueiros (OPP) para que sexan verdadeiros instrumentos de aplicación da política pesqueira común, cumprindo o papel que lles dá a organización común de mercados da pesca, para o que existe un cofinanciamento por parte dos fondos comunitarios do 70 %.
Realizouse un exercicio de reflexión en canto a esta axuda para tratar de dirixila ao obxectivo para o que foi concibida. Por isto, os novos fondos FEMPA para o período 2021-2027 decidiron reformular a anterior axuda «á creación de organizacións de produtores» do período FEMP 2014-2020, procurando agora que o financiamento sexa empregado para incentivalas a que se consoliden como entidades fortes e activas, de aí a nova denominación «axudas á consolidación de organizacións de produtores».
Neste contexto, a Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a Orde do 26 de setembro de 2024, establece as bases reguladoras para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, no marco do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura 2021-2027 (DOG núm. 193, do 7.10.2024).
Como consecuencia do anterior, a presente orde recolle a convocatoria das axudas á consolidación das organizacións de produtores pesqueiros e das súas asociacións con ámbito de actuación exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao ano 2025.
Segundo o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, correspóndelle á Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, Servizo de Mercados, «o fomento da creación e control da actividade das organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades representativas do sector, recoñecidas no marco da organización común de mercados».
En consecuencia, no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,
DISPOÑO:
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta orde é convocar, para o exercicio 2025, a concesión de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para o período 2021-2027 (código de procedemento PE155D), destinadas á consolidación de organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e de asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP), recoñecidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia, establecidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A información asociada ao procedemento está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/), co código de procedemento PE155D-Axudas destinadas á creación e consolidación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias desta axuda as organizacións de produtores pesqueiros e as súas asociacións, recoñecidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2014, que reúnan as seguintes condicións:
a) Estaren inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros ou no Rexistro de Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros regulados no artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, modificado posteriormente polo Real decreto 664/2023, do 18 de xullo, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.
b) Non teren recibido nos primeiros cinco (5) anos desde o seu recoñecemento o total das axudas para a creación de organizacións profesionais, que se establecen no artigo 6 do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro.
2. A axuda limítase á consolidación das ditas OPP ou AOP para aquelas anualidades que lles correspondan, respectando en todo caso o límite máximo dos cinco (5) anos posteriores á súa creación.
Artigo 3. Requisitos das entidades beneficiarias
Para acceder a estas axudas, as entidades beneficiarias deben cumprir os requisitos xerais e específicos que se dispoñen, respectivamente, nos artigos 3 e 35 das bases reguladoras, establecidas mediante a Orde do 26 de setembro de 2024 (DOG núm. 193, do 7.10.2024).
Artigo 4. Crédito orzamentario
1. O período de elixibilidade do actual programa operativo FEMPA 2021-2027 abarca desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2027, como dispón o artigo 1 do Regulamento (UE) 2021/1139, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura.
2. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea nun 70 % a través do FEMPA e pola Comunidade Autónoma de Galicia no 30 % restante, e faranse efectivas con cargo ao orzamento da Consellería do Mar, a través da aplicación orzamentaria que se detalla no cadro incluído neste artigo, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
A contía máxima total será de 400.000,00 euros e distribuirase do seguinte xeito:
|
Liña de axuda |
Entidades beneficiarias |
Aplicación orzamentaria |
Contía (euros) |
|
Axudas á consolidación das organizacións de produtores pesqueiros |
Organizacións sen ánimo de lucro |
2025.16.02.723B.780.0 |
300.000,00 € |
|
Entidades privadas (con ánimo de lucro) |
2025.16.02.723B.770.0 |
100.000,00 € |
|
|
Total |
400.000,00 € |
3. Sen prexuízo do importe fixado, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións que dispón o artigo 30.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que isto dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa do contrario.
En todo caso, o incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, despois da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.
Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias
1. No caso das OPP, deben ter presentado, desde a data do recoñecemento e ata a data da solicitude da axuda, os correspondentes plans de produción e comercialización (PPeC) e ter obtido a súa aprobación, tal e como establecen os números 3 e 5 do artigo 14 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, modificado posteriormente polo Real decreto 664/2023, do 18 de xullo.
2. Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ser debedoras da Xunta de Galicia por calquera outro ingreso de dereito público.
4. Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.
Do mesmo xeito, deberán comunicar ao órgano outorgante calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi outorgada a axuda.
5. No marco do FEMP ou FEMPA, non ter sido declarados culpables de cometer fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371.
6. Non atoparse en ningún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b) do artigo 11 do Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.
7. Non ter cometido infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 do Consello, ou o artigo 90 do Regulamento (CE) núm. 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC
8. Manter o cumprimento das condicións recollidas no artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, despois de presentar a solicitude, durante todo o período de execución da operación e durante os cinco (5) anos posteriores ao pagamento final que reciban as entidades beneficiarias.
9. Cumprir co disposto no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, en relación coa durabilidade das operacións subvencionadas.
10. Conservar, durante un prazo de cinco (5) anos contados a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o derradeiro pagamento á entidade beneficiaria, os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, conforme o disposto no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. Ademais, tamén deberán conservar os ditos documentos durante dous (2) anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas ás autoridades europeas, por parte da Administración, en que se inclúa a súa operación, informando para tal efecto as entidades beneficiarias da axuda da dita data.
11. Cumprir coa información financeira e adicional que ten que conservar, comunicar e facilitar cando se lles requira, así como o mantemento e a dispoñibilidade da documentación.
12. Levar unha contabilidade separada ou dispor dun código contable axeitado ás transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento.
13. Someterse ás actuacións de comprobación e seguimento que efectúe o polo órgano instrutor, así como someterse a calquera outra actuación de comprobación ou de control financeiro que efectúen os órganos de control competentes, tanto autonómicos como nacionais ou comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
14. Dar unha axeitada publicidade ao carácter público da axuda, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, nos termos establecidos no artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060 e da Consellería do Mar
15. Ademais de todas as obrigas anteriores, a entidade beneficiaria deberá cumprir, durante os cinco (5) anos seguintes ao pagamento final, as condicións establecidas no artigo 18 das bases reguladoras.
Artigo 6. Cálculo e contía da axuda
1. As axudas que se concederán ás organizacións profesionais dos sectores da pesca e da acuicultura serán dun 75 % dos gastos de xestión dos cinco (5) anos seguintes á data do recoñecemento. Tamén serán subvencionables os gastos preparatorios para a constitución da entidade.
2. O importe final elixible da axuda, por organización profesional e ano, non poderá superar o 1 % da media do valor da produción comercializada pola organización profesional durante os tres (3) anos anteriores á solicitude da axuda, cun máximo de 100.000 euros.
O cálculo da produción obterase da suma do valor da produción comercializada por cada un dos membros que compoña a OPP. O resultado que declare a organización de produtores contrastarase cos datos estatísticos oficiais dispoñibles nas aplicacións, bases de datos e outras fontes oficiais. No caso de se detectaren discrepancias, terase en conta o disposto nestas últimas.
3. A axuda concederase para os cinco (5) anos seguintes á data do seu recoñecemento como organización profesional.
4. No suposto de que nunha anualidade a axuda outorgada non acadase o máximo anual que se poida percibir, na seguinte convocatoria poderase incrementar o límite máximo nun importe igual á diferenza entre o máximo anual a percibir e a axuda outorgada, sempre e cando este importe que se incremente non supere o 30 % do límite anual establecido. Este incremento unicamente se poderá aplicar ao ano anterior e non poderá acumularse en anos sucesivos.
Artigo 7. Gastos subvencionables
1. Serán subvencionables os gastos de xestión efectivamente pagados pola organización profesional que correspondan aos seguintes conceptos:
a) Gastos xerados polos traballos preparatorios de constitución da organización e gastos de elaboración da acta constitutiva e dos seus estatutos se for necesario, para axeitarse á normativa que regula as OPP recollidas na OCM, así como os derivados da modificación destes e gastos administrativos asociados. As facturas que xustifiquen este gasto deberán estar emitidas a nome do beneficiario.
b) Gastos do persoal: salarios, gastos de formación, cotizacións sociais. Consideraranse os gastos do persoal non imputados ás medidas dos PPeC.
c) Honorarios polos servizos ou asesoría técnica contratada para o mellor funcionamento da OPP. Non se incluirán traballos relacionados coa execución e preparación do PPeC.
d) Gastos indirectos: aboarase a cantidade acreditada por medio da documentación xustificativa presentada nas seguintes categorías:
– Subministracións (luz, auga, teléfono, gas).
– Gastos de material de oficina e de amortización, ou derivados do arrendamento do equipamento das oficinas.
– Gastos xerados polos medios de que dispoñen as organizacións para o transporte do persoal.
– Gastos de alugueiro ou, no caso de compra, gastos por xuros realmente aboados, e outros gastos derivados da ocupación dos edificios destinados ao funcionamento administrativo das organizacións de produtores.
– Gastos de seguro conexos ao transporte do persoal, aos locais administrativos e ao equipamento destes.
– Gastos relacionados coa obtención de avais necesarios para o financiamento externo de cara á realización dos PPeC.
2. O importe dos gastos de xestión definidos no número 2 deberá determinarse a partir de documentos comerciais e contables que teñan valor probatorio.
3. Para o cálculo e xustificación dos gastos do persoal procederase conforme o disposto no número 1.1 gastos do persoal que se recollen no artigo 29 das bases reguladoras referido á clasificación e desagregación dos gastos subvencionables para as axudas á preparación e aplicación dos PPeC.
4. Aquelas entidades que sexan beneficiarias destas axudas non aplicarán custos indirectos nas medidas dos plans de produción e comercialización presentados durante os períodos en que sexan beneficiarias destas axudas.
Artigo 8. Presentación das solicitudes
1. Para esta convocatoria, o prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo remata o último día do mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán presentar electronicamente, a través do representante legal da entidade, a seguinte documentación:
a) Anexo I, que é o formulario da solicitude, e deberá ir debidamente cuberto cos datos solicitados; ten especial relevancia a indicación de para cal/cales das cinco (5) anualidades a organización solicita a axuda, xunto coa indicación do período correspondente a cada unha das anualidades.
b) Anexo II, declaracións responsables, debidamente cuberto cos datos solicitados, en especial aqueles precisos para o cálculo da contía da axuda, para o cálculo dos criterios específicos na fase de valoración de solicitudes e para o cálculo do indicador de resultado.
c) Anexo III. Gastos xerados polos traballos preparatorios e de constitución.
d) Anexo IV.1. Gastos de persoal: relación de traballadores da entidade.
e) Anexo IV.2. Gastos de persoal: custos de persoal subvencionables.
f) Anexo IV.3. Gastos de persoal: custos por traballador.
g) Anexo V. Gastos de honorarios por servizos ou asesoría técnica.
h) Anexo VI.1. Gastos indirectos: subministracións.
i) Anexo VI.2. Gastos indirectos: material de oficina e de amortización ou derivados do arrendamento do equipamento das oficinas.
j) Anexo VI.3. Gastos indirectos: xerados polos medios de transporte para o persoal da OPP.
k) Anexo VI.4. Gastos indirectos: xerados polo alugueiro, xuros e outros gastos de ocupación dos edificios destinados ao funcionamento administrativo.
l) Anexo VI.5. Gastos indirectos: seguros conexos ao transporte do persoal, aos locais administrativos e ao equipamento destes.
m) Anexo VI.6. Gastos indirectos: relacionados coa obtención de avais necesarios para o financiamento externo de cara á realización do PPeC.
n) Anexo VII. Resumo dos gastos e cálculo da axuda.
2. Do mesmo xeito, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria precisa para a tramitación do procedemento:
a) Poder suficiente da persoa representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.
b) Copia da escritura de constitución e estatutos da sociedade, así como das modificacións ulteriores debidamente inscritas no rexistro correspondente.
c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.
d) Resolución/s da/s axuda/s destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a axuda, no caso de axudas doutras administracións distintas da Xunta de Galicia.
e) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, a documentación necesaria para acreditar o cumprimento do establecido no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) Documentación que acredite que a conta bancaria en que se efectúa o pagamento é de titularidade da entidade solicitante.
g) Xustificantes das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados.
h) Memoria de persoal da entidade en que se especifique para cada traballador o número de horas en que o traballador participou nas medidas do PpeC.
i) Certificado de antecedentes penais da persoa xurídica. Obterase a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza e conterá a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de comprobar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEP, FEMP ou FEMPA.
3. Para acreditar a realidade dos gastos que se inclúan nos anexos que se achegan coa solicitude, as persoas solicitantes deberán achegar os xustificantes dos gastos subvencionables que consistirán, de forma xeral, nas facturas e demais xustificantes de valor probatorio equivalente, documentación contable debidamente dilixenciada, contratos e nóminas, detalladas o máximo posible.
Con carácter xeral, a realización dun gasto poderá acreditarse mediante a correspondente factura e, de ser o caso, contrato, e o seu pagamento co xustificante da transferencia que conteña datos que permitan a súa asociación fidedigna coa factura, para o cal deberán incluír o número da factura e coincidir co importe e o destinatario da transferencia.
Os gastos de amortización poderán acreditarse mediante a factura e o documento do pagamento do ben que se pretende amortizar e a conta contable en que se está a realizar a amortización, correspondente a todos os anos en que o ben está sendo amortizado.
Os gastos de persoal subvencionable serán aqueles a que se refire o punto 1.1 do artigo 29 das bases reguladoras, que determina a clasificación e desagregación dos gastos subvencionables que non fosen imputados ao PPeC no período para o que se solicita a axuda.
Para determinar o número de horas subvencionables deberase restar ao máximo de 1720 aquelas horas que fosen imputadas ás distintas medidas do PPeC no período para o que se solicita a axuda.
Unha vez obtido o número de horas subvencionables, que en ningún caso poderá ser superior a 1720 por ano e traballador, aplicarase o custo unitario obtido de acordo co establecido no punto 1.1 do artigo 29 das bases reguladoras, que determina a clasificación e desagregación dos gastos subvencionables que non fosen imputados ao PPeC no período para o que se solicita a axuda e co límite máximo por hora e grupo profesional, segundo a seguinte táboa:
|
Grupo profesional |
€/hora |
|
I. Titulado superior |
26,62 |
|
II. Titulado grao medio |
22,52 |
|
III. Especialistas encargados/as |
19,37 |
|
IV. Oficial 2ª advo. e oficial de 2ª |
16,10 |
|
V. Persoal subalterno e de servizos específicos non titulados |
14,62 |
Para acreditar os gastos de persoal a entidade presentará unha memoria comprensiva do persoal, que inclúa todo o persoal da entidade, así como as nóminas e os xustificantes do pagamento das nóminas e do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Para iso, comprobaranse os documentos RNT (relación nominal de traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e o modelo 111 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e o modelo 190 (resumo anual), se procede.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa que actúa como representante.
c) Resolución da axuda outorgada para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado, no caso de axudas outorgadas pola Xunta de Galicia.
d) Informe acreditativo de non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións emitido pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
e) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido polo Servizo Técnico Xurídico da Consellería do Mar.
f) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia) obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.
g) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave na política pesqueira común (PPC), do Regulamento (CE) núm. 1224/2009 do Consello, polo que se dispón un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
h) Informe acreditativo de non estar nin ter estado involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR e de países terceiros non cooperantes. Para tal efecto, serán obxecto de consulta as listas da UE dos buques que practican unha pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
i) Informe do Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar de non ter cometido infraccións graves conforme o disposto no artigo 10.1.a) do Regulamento (UE) núm. 508/2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
j) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
k) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesourería Xeral da Seguridade Social.
l) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
m) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar as persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Comisión de Selección
1. Os expedientes que reúnan os requisitos para ser beneficiarios e teñan a documentación completa, unha vez que obteñan a valoración, pasarán a unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
2. A Comisión de Selección está formada polos seguintes membros:
a) Presidencia: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar.
b) Secretaría: a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Mercados.
c) Vogais: dúas persoas funcionarias adscritas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, nomeadas pola presidencia.
3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que nomee a presidencia. O órgano colexiado precisará de, como mínimo, a maioría simple dos membros para realizar a selección.
4. As reunións da Comisión de Selección poderán realizarse tanto de forma presencial como a distancia, nos termos dispostos pola normativa vixente que sexa de aplicación.
5. A Comisión poderá propor que o órgano instrutor requira a documentación complementaria precisa para a correcta valoración da solicitude de que se trate.
6. A Comisión de Selección poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos ou internos.
7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano outorgante, agás no caso en que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá celebrar cantas sesións considere precisas, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.
8. Cando as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias, o órgano instrutor proporá a asignación do orzamento dispoñible mediante rateo do importe global máximo destinado ás subvencións na respectiva convocatoria entre todas as solicitudes, segundo dispón o artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
9. Os documentos, informes e certificados que sirvan para a avaliación das solicitudes formarán parte do expediente das axudas.
10. A Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.
11. Na proposta que formula a Comisión de Selección figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención proposto para cada un deles.
12. A presidencia da Comisión de Selección elevará a proposta de resolución ao órgano outorgante, quen ditará as correspondentes resolucións de concesión.
Artigo 12. Criterios de valoración
Para a valoración das solicitudes empregaranse os seguintes criterios: xerais e horizontais ou específicos:
|
Criterios |
Peso |
|
1. Xerais |
30 % |
|
2.a. Horizontais ambientais e sociais |
20 % |
|
2.b. Específicos de viabilidade técnica e/ou económicos |
20 % |
|
2.c. Específicos de tipo de actividade |
30 % |
1. Os criterios xerais teñen por obxecto asegurar que as operacións subvencionables vaian dirixidas a acadar os obxectivos definidos no programa operativo do FEMPA para España. Para isto valoraranse os seguintes subcriterios:
a) Contribución á estratexia, DAFO e tipos de actividade do programa: a puntuación máxima deste subcriterio será de seis (6) puntos, que se acadarán polo propio recoñecemento da organización por parte das autoridades competentes responsables da súa xestión e o seu mantemento, segundo o resultado dos controis periódicos previstos na normativa.
– Adecuación á estratexia: 0-2 puntos.
– Adecuación ao DAFO: 0-2 puntos.
– Adecuación ao tipo de actividade: 0-2 puntos.
b) Contribución aos indicadores de resultado: entidades que incrementan a sustentabilidade social.
A puntuación máxima deste subcriterio será de dous (2) puntos e non se poderá obter unha puntuación de cero (0). Outorgarase un (1) punto se contribúe ao indicador afectado.
c) Contribución a plans e programas: avaliarase o grao de adecuación do proxecto a plans, políticas ou compromisos nacionais ou internacionais, así como a programas autonómicos ou rexionais.
A puntuación máxima será de dous (2) puntos. Outorgarase un (1) punto cando as operacións teñan correlación cun plan ou programa; dous (2) puntos cando as operacións teñan correlación con máis dun plan ou programa; e poderán outorgarse tamén dous (2) puntos cando contribúa a un plan ou programa de ámbito social.
Unha vez valorados os criterios xerais, que suporán o 30 % da puntuación final, a puntuación máxima será de dez (10) puntos e a mínima de catro (4) puntos. A aplicación dos criterios xerais de valoración permitirá determinar se a operación é apta ou non apta para ser cofinanciada polo FEMPA. Será non apta se obtén unha puntuación igual ou menor a catro (4) puntos, entendéndose como non viables para a obtención dos fondos públicos.
2. Criterios de selección horizontais e específicos: unha vez aplicado o criterio xeral, a Comisión de Selección valorará de novo o proxecto segundo os seguintes criterios:
a) Criterios de selección horizontais, cunha puntuación máxima de catro (4) puntos, que inclúen os seguintes elementos:
– Aspectos ambientais, incluída a mitigación do cambio climático (0-2 puntos).
– Aspectos sociais (0-2 puntos). Valora a adecuación do proxecto ao interese colectivo.
b) Criterios específicos de viabilidade técnica e económica. Terá unha puntuación máxima de seis (6) puntos, que se acadará polo propio recoñecemento da organización por parte das autoridades competentes responsables da súa xestión e o mantemento do mesmo, segundo o resultado dos controis periódicos previstos na normativa.
c) Criterio específico de tipo de actividade. Terá unha puntuación máxima de tres (3) puntos, que se acadarán polo propio recoñecemento da organización por parte das autoridades competentes responsables da súa xestión e o mantemento do mesmo, segundo os controis periódicos previstos na normativa.
3. Para calcular a puntuación final utilizarase a seguinte fórmula:

4. No caso de empate, dirimirase o resultado en función do valor da produción comercializada no exercicio anterior á solicitude, establecéndose a orde de menor a maior produción.
5. Ordenadas todas as solicitudes, atenderase ao seu pagamento co crédito que se indica na presente convocatoria. No caso de que o orzamento non acade todas as peticións, ratearase o importe global máximo destinado entre as entidades beneficiarias atendendo á puntuación obtida na valoración dos criterios.
Artigo 13. Tramitación do procedemento
A tramitación desta axuda seguirá o disposto no título I das bases reguladoras, en particular no establecido nos capítulos I e III.
O órgano competente para a tramitación do procedemento a que se refire o artigo 7 das citadas bases reguladoras será, para esta convocatoria, o Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
Artigo 14. Prazo máximo para resolver e notificar a resolución
1. O prazo máximo para ditar as resolucións dos mencionados procedementos e a súa correspondente notificación será de catro (4) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Delégase no/a director/a xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a facultade de ditar as resolucións de concesión de axudas recollidas nesta convocatoria.
2. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude da axuda por silencio administrativo.
3. Darase publicidade ás subvencións outorgadas a través da Base de datos nacional de subvencións (BDNS) e na páxina web da Consellería do Mar.
4. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal) a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
Artigo 15. Recursos
1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.
2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 14, non é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.
Artigo 16. Modificación de resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.
2. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.
Artigo 17. Pagamento
O pagamento da axuda poderá realizarse no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda, polo que a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa entenderanse implícitas e achegadas na solicitude da subvención.
Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
O pagamento das axudas efectuarase na conta bancaria que fose designada pola entidade beneficiaria.
Artigo 18. Responsabilidades
É responsabilidade das entidades beneficiarias o cumprimento de todos os requisitos e condicións dispostas nas bases reguladoras destas axudas e nesta convocatoria.
En particular, as entidades beneficiarias deberán actuar con boa fe, executar a totalidade das actuacións e cumprir coas finalidades para as cales se outorga a axuda, así como realizar a axeitada xustificación documental da totalidade das actividades realizadas nos termos establecidos.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 22. Publicidade
1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.
2. A Consellería do Mar remitirá á Base de datos nacional de subvencións información sobre as convocatorias e resolucións de concesións ditadas, nos termos establecidos nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
4. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
Artigo 23. Eficacia
A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación e do seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
