BDNS (Identif.): 845385.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/845385
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 30 de setembro de 2024 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente modalidade ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.
Debe tratarse de empresas privadas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens, entidades sen personalidade xurídica ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais, as cooperativas de traballo asociado e as sociedades profesionais.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea para mulleres.
O programa Emega comprende as seguintes modalidades de axuda:
a) Emega Emerxe: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea;
b) Emega Impulsa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, consolidación e mellora de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico;
c) Emega Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovida por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea;
d) Emega Concilia: axuda complementaria das modalidades Emerxe, Impulsa e Innova para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 9 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI429A).
Cuarto. Importe
A contía das axudas establécese en función da modalidade solicitada e do número de postos de traballo xerados ou mantidos para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Emega Emerxe: incentivos desde 10.000 € ata 22.000 €.
b) Emega Impulsa: incentivos desde 8.000 € ata 17.000 €.
c) Emega Innova: incentivos desde 18.000 € ata 42.000 €.
d) Emega Concilia:
• Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
• Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de cinco millóns vinte e tres mil setecentos vinte e nove euros (5.023.729,00 €). Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
