O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa traballadora o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.
O desempeño da prestación da asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.
A organización sindical UGT comunicou unha convocatoria de paros parciais do persoal do servizo de cociña da empresa SPS, S.L., que presta servizo no Hospital Quirónsalud na Coruña, para os días 15 e 16 de xullo, a partir das 12.00 horas, nos seguintes horarios: das 8.00 ás 9.00 horas, das 12.00 ás 13.00 horas, das 16.00 ás 17.00 horas e das 19.00 ás 22.00 horas.
Resulta incuestionable que o servizo de cociña nun centro hospitalario é un elemento esencial para garantir o dereito constitucional á protección da saúde e á continuidade da asistencia sanitaria ás persoas hospitalizadas, xa que asegura a subministración adecuada e ininterrompida de alimentos dos pacientes ingresados, o que contribúe directamente á seguridade, calidade e benestar durante o proceso asistencial.
Ademais, afecta unha institución coa que o Servizo Galego de Saúde ten formalizado un concerto singular para a prestación de servizos de asistencia sanitaria especializada, incluídos na súa carteira de servizos, a determinada poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo citado organismo. Polo tanto, esta soa circunstancia determina de seu a procedencia de fixar servizos mínimos.
Para a determinación dos servizos mínimos, esta orde adopta os criterios reitores habituais aplicados pola consellería en anteriores conflitos no sector de hostalaría e cociña, orientados a garantir unha actividade mínima que asegure a cadea de elaboración, empratado, distribución e recollida de comidas e utensilios.
Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A convocatoria de folga referida na parte expositiva deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os seguintes criterios reitores:
– Servizo de cociña: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos, co máximo do 60 % dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.
No servizo de cociña é preciso garantir a dispoñibilidade de alimentos para os/as doentes e o persoal de garda. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, naqueles centros que dispoñen de persoal neses días. Naqueloutros en que o traballo está organizado para que o persoal non preste servizos os días festivos, é preciso manter unha actividade que garanta que non rompan as existencias de alimentos preparados nas unidades, sen que sexa posible asumila sen romper a cadea de produción nos restantes días da semana. Por iso, nestes casos considérase necesario tomar como referencia o 60 % do persoal da quenda de traballo, imprescindible para garantir un mínimo funcionamento da cadea de elaboración, empratado, distribución e recollida de comidas e utensilios.
Artigo 2
A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores deberá estar motivada adecuadamente.
A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para o xeral coñecemento do persoal interesado, e no cal deberá quedar constancia da xustificación e dos criterios ponderados para determinar os ditos efectivos.
O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ás persoas designadas.
O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro traballador ou traballadora que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Conforme os criterios establecidos, no anexo desta orde indícase o número mínimo de persoas necesarias para garantir a cobertura das xornadas de folga.
Artigo 3
Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
|
Quenda |
Número de persoas |
|
Das 8.00 ás 15.00 h |
1 persoa |
|
Das 15.00 ás 22.00 h |
1 persoa |
|
Das 18.30 ás 22.00 h |
1 persoa |
