DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 10 de xullo de 2025 Páx. 38599

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 27 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento PE113H).

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma, no seu artigo 28, a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado no ámbito da ordenación do sector pesqueiro. Neste sentido, o artigo 3.4 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, inclúe dentro das materias correspondentes á competencia da Comunidade Autónoma, as relativas á ordenación do sector pesqueiro galego, á ordenación das estruturas, aos mercados, á comercialización, á manipulación, á transformación e á conservación dos produtos pesqueiros e á promoción das estruturas de comercialización mediante o apoio aos sectores produtivos na distribución dos produtos do mar.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, modificado polo Decreto 210/2022, do 1 de decembro, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a través da Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, promover todas aquelas accións encamiñadas a incrementar a competitividade das empresas da pesca, o marisqueo e a acuicultura nun contexto globalizado, mediante o reforzamento das súas capacidades de innovación e adaptación ás demandas do mercado e, especialmente, no ámbito da regulación dos mercados pesqueiros, na mellora das canles de comercialización, na adopción de novos mecanismos de comercialización e na promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Para poder acadar estes obxectivos, resalta a importancia de que a Administración galega identifique determinadas situacións puntuais que poidan comprometer o rendemento e incluso a viabilidade das empresas da cadea mar-industria galega e colabore cos actores precisos para paliar os efectos nocivos destas situacións.

A demanda de produtos pesqueiros presenta na actualidade unha situación alarmante, cunha forte contracción da demanda, onde os fogares, a pesar de gastaren máis ca nunca en peixe e marisco, veñen reducindo de xeito ininterrompido o peso do produto na súa cesta da compra, cunha caída no volume consumido por persoa e ano de máis dun terzo nos últimos dez anos. Esta tendencia continúa afastando os hábitos nutricionais das recomendacións do Ministerio de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Española de Seguridade Alimentaria.

Así, nos últimos anos véñense apreciando tensións inflacionistas que afectan moi particularmente os axentes da cadea de comercialización de produtos alimentarios, cun incremento xeneralizado dos prezos dos produtos do mar, que se está a traducir en alteracións na demanda, dando lugar a un cambio dos patróns de comportamento tradicionais dos/das consumidores/as e a un forte descenso do consumo de peixe e marisco, que afecta de xeito moi significativo a actividade do sector produtivo e extractivo e o comercio retallista, que están a acusar de xeito directo as consecuencias desta contracción no consumo dos produtos da pesca e acuicultura frescos, ameazando a supervivencia de moitos produtores e tamén de pequenos e medianos establecementos de distribución, esenciais para asegurar a dispoñibilidade e accesibilidade do produto nas localidades de menor tamaño.

O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004, estipula que a seguridade alimentaria está baseada nuns mercados eficientes e ben organizados, que melloren a transparencia, a estabilidade, a calidade e a diversidade da cadea de subministración, así como a información ao consumidor. Con este fin, o FEMPA debe poder apoiar a comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura, en consonancia cos obxectivos establecidos no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

Para este fin, establece no seu artigo 3 que o FEMPA contribuirá á aplicación da PPC e da política marítima da Unión, tendo entre as súas prioridades a de fomentar as actividades sustentables de acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e a acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión (prioridade 2).

No artigo 26 do devandito Regulamento (UE) nº 2021/1139 establécese que o apoio no marco desa prioridade 2 abarcará intervencións que contribúan á consecución dos obxectivos da PPC establecidos no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, por medio de determinados obxectivos específicos, entre os que se atopan o de promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e da acuicultura.

O programa Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura: Programa para España prevé, de cara a acadar o obxectivo específico 2.2 a través da «mellora da comercialización mediante campañas de promoción dos produtos pesqueiros e acuícolas», apoiar accións de promoción dos produtos pesqueiros e acuícolas. En concreto, prevese apoiar operacións consistentes en campañas de comunicación e promoción dos produtos e a actividade de pesca sustentable, a organización e participación en feiras, congresos, eventos, seminarios e exposicións, promoción de produtos con dificultades para a súa introdución no mercado, así como proxectos de comunicación e promoción, co obxecto de avaliar e planificar campañas de promoción dos produtos e as actividades da pesca e a acuicultura e a busca de novos mercados.

Deste xeito o programa apoia, entre outras moitas accións relacionadas, promover o consumo habitual dos produtos da pesca e acuicultura.

Polo tanto, o obxecto desta orde cumpre cos requisitos de elixibilidade (S) establecidos no programa operativo do FEMPA 2021-2027 de España.

Ademais, de conformidade co disposto no artigo 41 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, do 7 de xullo, polo que se establece o FEMPA, cúmprense as porcentaxes de intensidade máxima da axuda e, en aplicación do seu artigo 40, a porcentaxe de cofinanciamento polo FEMPA é do 70 %.

Por todo o exposto, a Consellería do Mar, partindo da planificación dunha serie de operacións que, atendendo ao maior interese xeral do sector pesqueiro e dentro das prioridades marcadas polo programa operativo, procuran dar resposta urxente á forte caída no consumo de produtos do mar que ameaza a viabilidade do sector da pesca e acuicultura, e explotar as sinerxías existentes coas medidas de promoción xa en marcha para acadar o máximo impacto e chegar ao maior número posible de destinatarios finais, contribuíndo, pola súa vez, a garantir a seguridade alimentaria da poboación, vai proceder á convocatoria do programa de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, bonos Peixe en peixarías, dada a repercusión positiva que tiveron programas similares na reactivación das vendas no comercio de proximidade galego, co fin de apoiar a recuperación da cadea de produción e comercialización dos produtos da pesca e acuicultura, elemento esencial para a garantía da seguridade alimentaria da poboación, asegurando ao mesmo tempo, a través da súa implementación ao longo de varios meses, unha reactivación da demanda que acade un efecto prolongado no tempo máis aló da propia duración do bono.

A finalidade deste programa de bonos Peixe en peixarías é estimular a demanda dos produtos da pesca e da acuicultura frescos entre as persoas consumidoras, a través dunha campaña que promoverá o consumo mediante o recurso á técnica do desconto comercial, xa que o apoio ás medidas de promoción se está mostrando como unha das mellores garantías da continuidade e futuro do sector pesqueiro e acuícola galego, apoiando así a reactivación económica da pesca e acuicultura galegas e asegurando a actividade do comercio retallista destes produtos, promovendo a súa compra regular, corrixindo o impacto do factor prezo como elemento disruptor da demanda e paliando, ao mesmo tempo, o impacto negativo na calidade alimentaria da cesta da compra dos cidadáns derivado da alteración nos patróns de consumo.

Os bonos Peixe en peixarías poderán utilizalos persoas físicas maiores de idade nos operadores comerciais retallistas radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que se adhiran ao programa, parte activa e fundamental para levar a cabo esta campaña de dinamización e reactivación do consumo de peixes e mariscos frescos a través do comercio de proximidade.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Mar en materia de promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá o programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.

Así mesmo, por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2025 e á apertura do prazo de adhesión dos comercios interesados (código de procedemento PE113H).

Artigo 2. Obxectivos

O obxectivo da campaña de promoción do consumo de peixe e marisco frescos a través dos bonos Peixe en peixarías é incentivar e normalizar o hábito de consumo de peixe e marisco frescos a través dun apoio económico sostido no tempo ao seu prezo no comercio retallista, reactivando e dinamizando o consumo nos establecementos comerciais de proximidade adheridos á campaña dos produtos obxectivo dela.

O programa ten como finalidade impulsar a recuperación da cadea de produción e comercialización da pesca e acuicultura da Comunidade Autónoma de Galicia a través do incentivo da demanda, apoiando a actividade dos operadores comerciais retallistas, esenciais para asegurar a seguridade alimentaria; xerar hábitos de consumo saudables entre a poboación e recuperar a percepción do peixe e marisco de Galicia como unha fonte de proteína de proximidade e alta calidade, paliando, pola súa vez, o impacto negativo derivado da actual situación inflacionista que vén dando lugar á substitución do peixe e marisco por outros produtos de menor prezo e inferior calidade nutricional.

Artigo 3. Orzamento

1. Para a concesión destes bonos destinaranse 2.500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.723B.480.0, código de proxecto 2023 00197S, da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

As actuacións recollidas nesta orde fináncianse nun 70 % co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Faise constar tamén a elixibilidade da actuación que se pretende no marco da prioridade da Unión, obxectivo e medida do FEMPA: 2.2.2, Mellora da comercialización mediante campañas de promoción dos produtos pesqueiros e acuícolas, prevista no artigo 26 do Regulamento (UE) nº 2021/1139. Esta participación farase constar en todas cantas actuacións se realicen ao abeiro desta orde.

2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Peixe en peixarías co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias ou o número de tramos, e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidade colaboradora

A entrega e a distribución do bono farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 14 de maio de 2025 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías (código de procedemento PE113G).

Artigo 5. Actividade subvencionable

Por medio desta convocatoria promoverase o consumo de peixe e marisco frescos, a través dos bonos Peixe en peixarías, nos comercios retallistas de Galicia adheridos ao programa.

A campaña artellarase economicamente en 10 tramos de 250.000,00 €, que se liberarán cada 7 días para o seu uso, que poden acumularse ao importe non consumido de tramos anteriores, quedando dispoñibles para o seu uso ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa ou a fin do período de validez do bono.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 50 €, que estarán dispoñibles para o seu uso en tramos semanais de 5 € acumulables durante o período de validez do bono, para as compras de peixe e marisco frescos realizadas nos comercios adheridos.

Poderase usar cada bono ata o esgotamento do importe semanal do usuario ou, se é o caso, do acumulado ata o momento, ou ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa para cada tramo semanal.

O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada de acordo cos seguintes criterios:

– Aplicarase un desconto do 25 % na compra de peixe e marisco fresco, sen exixencia dunha compra mínima.

– Este desconto terá un límite máximo de 5 euros por semana.

– No caso de ter acumulados descontos non utilizados en semanas anteriores, poderase aplicar o saldo acumulado, pero o importe total do desconto non poderá superar os 25 euros nunha mesma semana.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

Artigo 6. Natureza do desconto

Os descontos que se concedan no marco do programa de dinamización e incentivo do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías terán a consideración de subvencións a fondo perdido.

Artigo 7. Procedemento de concesión

O procedemento para a concesión do bono de desconto regulado nesta orde é o de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde das solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 3 destas bases reguladoras.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións que fomenten o consumo de peixe e marisco frescos, cumprindo os requisitos especificados nesta orde.

Artigo 8. Órgano responsable da xestión do bono

O órgano responsable da xestión do bono será a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a quen lle corresponderá desenvolver as actuacións de supervisión e control da correcta execución do programa.

A xestión dos fondos públicos asignados ao programa bonos Peixe en peixarías levarase a cabo de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 9. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias do bono as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

As subvencións entenderanse concedidas co troco dos bonos polas persoas usuarias.

Artigo 10. Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa

1. Os comercios retallistas ou comerciais retallistas ambulantes que desexen adherirse ao programa bonos Peixe en peixarías deberán rexistrarse na web www.bonopeixe.gal e indicar a seguinte información:

• Nome e apelidos ou razón social.

• Establecemento comercial ou domicilio fiscal en Galicia.

• NIF.

• Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.

• Nome comercial.

• Enderezo do establecemento ou establecementos comerciais participantes.

• Número/números de teléfono móbil para os efectos do seu uso na campaña.

• Correo electrónico.

• IAE principal (incluído no anexo I).

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento comercial (se é o caso).

No caso dos comerciais retallistas comprendidos dentro do código IAE 663.1, venda ambulante de pescado e marisco, CNAE 4723, Comercio retallista de peixe e marisco (venda retallista fóra de local), os datos referentes ao enderezo do establecemento comercial poderán ser substituídos pola identificación do vehículo principal utilizado para a actividade comercial.

2. O prazo para adherirse ao programa será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o esgotamento do crédito dispoñible ou, en todo caso, ata o 1 de outubro de 2025, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Poderán adherirse ao programa bonos Peixe en peixarías os comercios retallistas e comerciais retallistas ambulantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia, ou no caso dos vendedores ambulantes, actividade comercial unicamente en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou establecementos autorizados para a venda de produtos pesqueiros frescos.

c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.

d) Que estean dados de alta no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa).

4. A alta e o uso da aplicación suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informadas convenientemente.

5. Na alta para a adhesión ao programa, as persoas comerciantes ou os representantes dos comercios adheridos poderán outorgar a súa autorización para recibir información das axudas, actuacións e programas que poña en marcha a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

6. As persoas comerciantes ou os representantes dos comercios adheridos deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica poderá comprobar ou, se é o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

7. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.

8. O nome comercial e a localización dos establecementos comerciais ou retallistas adheridos ao programa bonos Peixe en peixarías faranse públicos na web www.bonopeixe.gal

9. Os comercios ou comerciais retallistas adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 11. Comprobación de datos

Poderán consultarse automaticamente os datos dos comercios ou comerciais retallistas incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

e) Alta no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa).

No caso de que a persoa interesada se opoña á súa consulta deberá achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Presentación da solicitude dos bonos

1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonopeixe.gal e indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos.

b) Maioría de idade.

c) DNI ou NIE.

d) Localidade de residencia (código postal).

e) Número de teléfono móbil.

f) Correo electrónico.

2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informadas convenientemente.

3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica e coa Seguridade Social.

5. Opcionalmente, os bonos poderanse solicitar de xeito presencial na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e nos departamentos territoriais e comarcais da Consellería do Mar.

6. As persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes, poderán autorizar expresamente os/as empregados/as para a solicitude e a obtención dos bonos en formato papel. Neste suposto deberase acreditar a representación expresa por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna ou mediante declaración responsable en comparecencia persoal da persoa interesada ante o/a funcionario/a da Administración.

Artigo 13. Sistema de funcionamento dos bonos

1. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonopeixe.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a APP BonoPeixe.

3. No momento da compravenda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e facilitar o seu número de DNI ou NIE e, pola súa banda, os/as comerciantes, terán que introducir na APP o importe, número de tícket e o concepto da venda, aparecendo automaticamente o importe que hai que cobrar (unha vez aplicado o desconto) aos consumidores, que deberán pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.

4. Os bonos descargados poderanse utilizar en tramos semanais de 5 euros acumulables durante o período de validez do bono.

5. Poderase usar cada bono ata o esgotamento do importe semanal do usuario ou, se é o caso, do acumulado ata o límite establecido, ou ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa para cada tramo semanal; ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

Artigo 14. Obrigas dos comercios e comerciais retallistas adheridos ao programa

Os comercios e comerciais retallistas adheridos ao programa bonos Peixe en peixarías adquirirán, a través da solicitude de adherencia ao programa, as seguintes obrigas:

a) Anunciar no exterior do establecemento ou punto de venda, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa bonos Peixe en peixarías, e dar unha axeitada publicidade ao carácter público da axuda, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, nos termos establecidos no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e da Consellería do Mar.

b) Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos, exclusivamente na parte correspondente ao importe da compra de peixe e marisco frescos, de xeito que as persoas usuarias non cheguen a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado. Para estes efectos, o tícket ou factura de compra deberá reflectir, en todo caso, o importe da compra, o importe do desconto do bono e o importe final que hai que pagar.

c) Especificar por escrito na zona de caixa, de forma visible, de ser o caso, a política de devolución establecida no número 7 do artigo 16 destas bases reguladoras.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.

e) Conservar, durante un prazo de cinco (5) anos os documentos xustificativos da aplicación do bono, en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e seguimento que efectúe o órgano instrutor, así como someterse a calquera outra actuación de comprobación ou de control financeiro que efectúen os órganos de control competentes, tanto autonómicos como nacionais ou comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitarllas a outras persoas ou establecementos.

Artigo 15. Órganos competentes para a instrución e resolución

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión do bono.

Corresponderalle á persoa titular da Consellería do Mar ditar a resolución correspondente, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 16. Condicións de uso dos bonos

1. Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado, ata o esgotamento do importe semanal do usuario ou, se é o caso, do acumulado, nun ou varios dos comercios retallistas adheridos ao programa.

2. Cada bono terá un valor de 50 €, que estarán dispoñibles para o seu uso en tramos semanais de 5 €, acumulables durante o período de validez do bono, para as compras de peixe e marisco frescos realizadas nos comercios adheridos.

3. Poderase usar cada bono ata o esgotamento do importe semanal do usuario ou, se é o caso, do acumulado ata o momento ata o máximo establecido, ou ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa para cada tramo semanal.

4. En función do importe das compras, poderán obterse os seguintes descontos:

– Aplicarase un desconto do 25 % e na compra de peixe e marisco fresco, sen exixencia dunha compra mínima.

– Este desconto terá un límite máximo de 5 € por semana.

– No caso de ter acumulados descontos non utilizados en semanas anteriores, poderase aplicar o saldo acumulado, pero o importe total del desconto non poderá superar os 25 € nunha mesma semana.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

5. A validez dos bonos estenderase ata a finalización do período previsto no artigo 18 destas bases reguladoras, salvo esgotamento previo do seu saldo, ou ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

6. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as comerciantes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.

7. A devolución do ben ou bens comprados queda suxeita á política de devolucións que para este tipo de produto teña disposto cada establecemento. O importe da compra poderá, se é o caso, ser trocado por outra compra de prezo igual ou superior ou por un vale sen caducidade polo importe correspondente. O/a comerciante non poderá aboar á persoa consumidora, en ningún caso, diñeiro en efectivo ou na tarxeta de crédito.

8. Non será aplicable o troco dos bonos para as compras en liña.

Artigo 17. Data de descarga dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonopeixe.gal para a súa descarga polas persoas usuarias a partir do día seguinte ao décimo día hábil contado desde a apertura do prazo de adhesión dos comercios e ata a data de fin do programa, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

Mediante orde da Consellería do Mar poderanse modificar os anteditos prazos se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellasen, do que se dará a oportuna publicidade.

Artigo 18. Vixencia do programa

O programa bonos Peixe en peixarías estará vixente ata o 30 de outubro de 2025.

Mediante orde da Consellería do Mar poderase modificar a devandita data se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellasen, do que se dará a oportuna publicidade.

Artigo 19. Instrución e resolución de concesión

Co troco dos bonos na forma establecida no artigo 13 destas bases reguladoras, as axudas entenderanse concedidas.

A resolución de concesión do bono publicarase na páxina web oficial da Consellería do Mar, con indicación das persoas beneficiarias do bono de desconto e o importe das axudas concedidas.

Artigo 20. Xustificación e inspección

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar durante o período de vixencia dos bonos e a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa bonos Peixe en peixarías e o cumprimento das obrigas exixidas polo RDC e polo RFEMPA aos beneficiarios.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos adheridos, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica poderá cancelar a adhesión destes ao programa. Neste caso comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e paralizar o proceso de pagamento dos bonos ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.

Os comercios retallistas adheridos ao programa bonos Peixe en peixarías están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e os restantes órganos competentes no exercicio das súas funcións de control.

Artigo 21. Compatibilidade con outras axudas

As axudas obtidas ao abeiro desta orde serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente desta e doutras administracións públicas.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 22. Información básica en materia de protección de datos persoais

A recollida dos datos persoais está encomendada á entidade financeira adxudicataria e a Xunta de Galicia, Consellería do Mar, desempeña a condición de responsable do tratamento, que serán tratados coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión dos bonos Peixe en peixarías.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga), e no Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

Para a entrega do material coa imaxe corporativa do programa bonos Peixe en peixarías aos establecementos adheridos, a información relativa ao nome comercial e ao enderezo postal do comercio ou comerciante retallista, ao nome da persoa representante e ao teléfono móbil poderá ser comunicada a terceiros colaboradores.

Serán obxecto de publicación os nomes comerciais dos comercios e comerciais retallistas adheridos ao programa na páxina web www.bonopeixe.gal

As persoas interesadas poderán solicitar, ante o responsable, acceder, rectificar ou suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais. Así mesmo, poderán exercer os devanditos dereitos no correspondente enderezo da entidade financeira colaboradora: Servizo de Atención ao Cliente de Abanca, rúa Nova, 1, entresollado, 15003 A Coruña, ou a través do correo atencioncliente@abanca.com, e poderán consultar a información completa sobre o tratamento dos seus datos na política de privacidade da entidade publicada na web https://www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad/

As persoas interesadas poderán consultar máis información e contactar co delegado de Protección de Datos (DPD) na páxina https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Información

As persoas interesadas poderán obter información adicional a través da web:

www.bonopeixe.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderán facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar

ANEXO I

Grupos e epígrafes do IAE:

643.1. Comercio retallista de peixes e outros produtos da pesca e da acuicultura e de caracois.

647.2. Comercio retallista de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas, en réxime de autoservizo ou mixto en establecementos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3. Comercio retallista de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas, en réxime de autoservizo ou mixto en superservizos, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas se atope comprendida entre 120 e 399 metros cadrados.

647.4. Comercio retallista de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas, en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas sexa igual ou superior a 400 metros cadrados.

661.2. Comercio en hipermercados, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda, que dispoñen, normalmente, de estacionamentos e poñen ademais diversos servizos á disposición dos clientes.

661.3. Comercio en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

663.1. Venda ambulante de peixe e marisco. CNAE 4723, Comercio retallista de peixe e marisco (venda retallista fóra de local).