BDNS (Identif.): 844483.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvenciones:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/844483
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias do bono as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido na orde.
As subvencións entenderanse concedidas co troco dos bonos polas persoas usuarias.
Segundo. Obxecto
O obxecto desta orde é aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá o Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías.
Así mesmo, por medio desta orde, procédese á súa convocatoria para o ano 2025 e á apertura do prazo de adhesión dos comercios interesados.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 27 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivo do consumo de peixe e marisco frescos nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Peixe en peixarías, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento PE113H).
Cuarto. Importe
Para a concesión destes bonos destinaranse 2.500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.723B.480.0, código de proxecto 2023 00197S, da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
As actuacións recollidas nesta orde fináncianse nun 70 % co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Faise constar tamén a elixibilidade da actuación que se pretende no marco da prioridade da Unión, obxectivo e medida do FEMPA 2.2.2, Mellora da comercialización mediante campañas de promoción dos produtos pesqueiros e acuícolas, prevista no artigo 26 do Regulamento (UE) nº 2021/1139. Esta participación farase constar en todas cantas actuacións se realicen ao abeiro desta orde.
2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa bonos Peixe en peixarías co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias ou o número de tramos, e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentación de solicitudes e a obtención dos bonos polas persoas usuarias será o mesmo ca o de adhesión ao programa dos comercios retallistas.
Os comercios retallistas ou comerciais retallistas ambulantes que desexen adherirse ao programa bonos Peixe en peixarías deberán rexistrarse na web www.bonopeixe.gal
O prazo para adherirse ao programa será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o esgotamento do crédito dispoñible ou, en todo caso, ata o 1 de outubro de 2025, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonopeixe.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
